O reparto de fondos públicos por parte das distintas administracións está regulado por diversas disposicións legais. En concreto:-A Constitución Española- A Lei 47/2003 Xeneral Orzamentaria- A Lei 40/2015 de Réxime Xurídico do Sector Público- A Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público-A Lei 19/2013 de Transparencia e Bo Goberno.
Alén desas Leis estatais tamén cómpre mencionar a Lei de facendas locais e a Lei de Administración Local de Galicia.
Todas elas establecen que as distintas administracións están obrigadas a repartir os fondos públicos dos que dispoñan en base aos seguintes principios de reparto:
1-Eficiencia e Economía
2-Igualdade e Non Discriminación
3-Obxectividade e Interese Xeral
4-Publicidade e Concorrencia Competitiva
5-Transparencia
6-Sostibilidade Financeira
7-Mérito e Capacidade
8-Boa Fe
9-Non afectación orzamentaria
Este parámetros perseguen que todos os cidadáns e cidadás teñan os mesmos dereitos e igualdade de oportunidades á hora de recibir os fondos que financien os servizos e infraestruturas necesarias para poder vivir.
En ningunha disposición legal aparece que cando unha administración local estea gobernada por unha forza política diferente á administración que distribúe os fondos, sexa a administración estatal a autonómica ou a provincial, deba de ser castigada mentres que se se dá o caso contrario, é dicir que un concello sexa gobernado polo mesmo partido que o que está na administración que reparte os cartos, sexa a que sexa, este concello deba de ser premiado.
Porén, se nos tomamos a molestia de pescudar a forma na que a Xunta de Galicia reparte os fondos, que debe repartir aos distintos concellos, veremos como esta administración algúns deses principios: Igualdade, Obxectividade, Non discriminación…non os leva o que se di moi ben.
Nesta edición de ANP imos analizar o caso concreto do Concello de As Neves.
1º Parte: O Concello de As Neves.
Nas municipais do 2015 produciuse un cambio histórico na aritmética municipal, o PP perde a maioría absoluta e fórmase un goberno conxunto do BNG e o PSOE co nacionalista Xosé Manuel Rodríguez Méndez como alcalde deste concello. Por primeira vez na historia o nacionalismo logrou gobernar esta localidade.
Este goberno exerceu durante dos mandatos, desde o 2015 ata 2023.Nese ano o PP, cun candidato pouco coñecido que chegou a última hora, logrou recobrar a confianza maioritaria da sociedade local de forma un tanto inesperada. Houbo razóns que explicaron esta sorprendente vitoria desde logo, que si. Esas circunstancias non son, porén, o obxecto deste artigo. O BNG e o PSOE locais deberán facer autocrítica e corrixir os erros que puideran ter cometido se queren darlle unha viraxe á situación política e gañar ao PP no 27. Pero o que nos interesa agora é:
O que aconteceu despois
As Neves durante os 8 anos de goberno do BNG recibiu o que lle correspondía do Fondo de Cooperación Local. Neste caso non hai nada que dicir, aínda que tamén é certo que á administración autonómica non lle queda outra que repartir eses cartos a todos os concellos galegos en funcións dos parámetros de reparto establecidos por Lei.
Pero das cantidades que a Xunta destina aos municipios o Fondo de Cooperación Local non supón máis que o vinte e pico por cento do total. A parte substancial das cantidades recibidas veñen das subvencións e os convenios entre a Xunta e os distintos Concellos, e alí está a parte espiñenta da situación.
Algunhas destas subvencións recíbeas o primeiro concello que presente o proxecto potencialmente subvencionable. E misteriosamente son sempre os concellos gobernados polo PP os primeiros que chegan na práctica totalidade de convocatorias.
Son avisados previamente?
Non teño nin idea desde logo, e afirmalo sería unha especulación gratuíta .Pero resulta moi curioso que sexan case sempre os concellos populares os que gañen ese tipo de subvencións.
Este situación é, de ser o caso, grave, pero non é o máis grave nas formulas de financiamento que utiliza a Xunta coa administración local. O que é realmente preocupante e si se pode comprobar empiricamente, lonxe de calquera tipo de especulación ou suposición é o caso dos convenios que asina a Xunta cos distintos Concellos
Os convenios e as actuacións directas da Xunta en espazos municipais que son competencia autonómica, son unha forma perversa de condicionar a vida económica dos Concellos.
No Concello que nos ocupa temos un caso flagrante:
O caso do cruce de Setados
Setados é unha parroquia das Neves situada na estrada que vai a Arbo. Accédese desde esa estrada, e a saída da parroquia para a estrada xeral é un perigo enorme, pois literalmente cando queres saír non podes ver os coches que veñen pola xeral. Hai que saír case por intuición.
A reivindicación de arranxar ese problema é previa á chegada do BNG no 2015 ao goberno das Neves. De feito había un proxecto redactado para executalo antes de que PP perdera a alcaldía no ano 15. Que pasou cando o BNG chega a alcaldía das Neves?
O proxecto quedou nun caixón e paralizouse. O alcalde nacionalista das Neves pediulle á conselleira que naquel momento levaba esa área, Ethel Vázquez, arredor de media ducia de veces que a Xunta arranxara esa grave deficiencia, pois está nunha estrada que é da súa competencia. A resposta da conselleira foi sempre a mesma: Non.
O PP gaña as eleccións do 23 e recupera a alcaldía das Neves
Pero de súpeto hai un cambio que ninguén esperaba e o PP recupera a alcaldía das Neves. E poucos días despois da vitoria a mesma conselleira que lle negara varias veces a un goberno do BNG arranxar o problema de Setados, anuncia que, agora si, o cruce de Setados vai ser por fin arranxado.
A campaña electoral
Na campaña electoral das municipais do 23, o candidato do PP, e agora alcalde Jose Manuel Alfonso, publicou un vídeo no que afirmaba que en cuestión de meses o problema de Setados ía ser amañado. Non foron meses pero o certo é que agora si está en camiño de amañarse.

Como o sabía Jose Manuel Alfonso?
Non parece verosímil pensar que o alcalde de As Neves teña facultades adivinatorias. Entón parece razoable pensar que o PP lle di ao entón candidato das Neves que se gañaba as eleccións ía arranxarlle o problema.
Se isto foi en realidade como parece, que diferenza hai entre ese modus operandi e aquel anuncio de Trump aos arxentinos de que só habería pasta se Milei gañaba as eleccións?
Ningunha, non hai ningunha diferenza.
É esta unha forma democrática de xestionar os recursos públicos?.Parece evidente que non, non o é. Sería en calquera caso a utilización do diñeiro público para beneficiar a unha opción política en concreto.
As sendas verdes
Outra cuestión que chama poderosamente a atención é o caso das sendas que o goberno nacionalista das Neves propón á Xunta. Cal foi a resposta da administración autonómica?: Si, foi a de sempre: Non.
En paralelo en Salvaterra, concello gobernado polo PP, a Xunta si fai a senda entre Oleiros e Leirado. Por que nas Neves non, e en Salvaterra si?..Pois non parece moi difícil contestar cunha hipótese verosímil: porque nas Neves non gobernaba o PP e en Salvaterra si.
A estrada que vai a Leirado( Salvaterra) chega ata Taboexa( As Neves). Aproveitando as obras desa senda o goberno do BNG das Neves propuxo á Xunta que actuara nunha zona concreta de Taboexa,. A resposta da Xunta foi a mesma:Non.
As depuradoras
Esta foi outra proposta que casualmente recibiu a mesma resposta. O goberno do BNG das Neves solicita á Xunta actuar na depuradora de Liñares( As Neves) e a resposta foi a de sempre: Non. En paralelo a Xunta si lle concede ao goberno de Salvaterra actuar na depuración do Mendo, pertencente ao termo municipal de Salvaterra e que apenas está a un quilómetro de distancia de Liñares. Por que a unha si e a outra non? A resposta déixovola a vós amigas e amigos lectores.
Os Convenios
Nos oito anos de goberno nacionalista nas Neves o goberno local só logrou asinar un convenio con Medio Rural para reformar, despois dos lumes, unha parte da Estrada que vai desde A Caíña ata O Pousadouro. O custe dese convenio foi de 50.000€
Porén en Salvaterra, neses mesmos oito anos, a Xunta asinou co Concello convenios por valor de 8.000.000 de €. En Arbo, outro concello gobernado polo PP, nese mesmo período de tempo os convenios asinados superaron os 4.000.000 de €
Os tres concellos están seguidos, en dous gobernaba neses oito anos o PP e nun o BNG. Cos dous concellos PP asínanse arredor de 12.000.000 de € en convenios, 8 para Salvaterra e algo máis de 4 para Arbo e coas neves tan só 50.000€
Por que?
A resposta non resulta moi difícil de adiviñar. Que vaia na conciencia e na honestidade intelectual de cada lector e de cada lectora.
Como se soluciona?
Na urnas. Non hai outro camiño. Soluciónase sacando de todos os gobernos a quen administra desa maneira. A situación de suposto nepotismo é tan grave que remato este artigo cun episodio que describe á perfección a forma que ten o PP de acadar o poder local:
A Festa do Requeixo
Na Festa do Requeixo do 2023, a última co BNG na alcaldía, celebrada moi pouco antes de que o PP recuperase o Concello das Neves, apareceu Paula Prado con Jose Manuel Alfonso e tachán tachán tachán un equipo da TVG…Que fixo este equipo da Televisión pública galega? cubrir a Paula Prado, cubrir ao candidato do PP ao longo de toda festa do Requeixo, e ignorar absolutamente ao alcalde das Neves naquel momento ou a calquera dos membros do seu goberno.
Así é como o PP acada e consolida o seu poder local.

Primer comentario