Cancelación da IV edición do festival “ Urban Fest”
“……….Os veciños e veciñas de As Neves merecen un goberno que traballe con seriedade e dedicación e sen interferencias políticas…….”
Goberno municipal de As Neves. Setembro de 2024
Que pensarían vostedes amigas e amigos lectores, que nos distinguides coa vosa compañía, dun escritor que apele a exercer o seu traballo sen interferencias literarias, dun pintor que apele a facer o mesmo sen interferencias pictóricas, dun fontaneiro que indique que rexeita as interferencias das billas e tubaxes, ou dun electricista que manifeste que traballa sen necesidade da corrente eléctrica??….Pois igual que calquera persoa minimamente sensata pensarían que estariamos ante o absurdo en sentido estrito, e que tales situacións non poden corresponder á realidade.
Por desgraza, ese nivel de absurdo si que existe, e no Concello das Neves temos un goberno con tal grado de indixencia intelectual que manifestan querer facer política sen interferencias políticas.
Se hai algo que me molesta substancialmente é o menosprezo ás xeracións máis novas. Non, non son vagos e si, si se implican na vida na súa comunidade para tratar de facela mellor do que é. Eles teñen unhas condicións dificilísimas, uns salarios de merda, moi poucas posibilidades de acceso á cultura e nulas ou case nulas oportunidades de acceso á vivenda .Só necesitan que se lles dean oportunidades, e cando as teñen son unha xeración tan válida como calquera outra.
Tanto é así que hai mozos e mozas que se auto organizan para crear os espazos que lles poidan servir para canalizar as súas necesidades de expresión.
Algúns deses mozos e mozas son as que organizaban o festival Urban Fest nas Neves. Este ano tería que terse celebrado por IV vez, pero non se puido facer porque nas Neves gobernan uns indixentes intelectuais, que queren facer política sen interferencias políticas, e uns sectarios que practican o cancro político que ven padecendo Galicia desde a noite dos tempos: A bipolarización da sociedade en amigos, para os que hai todo,e inimigos, para os que só hai desprezo.
Nós conversamos con dous sos organizadores: Alba e Hadrián. Alba é natural de As Neves ten 28 anos de idade e Hadrián naceu en Crecente. Os dous participan no tecido asociativo das súas respectivas localidades, e xunto con colectivos culturais de Arbo traballan para crear eventos comúns que poidan achegar a cultura e o lecer ás distintas comunidades da Paradanta. Alba está a facer a tese de doutoramento en arte contemporánea, coma min, e coma Luis Cernuda cando cantaba aquel fermoso” maldigo la poesía concebida como un lujo cultural por los neutrales”, entende que a arte alén dun vehículo de expresión estética non se pode desentender do contexto social no que se insire. Tamén é autónoma e trata de gañar a vida no mundo tan difícil da arte facendo todas as cousas que pode.
Hadrián é músico, fai arte visual e participa nun colectivo artístico chamado “ Les Canes do Pozo”.Intenta vivir da música, algo que non é fácil, e asemade desenvolve traballos no mundo do son. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
Alba Casas e Hadrián Riveiro
“Cando o goberno de As Neves di que o Urban é unha plataforma política para atacalos minte, e ademais xera un discurso de odio”
Vós sodes os organizadores do Urban Fest?
Somos parte da asociación que o organiza: As Neves Urban Fest.
Cando naceu o festival?
No ano 2019.Nós non somos as persoas que o iniciaron. Quen comezou con isto foron dous rapaces: Dani Pérez e Hugo Aballe. En principio parecía unha tolemia pero ás veces as loucuras son fermosas. E eles son as persoas que fixeron posible o que parecía un soño imposible. Nesa primeira edición contaron especialmente co apoio dos negocios locais.
Nos anos da pandemia celebrouse o Urban?
Non, no 20 e no 21 foi absolutamente imposible. Retomouse no 2022 e ese ano xa se incorporou Alba á organización. Na edición do 2023 seguimos os 3 pero foi unha edición cun volume de traballo case esgotador (que supuxo tamén a marcha de Dani) e nese ano entran Hadrián e máis persoas
En que consiste o festival?
A idea que o inspira é facer un festival que fose por e para a xente da vila. Pensamos facer do Urban un espazo de encontro para a veciñanza.
Para toda a veciñanza?
Absolutamente si. Queriamos que viñeran persoas de todas as idades,xa que logo pensabamos en actividades que puidesen interesar a distintos rangos de idade.
Iso non é nada fácil
Somos conscientes. E traballamos moito, dedicamos horas e horas do noso tempo de lecer, toneladas de ilusión de paciencia e de amor para podelo conseguir. O rural galego ten moitos problemas que propician o envellecemento da poboación e que a xente moza non teñamos alternativas para podermos desenvolver un proxecto de vida persoal nos nosos pobos. O Urban pretendía humildemente contribuír a descentralizar a cultura e a música das cidades, e poder enriquecer a vida cultural do noso pobo.
As persoas das Neves que teñan sensibilidade e inquedanzas artísticas poden expresalas?
Non, carecemos de espazos para podelo facer. Se non hai espazos non queda outra que construílos. Nesa idea estaba o Urban.
En que data se tería celebrado a edición cancelada e que actividades tiña programadas?
Íase celebrar o 14/09.Comezaría ás 10:00 da mañá e teriamos inicialmente un campionato de baloncesto na rúa. Esa actividade o ano pasado tivo un éxito enorme, participaron 200 persoas. Ao mesmo tempo habería artesáns e artesás na praza cos seus postos de artesanía.
Por outra parte teriamos un espazo para as asociacións diversas e un punto violeta contra a violencia de xénero. Contaríamos igualmente con varios puntos de venda de comida.
Nós non puñamos ningún tipo de barra para que a xente consumise nos negocios do pobo. Había tamén unha acampada ao aire libre.
Pola tarde, despois de comer, tiñamos un bingo musical, unha proba de orientación urbana/rural e dous murais. Todas as actividades con música e logo ás 21:00 comezabamos cos concertos (onde xa teriamos a nosa barra)
Nas tres edicións anteriores todo se fixo na Praza. Este ano, un mes antes do festival, o Concello nos conmina a levar os concertos ao aparcadoiro do colexio, co que teriamos que facelo en dous espazos diferentes.
Nas tres edicións anteriores do Urban fixestes política partidista?
Non, de ningunha maneira.
Defendeuse dalgunha maneira a algunha opción política concreta?
Non. Radicalmente non.
Criticouse dalgunha maneira a algunha opción política concreta?
Non, de ningún modo.
Cando o goberno das Neves di nun comunicado literalmente o seguinte:
”Non podemos deixar de lamentar que haxa quen intente converter este tipo de eventos en plataformas políticas para atacar ao Goberno municipal “
falta á verdade?
Si. E e asemade está a xerar un discurso de de odio.
No festival do 23 xa estaba o actual equipo de goberno. Colaborou economicamente con vós?
Colaborou. So que colaboraron coa loxística e con instalacións que nos deixaron da Festa do Viño
E quedastes satisfeitos da colaboración que vos brindaron o 23?
Acababan de chegar. As eleccións foron en maio e o Urban 23 foi en Xullo. Eu creo que estaban un pouco perdidos. Pero si que nos axudaron. Houbo momentos complicados, seguramente responsabilidade de ambas partes, pero finalmente todo se resolveu moi ben. Dicir que os problemas deste ano veñen do anterior, non ten sentido.
Cando comezastes cos preparativos para organizar o Urban 24?
En marzo. Desde ese mes traballamos ininterrompidamente
Co goberno cando comezastes a falar?
O 19 dese mes de marzo.
Co alcalde?
Si.
Que vos dixo?
Que quedariamos despois da festa do Requeixo.
Como foron as primeiras xuntanzas?
Nós tiñamos medo de que non cumpriran con nós.
Por que?
Porque xa o fixeron con outra asociación na que participamos “ As Marondas”. Organizamos un mercadiño e non se portaron nada ben con nós. Temiamos que nos deixaran colgados, entón nas primeiras xuntanzas non pedimos nada máis alá de loxística. Tivemos varias reunións nas que nós lles iamos informando das necesidades da organización do festival.
Cando comezaron os problemas?
O 31 de Xullo. Entre marzo e xullo nin por asomo se nos pasou pola cabeza que puideramos ter algún problema. O 31 de xullo o alcalde dime( fala Alba) que me pase polo Concello e alí me comunica que o festival debe de facerse no aparcadoiro do colexio, non na Praza.
Eu expreso o meu asombro con que me comunique algo tan relevante como un cambio de emprazamento, a pouco máis dun mes da data do festival e transmítolle que esa decisión non a podo tomar eu soa senón que terá que ser unha decisión colectiva da organización no seu conxunto.
Cal que o motivo que espetou o alcalde para tal decisión?
Supostas denuncias e queixas dos veciños alén dunha presunta ordenanza que prohibe a música a partir das tres da mañá.
Vós tedes constancia desas supostas denuncias?
A nós non nos constan, e o da ordenanza non é verdade.
Que fixestes vós despois desa xuntanza?
Falamos cos negocios da zona e preguntámoslles se preferían que o festival se fixera na Praza, ou no aparcadoiro.
E o resultado?
Todo os negocios sen excepción manifestaron preferir que se fixera na Praza. Entón decidimos manternos firmes e defender a nosa posición de que o festival debe de facerse na Praza.
Como llo comunicastes ao goberno?
Nunha xuntanza o 12 de agosto na que estiven eu con todo o equipo de goberno( fala Alba).
Ti soa Alba, fronte a 6 persoas adultas?
Si. E nesa xuntanza comuniqueilles a nosa posición: O festival debe de facerse na Praza.
En que clima se desenvolveu a reunión?
Nesa xuntanza algunha persoa eleva o ton e acúsame de que esa decisión é só unha decisión política.
Quen eleva o ton, o alcalde?
Si.
Estásme dicindo, Alba, que nunha xuntanza de ti soa fronte a 6 persoas adultas, o alcalde, un señor que por idade podía ser o teu pai, elevou o ton e acúsate de que a decisión de manter o festival na Praza é unha decisión política túa?
Si.
E Honestamente Alba: A decisión ten sequera o máis mínimo matiz político?
Non, non e non. Unha e mil veces non. Iso é unha auténtica parvada. Pero que política nin que narices se quen nos fodemos somos nós, que levamos medio ano traballando como animais sen cobrar absolutamente nada, e de súpeto todo o esforzo e todas as ilusións vanse polo sumidoiro.
Nesa xuntanza, eu vinos tan crispados e tan doídos que termino por dicirlles que vou falar cos meus compañeiros a ver se hai opción de reconducir a situación. Pero se a houbera o Concello tería que axudarnos.
Por que?
Pois porque faltaban un mes e dous días para o festival que de ser nun espazo único pasaría a desenvolverse en dous espazos diferentes. Iso implicaría loxística dupla, e un maior gasto económico. Nós somos unha asociación pequena e non poderiamos de ningún modo en tan pouco tempo facelo todo en tempo e forma.
Falas cos teus compañeiros?
Si, e logro convencelos. Decidimos ampliar a programación de 10:00 ata ás 20:00 na Praza e logo mover os concertos ao aparcadoiro. Comunícollo ao Concello e dígolle que nos van ter que axudar economicamente pois ao ser en dous sitios o gasto é maior e nós non poderiamos asumilo. Ademáis pedímoslles máis axuda loxística.
Aceptan?
Si. Mándannos que lles enviemos os orzamentos de equipo de son secundario e a carpa , que era o gasto que ían cubrir, un deses dous elementos. Periodicamente falamos con eles e nos dicían que todo estaba ben, ata o día 4 en que nos chaman e nos din que para pagar a carpa, que era o que finalmente ían a cubrir, temos que pedir unha subvención ás asociacións que todos os anos pedimos, e que este ano xa iamos pedir e con cuxo importe comezamos a preparación do festival do ano seguinte.
Xa, entón realmente non vos están axudando porque os remiten a uns cartos que iades cobrar de calquera maneira?
Efectivamente. E as axudas non saíron aínda, non se coñecen as bases, e polo tanto non sabemos os importes que nos corresponderían, e de facelo así o festival teriamos que pagalo nós dos nosos cartos particulares e agardar a ver que acontece…
Como reaccionastes?
Chamo ao alcalde dígolle que non me parece correcto o proceder que estamos cansados de que prometa cousas e logo se bote atrás no ultimo momento, resulta esgotador, e temos unha xuntanza no Concello. Alí xa acudo acompañada de Hadrián e de Elise, outro membro da organización. Volvemos insistir en que se non se nos axuda o festival non se pode facer .Nós non podemos anticipar cartos nin queremos que esta sexa a forma de proceder
Que vos dixo o alcalde?
“Alba que supoñen 2.000€- 3.000€ ? non é nada”
Xa, ben, non será nada para algúns, pero para outros é moito. Acabou entón a historia alí?
Nós queriamos ter todas as contas cubertas antes do festival, sen arriscar, e comunicámosllo, el dixo que o pensaría e pediunos que lle pasaramos orzamentos e dixo que me chamaba nunha hora.
Chamou?
Non. Escribinlle unha mensaxe dúas horas despois e tampouco mo contestou. Envioume un whatssap ao día seguinte pola mañá para dicirme que a “ axuda “ era a que falaramos en marzo como se todo o que aconteceu despois non significara nada. Entón alí si que rematou a historia. Sen axuda e a poucos días da data para nós é absolutamente imposible, sobre todo a nivel anímico, era unha sensación de impotencia. Ese día, o día 6 lamentablemente tivemos que tomar a decisión de cancelar, negámonos a asumir riscos económicos e a que esta situación supere a nosa saúde mental
O concello fixo algo?
Si, convocounos a outra xuntanza tras as primeiras noticias de prensa. Nós contestamos que non volveriamos ter ningunha reunión con eles a non ser que se emitise unha acta do seu contido asinada por todas as partes que estiveran presentes. Pese a que eles estiveron de acordo en ter unha reunión baixo escrito, nós decidimos non reunirnos ese luns, e non creo que o fagamos durante un tempo. Sentimos que lamentablemente agora xa non hai nada que falar, crían que como sempre iamos a tirar para adiante, porén todos temos os nosos límites e máis cando che arrebatan a ilusión.