Este é un deporte de grande tradición en Ponteareas, de feito o seu equipo de Hóckey foi fundado na década dos 50 do século pasado, pero hai cousa de 20 anos deixou de existir. Ata que no ano 2019 un grupo de xogadores veteranos de Ponteareas e Vigo , encabezados por “Portu”, un ex xogador de elite, natural de Ponteareas, que chegou a destacar no Liceo do gran Martinazzo e a ser internacional español, tomaron a decisión de darlle unha segunda oportunidade. O resultado non puido ser máis esperanzador, arredor de 50 nenos e nenas xa gozan co Hóckey na cancha do pavillón Álvaro Pino.
Jose Carlos Álvarez “Portu” presidente e adestrador do Hóckey club Ponteareas
Cando montaches o club?
Como sabes este é un club histórico de Ponteareas. O seu nacemento data dos anos 50 do pasado século. Arredor de hai 20 anos desapareceu e no 2019 tomamos a decisión de retomar a súa actividade
Vaia , colleuvos a pandemia recen renacidos?
E tanto que si
Un club que nace hai arredor de 70 anos , desaparece hai 20 anos, e logo retoma a súa actividade o que parece indicar e que o voso deporte ten un corpo importante de seareiros e seareiras en Ponteareas?
É que o noso equipo ten moita historia, varias xeracións de pontareáns gozaron e sufriron coas nosas vitorias e coas nosas derrotas. Nos anos 80 chegamos a ter equipo en primeira división nacional masculina
Esa sería a máxima categoría do voso deporte?
Non, a segunda categoría. A máxima categoría, tanto para homes como para mulleres, é a OK liga, logo estaría a OK prata que ten un grupo para os equipos cataláns, polo seu volume e dimensión de clubs Catalunya forma un grupo propio, e outro grupo cos equipos do resto do estado.
E por que chegou a desaparecer o equipo?
Non sabería dicirche, eu daquela era un rapaz
Ti fuches xogador de elite verdade?
Ben, naquela época, os anos 80 do pasado século, eu fun xogador do Liceo da Coruña si. Un equipo marabilloso que competía ao máximo nivel posible.
Creo que tiveches como compañeiro a un dos mellores xogadores da historia do Hóckey?
Daniel Martinazzo, si. Era un xogador estratosférico cunhas cualidades sen igual para o noso deporte. Nos adestramentos téñolle visto facer cousas que nunca vin facer a ningún outro xogador.
E como un dos mellores xogadores do mundo acaba xogando nun equipo da Coruña?
Porque o presidente do club, Augusto César Lendoiro, tiña unha enorme habilidade para conseguir recursos económicos de todas as portas ás que chamaba. Sacaba de calquera parte e de todas as partes. De feito Martinazzo naquel momento cobraba moitos cartos para a época, e para o que é o noso deporte.
O Hóckey club Ponteareas refúndalo ti?
Eu e máis persoas. A idea xorde nunca competición de xogadores veteranos pouco tempo antes
A re fundación xerou ilusión en Ponteareas?
Eu creo que a está xerando si. Estamos vendo moi boa resposta na sociedade especialmente cando imos a algún colexio.
Ti chegaches a xogar , na túa época, neste equipo de Ponteareas?
Si, pero de moi neno. A min cando me ficha o Liceo éra moi novo.
E como un neno tira para o Hockey no canto de para o fútbol que parece que é o deporte que máis chama?
En Ponteareas sempre houbo unha enorme afección ao Hóckey. O problema que temos agora é que despois de 20 anos de parada hai moitos e moitas que nin sequera saben da importancia que tivo o Hóckey en Ponteareas
Agora mesmo cantas categorías tedes no club?
Este é o primeiro ano que competimos. E temos: un equipo prebenxamín, dous benxamíns e un alevín. E temos o equipo sénior feminino que está na primeira división nacional, que insisto, é a segunda categoría existente no estado. Temos un coordinador e adestrador de categorías inferiores e logo todas as xogadoras do primeiro equipo colaboran no adestramento dos nenos e das nenas.
Cantos nenos e nenas xogan ao Hóckey con vós?
Arredor de 50.Logo temos no colexio Marcote de Mondariz, que é o noso principal patrocinador, uns 20.E agora estamos facendo exhibicións por todos os centros escolares e agardamos montar escola proximamente en distintos centros de Ponteareas e de Mondariz.
Supoño que a cuestión económica non debe de ser nada doada?
As categorías inferiores fináncianse coas cotas dos nenos, tamén estamos a facer unha campaña de socios e logo con publicidade dun montón de negocios de Ponteareas que nos axudan e con distintos torneos de exhibición e promoción que organizamos, pois imos tirando.
Como se porta o concello con vós?
Eu percibo moi boa vontade, e son consciente de que estamos nunha época complicada pero nas instalacións hai moitas cousas que mellorar para poder ter unha competición de primeira división en Ponteareas. Agardo que poidamos ir mellorándoas.
O obxectivo final sería a consolidación, novamente, do Hóckey en Ponteareas verdade?
Si, crear escola, familia, equipo de maneira que o Hóckey en Ponteareas sexa unha realidade plenamente consolidada e nunca máis volva desaparecer.