Juan Luis Lage é un xove actor das Neves, que busca facerse un oco no complicado panorama da interpretación. El ten unha sólida formación en arte dramática que recibiu en Barcelona e que complementou con distintos cursos realizados en Madrid. Actualmente fai teatro, representando diversas pezas escritas por el mesmo. Nós conversamos con el.
“É necesario que as administracións se impliquen máis co cinema e o teatro galego, porque en Galicia hai un enorme talento”
Queremos coñecerte Juan; de onde es ti? Que idade tes? E cal é a túa formación?
Ben, eu son de As Neves, da parroquia de Tortoreos. Teño 29 anos e estudei arte dramática en Barcelona.
Viviches alí, claro?
Si, vivín alí tres anos.
Un actor ou unha actriz nace, ou pode facerse?
É como todo na vida, creo eu: Tes que ter certas cualidades innatas para a interpretación, e con esforzo, formación e práctica podes modulalas ata mellorar. Por outra parte eu penso que actuar forma parte vida, e en maior ou menor medida todos sabemos.
O acceso á vivenda é terriblemente difícil en todos os sitios, pero nas grandes cidades está absolutamente imposible. Non debeu de ser nada fácil buscar piso en Barcelona, supoño?
Non, desde logo que non foi fácil. Estamos falando de hai 10 anos e a situación non era tan terrible como é hoxe. En calquera caso xa daquela pagaba unha cantidade importante por unha habitación moi pequena.
Hoxe sería posible?
Non, hoxe sería completamente imposible. Os prezos de habitacións minúsculas en pisos compartidos están xa en torno aos 500€.
Por que te decidiches polo mundo da interpretación?
Cando era un rapaz non tiña nada claro por onde camiñar. Non había nada que me chamase especialmente a atención. A miña nai comezaba nese momento a facer teatro no Porriño. Convenceume para que a acompañara. Fun, encantoume, chegoume ao máis profundo. E ata hoxe.
Como valoras a experiencia da formación en Barcelona?
Pagou moito a pena. Aprendín bastante: déronlle forma a recursos que xa tiña eu, e déronme a coñecer outros novos que non podería dominar sen ter recibido formación.
Imaxino que o cambio de As Neves a Barcelona sería estratosférico a todos os niveis, incluso na cuestión do idioma..Resultouche difícil?
O cambio foi enorme, abofé que si. Ao principio custoume un pouco pero pronto me afixen. E no que respecta ao idioma; alí hai moita xente que me falaba en catalán, pero iso non é ningún problema para min. As linguas enriquecen, e no que a min respecta teríame gustado que me falasen máis nese idioma para poder chegar a comprendelo e falalo ben.
Despois de Barcelona onde te levaron os camiños da vida?
Leváronme a Madrid. Alí fixen varios castings e tamén algún curso.
Tiveches sorte nalgún casting?
Colléronme para facer un anuncio publicitario, si. E tamén fixen varias curtas en galego que realicei nos veráns cando viña a Galicia.
Dime algunha?
A última que fixen foi “ Malla” , gravada no ano 2023.
Agora que fas?
Agora mesmo estou facendo teatro.
Representaches algunha función?
Si, teño unha obra que se chama “Chora pallaso” que xa a representei 6 veces; 3 en Madrid, 2 nas Neves e 1 en Crecente.
As dúas representacións que fixeches nas Neves onde foron?
Unha nun local de hostalaría privado, no Xandoneto. Foi xestionada por Alba Casas, que leva a programación cultural dese local. E a segunda foi no Concello. Foi xestionada por Víctor o concelleiro de cultura.
Que tal se portou o goberno local contigo?
Moi ben, non teño ningunha queixa. De feito só podo dicir que foron moi amables.
Pódese vivir da túa profesión?
É moi difícil. Actualmente non.
Cal é a túa aspiración vital?
Vivir a tempo completo da interpretación en calquera variante. É o meu soño, é o que me fai feliz e non penso parar ata conseguilo.
Se alguén quixera contratar á túa compañía onde te pode atopar?
Estou en dous circuítos da DEPO: O Culturea e o + Escénicas.
Cal é a situación xeral do cinema e do teatro galego?
Hai un enorme talento,pero non se aposta o suficiente. Ao meu xuízo as administracións deberan de apostar máis polo noso teatro e polo noso cinema.
