G.Figueiredo e Tino Lago
Alá no ano 1873, hai agora 150 anos, inicia o seu camiño na vida o Balneario de Mondariz. Mondariz Balneario é un concello de 2,4 km2, asentado no Val do Tea. É o máis pequeno de España, concentra múltiples marabillas patrimoniais, históricas e naturais. Pequeno pero rico en anécdotas ao redor da cultura balnearia. Aquí recuperamos os ecos da “Belle Époque” e os anos dourados do termalismo a finais do XIX e principios do século XX que, xunto a Augas de Mondariz, que foron declaradas de utilidade pública converténdose na única vila termal española e vendéndose como auga mineromedicinal en tendas de botica, forman parte das grandes e máis antigas empresas de Galicia.
Para saber máis sobre este aniversario conversamos con César Gil, alcalde de Mondariz Balneario, e con Ricardo Fuciños director do Hotel.
César Gil alcalde de Mondariz Balneario
“ O balneario significa todo para o noso Concello”
César, que significa o Balneario de Mondariz para o concello?
É todo. Nos seus inicios o concello vai parello co Balneario de Mondariz e unidos tamén a Augas de Mondariz e á declaración de augas de utilidade pública. Este 150 aniversario é motivo de celebración. Moi poucas empresas son capaces de cumprir 150 anos de historia .
Que relación hai entre ambos, concello e balneario?
Hai moi boa relación, traballamos conxuntamente en diferentes iniciativas. Nestes tres meses que levamos no Goberno tentamos sacar adiante diferentes eventos e actividades conxuntas e en colaboración.
Para nós o balneario é vital a nivel turístico, económico e laboral. Que o Balneario de Mondariz siga con esta actividade e siga crecendo ano a ano, pois é o noso principal motor económico.
Vai estar o alcalde representando ao concello do 11 ao 13 de outubro na VI edición do congreso “The European Thermal Heritage Day”. Un congreso termal no que participan con ponencias Bath de Inglaterra, Vichy de Francia, Budapest de Hungría, Caldas da Raíña de Portugal e Saratoga de EEUU?
Si, claro. Estaremos a facer a benvida e clausura do congreso, ademais de acompañar nas diferentes visitas ao contorno do balneario.
Este é un congreso de vilas termais históricas europeas. É un congreso relativamente novo. Hai unha asociación que se chama AESPA na que están asociadas todas as vilas históricas termais. Nós pelexamos para que Mondariz Balneario sexa centro neurálxico en colaboración co GDR que está a facer unha labor importantísima. Agora mesmo estamos artellando todo o tema da escaleta e o itinerario do Congreso . Non só buscamos promover Mondariz Balneario, senón mostrar e dotar da experiencia da Comarca. Somos un territorio que temos que confluír e facer estratexias conxuntas entre os concellos, porque creo que temos cousas complementarias.
Dicir tamén que Saratoga vai facer unha ponencia porque será a anfitrioa do seguinte congreso do ano 24.
Tedes previsto algún tipo de acto a maiores para conmemorar estes 150 anos de historia?
Xa organizamos nos pasados meses diferentes festas e exposicións. Proxectamos un documental da visita de Rockefeller a Mondariz Balneario, e agora estamos a preparar para o próximo 23 de setembro a visita da Real Academia Galega conmemorando que estiveron aquí en 1920 por motivo da incorporación á academia de Ramón Cabanillas e Rey Soto.
Co Congreso de outubro pechamos as actividades e comezamos a preparar outras máis enfocadas ao centenario da creación do noso municipio, que se celebrarán entre o ano 2024 e 2025.
Ricardo Fuciños director do hotel
“ O balneario ten un encanto especial , é como se se crease unha conexión íntima que fai que cada visitante sinta que a nosa casa é tamén a súa”
Canto tempo levas no Balneario?
Levo 13 anos traballando aquí, comecei no 2010.Inicialmente estaba no departamento económico, ata que desde hai un ano e medio desempeño a responsabilidade de director xerente.
Gústache o teu traballo?
Moito. Este sitio ten un encanto especial, moitos dos hóspedes que nos distinguen coa súa compañía dinme que se acaban vinculando emocionalmente ao balneario .É como se se crease unha conexión íntima que fai que sintas que esta casa é a tamén a túa casa. Pois iso, exactamente iso, é o que sinto eu.
Que tal levastes a etapa da pandemia?
Foi unha época horrorosa, de extrema dificultade. Xa viñamos saíndo dunha anterior crise, que tamén foi moi difícil, e logo veu este golpe brutal. O balneario ten a sorte de ser centro médico, estamos regulados pola Xunta, temos médico propio, e iso permitiunos poder abrir o antes posible.
Agora mesmo que tal está o balneario?
Moi ben. A situación de negocio mellorou substancialmente e máis rápido do que agardabamos. Este ano xa superamos as cifras pre pandemia.
Cal é a mellor época do ano para vós?
Igual que calquera hotel vacacional: as datas de vacacións , pontes e datas especiais.
Fagamos un pouco de historia, 150 anos non se cumpren todos os días. Quen fundou o Balneario?
Inicialmente foi un crego da época o que se decatou das propiedades terapéuticas das nosas augas. E foron os irmáns Peinador os que se deron de conta de que ese tesouro podería aproveitarse para crear o establecemento e darlle un importante pulo económico á zona.
Como sabes no sentimento do noso fundador había tanto un importante compromiso empresarial como unha identificación emocional notable con Galicia e co galeguismo, de aí que se pode dicir que a nosa casa é un establecemento que leva 150 anos de compromiso con Galicia.
Cando se fundou o hotel,Mondariz Balneario aínda non era concello independente, verdade?
Non, iso veu despois. De feito eu creo que ese a constitución de Balneario como concello independente foi motivada pola súa influencia e pola súa estratexia para acadar a máxima relevancia posible.
Tamén o fixeron atraendo a persoas moi importantes?
Si, sen dúbida , e de eidos moi diversos : a cultura, o galeguismo, a medicina, a política…
Dinos algún dos visitantes máis significativos que pasaron por aquí?
O arcebispo de Westminster,Rockefeller III, o sultán Muley Haffid, José Echegaray, Emilia Pardo Bazán, Millán Astray, Primo de Rivera, A infanta Isabel, Ramón Cabanillas, Eduardo Pondal, Castelao……….. E algo moi emotivo para nós foi que aquí se celebrou unha sesión plenaria da RAG , que conmemoraremos o 23 de setembro.
A propiedade do Balneario ten relación con Augas de Mondariz?
Agora mesmo non, tívoa no seu momento.
O Balneario inicial arde en 1973, xusto no ano do seu centenario. Casualidade?
Pois non o sei, pero a verdade si que é curioso que o incendio fora no ano no que cumpría o seu 1º século de vida. Desde o incendio estivo 20 anos pechado ata que 20 anos despois , en 1993, os actuais propietarios reábreno no seu actual emprazamento.
Cando se recuperou a construción orixinal?
Na primeira década dos 2000 recuperouse para promoción inmobiliaria para particulares.
O motivo do incendio non se sabe con certeza, verdade?
Non, hai numerosas especulacións, lendas, como por exemplo que os obxectos de máis valor non estaban nese momento no balneario, e todo tipo de historias como por exemplo que a intención era cobrar un seguro… pero non deixan de ser especulacións porque a causa real non se coñece.
Cales son os servizos que ofrece o hotel?
O noso é un hotel baseado nos servizos. Os principais son a área termal, con aplicacións de auga mineiro medicinal, o palacio da auga, cunha visión máis lúdica, a parte gastronómica, moi importante para nós, a organización de todo tipo de eventos tanto persoais como empresariais, temos capacidade para acollermos a moita xente xunta nos nosos salóns.
Canta?
No salón Antonio Palacios que é onde celebramos a maioría das vodas caben 300 persoas.
Sigamos cos servizos
Pois un activo moi importante que ofrece a nosa casa é o campo de golf. A nós danos a opción de organizar moitos eventos relacionados con este deporte e de captar turismo atraído pola posibilidade de gozar do golf con nós.
O perfil maioritario de clientes cal é?
Moi variado. O público maior é moi importante para nós. Estamos no programa de termalismo social do Inserso, que ten moito éxito. Pero insisto en que a afortunadamente temos clientes de todo tipo e de moitos sitios.
Tradicionalmente asóciase o balneario ás elites económicas. Unha familia de economía media, ou incluso modesta, podería acceder a gozar do balneario?
Por suposto que podería. Antes si había esa relación que mencionas do balneario coas economías máis solventes, pero agora iso afortunadamente mudou e vir gozar do noso balneario é moi accesible. De feito nós queremos que sexa así, queremos chegar a canta máis xente mellor. Como antes che comentaba somos un negocio comprometido con Galicia, e parte dese compromiso está en que tamén a veciñanza local e comarcal poida desfrutar das instalacións que están nun lugar precioso que tamén é seu.
Cales son os actos que fixestes ao longo deste ano para conmemorar o 150 aniversario?
Temos feito varios. Queremos facer fincapé na parte histórica do balneario con por exemplo con varias exposicións na Escola de Artes e Oficios de Vigo centradas en distintas figuras relevantes. Tamén temos exposta unha colección de postais orixinais históricas e o 29 de setembro inauguraremos unha exposición en Madrid baseada na figura de Antonio Palacios. E a culminación dos actos vai ser a celebración , na ponte de Outubro, dun moi importante congreso termal con representantes de varios países.
Rematamos Ricardo. Que tal son as relacións coa actual administración municipal e coa anterior?
Moi boas con ambas, tanto co anterior alcalde, como co actual que ademais traballou aquí , entón que che vou dicir…