Xoan Carlos González voceiro do BNG de Redondela

Xoán Carlos BNG Redondela

Marcos Santos e Tino Lago.

A situación aritmética da corporación redondelá, xurdida das eleccións municipais de maio, semella que nos vai situar ante un mandato de moito xogo político. As maiorías ou minorías están collidas con alfinetes, o goberno( PSOE+AER) só ten 8 membros, fronte aos 10 do PP, a principal forza de oposición. Logo están as tres persoas do BNG que se supón inclinarán, na maioría das ocasións, a balanza do lado progresista. Pero haberá casos nos que non é así. Por exemplo recentemente o pleno reprobou á alcaldesa pois o BNG abstívose e decidiu non sumar os seus votos aos do goberno para evitar a reprobación que pediu o PP. Nós comezamos o curso político falando con Xoan Carlos González, voceiro do BNG.

Javier Bas veu de Madrid convertido nun hooligan”

O resultado de electoral de maio cumpriu as vosas expectativas , ou foi unha decepción?

Para nós foi ilusionante pois duplicamos o voto real e subimos 1 concelleiro, pero si que supuxo unha pequena decepción non acadar a 4º acta, que entendo sería o que nos corresponde pola representación que ten o BNG na realidade social de Redondela.

Canto faltou para acadardes un 4º asento?

Moi pouco. Falo de memoria pero creo recordar que arredor de 130 votos.

Supoño que a noite electoral estariades seguindo o reconto no voso local. Cal era a pulsión maioritaria que percibías entre a vosa militancia?

Creo que había sensacións encontradas, por unha banda a ledicia resultante de subirmos 1 concelleiro e da importante alza de votos, e por outra certa tristura por quedarmos ás portas da 4º acta.

Que acordastes co partido socialista para dar o voso voto afirmativo á investidura da alcaldesa Digna Rivas?

Sobre todo tratamos cuestións de participación democrática. Tamén queriamos un liberado do BNG facendo funcións de administrativo no Concello. Por outra parte entendiamos que un posto máis de representación na mancomunidade, o PP renunciou a estar, era apropiado. Abordamos igualmente distintas cuestións referentes ao funcionamento dos plenos. Finalmente acabou habendo acordo.

O asunto do liberado non foi entendido por parte da sociedade redondelá, houbo bastantes críticas ao respecto deste tema. Explícanos as vosas razóns?.

Nós, como un grupo responsable que somos, sabemos que para facer política efectiva e útil cómpre estar fisicamente no Concello cando calquera veciño ou veciña vaia á casa de todos. A nós trasladábannos que en ocasións se achegaba xente ao concello a ser atendido polo BNG e non lle era posible. Isto non é ningunha novidade, xa acontece en distintos Concellos. Por outra parte quero dicir que nós non nos metemos nos acordos que alcanzaran o PSOE e AER, cada un fixo a proposta sobre o organigrama que considerou oportuna.

En que situación está o tema da liberación que pedistes?

Está aprobado polo pleno ,o PP presentou un recurso á Secretaría do Concello e (no momento desta conversa) está pendente de resolución. Desde logo, pase o que pase, nós seguiremos facendo política coa mesma firmeza na defensa de Redondela.

O partido socialista fíxovos algunha proposta para que formarades parte do goberno?

O que houbo foi convites xenéricos .

Por que non entrastes?

Valorouno a asemblea de militantes de Redondela, votouse e a maioría decidiu que non se daban as condicións para entrar non goberno .

Foi unha decisión unánime?

Non. Foi unha decisión debatida na que cada quen defendeu o que consideraba e na que gañou o Non.

Podemos emitir unha primeira valoración sobre como comezou este mandato?

Ben, comezou hai pouco tempo e de momento hai poucos temas materializados. Nós estamos a ter xuntanzas co equipo de goberno de maneira regular.

En que clima se desenvolven esas xuntanzas?

Positivo. Hai vontade de chegar a acordos. A nosa intención é pasarmos pronto das xuntanzas globais ás xuntanzas por áreas para podermos abordar temas concretos. Nós imos facer política e construír desde a oposición.

Dicía Javier Bas na campaña que, se chegara a alcaldía, se ía pór desde o minuto 1 a resolver a situación do SAF .Como está ese asunto?.

Ben iso de Javier Bas é a proposta dun perdedor, dunha persoa que sabe que non vai gobernar. A proposta sobre o SAF que el presentou era irregular e así se lle fixo saber desde os servizos xurídicos do Concello. Todo ten que pasar por un proceso de contratación pública. Nestes momentos hai un prego practicamente elaborado. Estase estudando para, cando proceda, levar a pleno, aprobar e facer un concurso público para contratar a unha empresa que preste o servizo.

Entre ordinarios e extraordinarios creo que xa tivestes 4 ou 5 plenos e o que me parece deducir é que se desenvolven nun clima de elevada tensión. É así?

Si, é así. Non só nos plenos senón tamén nas comisións. O motivo é que o PP está nesa estratexia de crear tensión.

Explícame iso?

Eu creo que é unha dinámica que trouxo Javier Bas do Congreso. Eu xa lle dixen nun pleno que veu de Madrid convertido nun hooligan .El dixo no pleno de organización que ían votar todo en contra. É todo o contrario do Javier Bas alcalde que reclamaba políticas construtivas aos grupos da oposición.

E é só o PP? Eles penduraron un vídeo nas súas redes no que se vía unha intervención fora de ton da portavoz do PSOE

Ben iso foi un momento de quentura dunha persoa que ten moi pouca experiencia. Parece ser que o PP estaba a espetar unha serie de trolas , incluso de índole persoal, e Rita reaccionou así. Logo tamén pediu perdón pola saída de ton.

A si?, iso non se vía, polo menos a min non me parece velo , no vídeo do PP

Pois si, si que pediu desculpas. Foi un mal momento, a expresión foi indubidablemente incorrecta, pero facer sangue diso é rastreiro. Eles tratan de tensionar, iso vese moi ben na actitude de Javier Bas que intenta pór nervioso o todo o mundo interrompendo constantemente.

Redondela está sucia?

A falta de limpeza non é maior que cando estaba o PP no goberno. Iso non quita que haxa que buscar unha solución para mellorar nese terreo. A nosa proposta é que debera haber unha brigada limpando todo o ano.

É verdade que despediron a un socorrista en Cesantes por criticar o servizo?

Nós soubemos que un traballador dá queixas do servizo. Igualmente soubemos polos medios que a empresa despide a esta persoa. Nós solicitamos un encontro co grupo de goberno porque, de ser así, sería inaceptable. Poucos días despois a persoa foi readmitida. Esta é a diferenza entre a nosa oposición, seria e que trata de resolver problemas, e a do PP que só dispara para todos os lados.

Sobre a nota na que pedides un equipo de fútbol feminino para Redondela , por que agora?

Este tema non é que saíra agora. Nós levámolo reivindicando todo o mandato anterior. O Choco tivo equipo feminino. Habería que preguntarlle ao PP quen era alcalde , e quen presidente do Choco, cando se cargaron o equipo de mulleres.

Unha cuestión para rematar: como están os teus ánimos?

Eu son nacionalista, levo moitos anos na política e se algo me ensinou a historia é que ao nacionalismo galego non lle queda outra que seguir batendo nas almas e nos corazóns das persoas, todos e cada un dos días, ata podermos acadar a maioría social deste país. O meu ánimo está moi forte ,a miña idea e que Redondela non sexa diferente, e a miña intención bater sen pausa sempre, ata que haxa un alcalde ou alcaldesa nacionalista en Redondela.