Seso Durán alumea o seu exterior coa súa voz interior

Seso Durán

O noso amigo Seso Duran quita un novo single : “ A voz Interior” e nós aproveitamos a ocasión para conversar con el, porque parafraseando a Carmen Martín Gaite: “ Non hai pracer máis grande que a conversa cando quen fala ten gañas de falar, e quen escoita ten gañas de escoitar. E o Seso ten a cualidade de producir ese efecto en min, sempre que teño o gusto de conversar con el. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

A voz interior é un convite a contarmos un pouco máis cos demais”

A xira de Son da memoria pechástela na Coruña verdade?

Si, no teatro Colón. E foi un momento especialmente emotivo para min. Xusto antes de comezar a actuación nese importante escenario non te podes imaxinar o que me pasou pola mente.

Non, pero encantaríame sabelo

Lembrei o folio en branco, veume á mente a folla en branco antes de que as miñas emocións e sensacións tomaran forma escrita nas letras de O Son da Memoria.

Que bonito¡.Supoño que sería algo parecido ao que expresaba Machado naqueles versos que falaban sobre facermos camiño ao andar?

Supós ben. Foi unha oceánica sensación de plenitude. O concerto en si foi moi bonito, todo o relacionado coa actuación foi excelente, pero ese momento en concreto Marcos, foi a concreción do que eu creo que debe de ser algo parecido á felicidade.

En abril do ano pasado sae o teu novo disco: Ascensión. Ese álbum supón a túa consolidación como músico en solitario?

Eu estou en proceso de consolidación permanente. O día que me “ consolide” deixo de facer música.

Este proceso de aprendizaxe permanente que mencionas se cadra un día nos dá unha sorpresa e lévate a navegar polo universo do Regetón…?

Ha ha ha.. pois por que non?.Tería que aprender dunha cultura que descoñezo case por completo, pero nese estilo de música eu en principio non vexo nada máis do que xa pasou moitas veces ao longo da historia: un estilo de novas xeración que é rexeitado polas xeracións anteriores. Non esquezas Marcos, que nas súas orixes en Puerto Rico o Regetón foi unha música popular e contestataria.

Eu creo que iso que describes é unha pulsión inherente ao ser humano: as xeracións presentes sempre tendemos a minusvalorar á que ven despois ca nós

Estou de acordo, e a música é un universo no que se pode apreciar , esa pulsión que mencionas, de maneira moi importante. Lembro que cando eu era adolescente e comezaba a consumir música, o que a min me gustaba case era anatema para a xeración anterior á miña.

Como está a ser a acollida de “Ascensión”?

Desde o punto de vista da crítica espectacular. En varios medios e portais musicais como por exemplo “ Ábrete de orellas” de Pepe Cunha, un podcast que a min me encanta, valoraron moi ben o traballo. Por outra parte as valoracións veñen de xente que a min me interesa especialmente como o propio Pepe , ou Emilio González pois son críticos que son capaces de mergullarse ata o máis profundo e comprender o que o músico intentou facer co seu traballo.

E que é o que intenta facer Seso Durán?

Imaxino que o mesmo que todos os creadores: construír un universo persoal e distinguible.

Que é o que máis destacarías de Ascensión?

Eu creo que a música, os ambientes e as letras están moi ben relacionados

Estás nun top 20 de música estatal?

Si, un orgullo enorme desde logo. Seica a mensaxe que mandamos nunha botella está chegando a moitos sitios.

Ascensión ten máis de emocional, ou de racional?

Todos os meus traballos teñen unha parte emocional moi importante. Pero eu como mellor funciono é cando deseño un método de traballo racional e o cumpro claro. E na miña música tamén hai unha parte de azar. Ás veces estás buscando chegar a unha meta e de súpeto encóntraste con outro lugar, ao que chegaches por casualidade, que che gusta máis que o obxectivo que tiñas inicialmente.

A música galega está en bo momento?

Pois, xusto cando coñecemos os estarrecedores datos de uso do noso idioma entre as xeracións máis novas, o que vou dicir pode parecer unha tolemia pero eu creo que a música galega está no mellor momento da súa historia. Agora temos que conseguir que teña moito máis espazo nos medios, especialmente nos medios públicos. E nos festivais tamén por suposto, pois en moitos deles, financiados con diñeiro público das galegas e dos galegos, a presenza da música galega é ridícula.

Os que facemos música en galego non estamos nos medios , o da Radio Galega Música, cunha canción en galego de cada dez é incualificable, as radios comerciais, que se benefician de axudas públicas non poñen música en galego …..Iso é traballar pola cultura do país?.desde logo que non.

Fálanos dos 5 músicos que traballan contigo?

Isra, Lucas, Manu, Alex e Pedro. Son os que ma acompañan na xira de Ascensión. Todos son músicos excelentes cos que teño unha moi boa relación, fanme sentir moi ben e axúdanme a crecer. Estamos con fame, con fame de tocar.

O teu novo tema chámase “ A voz interior. Hai que facerlle caso á voz interior?

Eu creo que esta é unha canción que pode cantar calquera persoa, pois todos somos un pouco adictos a nós mesmos, ao noso mundo propio, á nosa voz interior. A voz interior é un convite a que non nos deamos tanta importancia a nós mesmos, e contemos un pouco máis cos demais, sexamos quen de ollar ao noso redor e sexamos conscientes de que todos necesitamos atención.

Rematamos Seso saíndo do universo musical, porque non quero pechar esta conversa contigo sen coñecer a túa opinión sobre os datos de uso do idioma galego que coñecemos recentemente?

É terrible si. A desgaleguización da mocidade é un fenómeno que observo xa desde hai moito tempo, case desde que comezou o meu traballo na docencia. O problema é moi serio. O idioma, como lingua ornamental, litúrxica, como o latín, pode durar centos de anos, pero o que está en serio risco vital é a presenza do noso idioma como lingua viva. O galego viaxa camiño da extinción e faino por decisións conscientes.