Luis Borines expón no espazo mínimo da Disco Tasca

Luis Borines expón no espazo mínimo da Disco Tasca

O noso veciño Luis Borines expón unha das súas pezas no que coñecemos como “ O museo máis pequeno do mundo”, situado na porta da Disco Tasca. A peza , resultado da súa infatigable labor de pescuda nos obxectos que para algún xa non serven e que el quere darlles unha segunda oportunidade, chámase “ Sen contador”. Procede da antiga estación se autobuses e é o obxecto no que ía situado o contador da luz, que xa non está, recuperado e restaurado. Luis é un home que se por algo se pode describir e polo seu carácter polifacético. Está implicado en múltiples campos que adoitan ter en común o seu profundo amor por Redondela. Nós falamos con el de “ Sen contador “ en particular e tamén da súa visión das cousas en xeral.

Redondela é o mellor lugar para vivir e tamén para morrer”

Que é o “Espazo Mínimo” o lugar no que expós?

É o mostrador exterior que está na fachada da Disco Tasca que o leva o colectivo pitrina. Chámanlle mínima expresión ao sitio , e alí fan exposicións itinerantes.

Seica é o museo máis pequeno do mundo?

Pois é a sona que ten si. O espazo ten éxito, non cabe dúbida , de feito a exposición que estou facendo eu neste momento xa é a número 23.

A exposición chámase “ Sen contador”.Cales son as súas principais características?

Púxenlle ese nome porque á peza fáltalle o contador. A peza foi recollida no ano 1998 cando estaban a demoler a antiga estación de buses que estaba na casa da Torre. Alí había moito entullo e as persoas de Arte Lixo recollemos varios obxectos para tratar de crear algunha peza e poderlle dar unha segunda vida.

Onde tiñas a peza?

Tíñaa eu na casa. Eu fixen recentemente uns cursos de reciclaxe artística no taller no noso amigo Indalecio e esta foi unha das pezas que levei.

Quen che di a ti de expor esta peza aquí?

Pablo Pastor, Fon e Xerardo Fuentes que son os que levan isto. Esa obra adáptase ao espazo e semella que vai estar alí ata abril ata que se abra o Arte Lixo.

Esa peza, do antigo almacén de Manolo García, é esencia da historia de Redondela?

Ben, sabes que a miña teima sempre foi recuperar Redondela en todos os aspectos posibles. Traballo imaxe antiga, libros e calquera peza que poida acadar que teña relación coa historia de Redondela.

Creo que tes un dos máis importantes arquivos históricos que existen sobre Redondela?

Teño sobre todo imaxes , si.

E onde ven esa paixón túa pola fotografía?

Supoño que terá relación co moito que eu andei polo mundo , circunstancia que inevitablemente fixo que sentira nostalxia da miña querida Redondela.

Na grande cantidade de cousas que tes feito, referentes á recuperación da historia de Redondela, hai algunha que che producira unha satisfacción especial?

Moitas, pero se cadra, por destacar algunha mencionar a recuperación que fixen das imaxes dun libro dun escritor alemán dos anos 20, en concreto de 1923.Este home estivera en Redondela nunha das súas moitas viaxes.

As imaxes que tes sobre a historia de Redondela é un patrimonio que che gusta compartir coa veciñanza da vila , verdade?

Si, claro. É moi interesante que o presente de Redondela coñeza como foi o noso pasado. Esa é a única maneira na que se pode transmitir ás xeracións futuras.

E como consegues as imaxes?

Ben, digamos que o moito tempo que levo recopilándoas fixo que fose xurdindo unha rede de persoas que colaboran e que cando coñecen da existencia de algunha que me poida interesar me avisan. Hainas de todo tipo: téñoas identificadas e téñoas anónimas tamén.

É simplemente a imaxe?

Non. Situala no tempo, saber quen a fixo e tratar de comprender o seu contexto tamén é moi interesante.

Ti es un tipo moi vencellado ao universo cultural de Redondela e quero preguntarche pola batalla de Rande deste ano?

Este ano houbo cambio de dirección. A anterior tivo que deixalo por motivos laborais. A nova directora, Mónica Sueiro, leva tamén a festa da Arribada de Baiona. E están traballando xa na recreación da nosa batalla que será para o mes de outubro. Eu este tano tamén participarei na Arribada.

Non te nos irás quedar en Baiona?

Non ohh. Redondela é o mellor sitio para vivir, e para morrer tamén.

Ti es un home polifacético non só nas artes senón tamén no eido político?

Si, son membro de diversos colectivos e asociacións como a de amizade galego bolivariana ou a de amizade galego cubana. Facemos distintos traballos de militancia social en axuda dos pobos cubano e venezolano.

Os teus proxectos para o futuro?

Estou moi centrado en recuperar imaxes e en contextualizar as que xa teño .E tamén estou moi ilusionado co 25 aniversario do festival de monicreques