Poucos días antes do inicio dunha das nosas festas preferidas, o Entroido de Verán de Redondela, achegámonos ata o concello a conversar coa súa nova alcaldesa, a socialista Digna Rivas. Velaí vai o que deu de si a conversa
“A PRÁCTICA POLÍTICA AGRESIVA E DE DESCUALIFICACIÓNS PERSOAIS ESTÁ NAS ANTÍPODAS DA MIÑA FORMA DE ENTENDER A REALIDADE.O PP DE REDONDELA,XA PODE UTILIZAR ESE MODUS OPERANDI, TODO O QUE QUEIRA,PERO A DIGNA RIVAS, NO TERREO ENLAMADO, NUNCA A VAN ENCONTRAR”
Tres meses despois de ser elixida a primeira alcaldesa da historia de Redondela, cales son os teus sentimentos?
Estou moi orgullosa da confianza que a veciñanza de Redondela depositou en todo o noso equipo. Asemade sinto unha enorme responsabilidade por facer todo o que merece Redondela, e unha ilusión inmensa en poder desenvolver todos os nosos proxecto.
Como son as relacións con AER, o voso socio de goberno?
As relación son excelentes. Eu síntome moi cómoda traballando con eles e en verdade que non existe ningunha diferencia, para min, entre as e os concelleiros, xa sexan de AER ou do PSOE. Somos un equipo de goberno unido e cohesionado.
Que valoración te merece a decisión do BNG de non entrar no goberno?
Eu sempre quixen que o BNG entrara no goberno, desde o primeiro momento foi a miña intención. Respecto, como non podía ser doutro modo, a súa decisión, e quero dicir que lin a entrevista que A Nova Peneira lle fixo á súa concelleira Jessica García, na que manifestaba a súa intención de exercer unha oposición construtiva, naturalmente comparto a súa valoración e esta alcaldesa téndelle a man ao BNG para traballarmos de maneira construtiva e leal.
E a oposición do PP tamén a prevés construtiva?
O que teño que dicir ao respecto da oposición do PP ,é que a práctica política agresiva e con descualificacións persoais está nas antípodas da miña forma de entender a realidade. Xa poden utilizar ese modus operandi todo o que queiran, que no terreo enlamado, a Digna Rivas nunca a van encontrar.
A organización da festa da Coca encontráchela xa pechada cando chegaches?
Non de ningún modo. Estaban as orquestras e catro cousas máis pero o resto non. Había moitísimo traballo pendente, de feito tiven que aparcar a formación de goberno para centrarme na festa da COCA. Quixera aproveitar as vosas páxinas para agradecer ás funcionarias e funcionarios do noso Concello a súa inmensa profesionalidade, e o seu esforzo e a súa competencia en xeral, e a súa enorme colaboración coa miña persoa na organización da COCA en particular.
Quedaches satisfeita do seu resultado?
Con toda humildade penso que se pode dicir que saíu moi ben
Antes de que me esqueza alcaldesa; eu corto o pelo nunha perruquería de Chapela, acabo de vir de cortarmo e a persoa que sempre me atende encargoume que che dixera que, ao seu xuízo, a súa parroquia estaba moi mal atendida pola anterior corporación e cominoume a que che exhortara a un maior e mellor esforzo do teu goberno na atención das moitas necesidades que ten Chapela
Vaia, que casualidade, eu tamén corto o pelo en Chapela. Imos ver, eu comparto a valoración da túa perruqueira en relación a que o anterior goberno non atendía adecuadamente a Chapela, pero non só a Chapela senón a todas as parroquias. E desde logo, manteño con absoluta firmeza o meu compromiso de tratar con xustiza e equidade a todas e cada unha das zonas de Redondela, e a Chapela tamén, e tanto que si.
Xa podes dicir que fixestes algo ao respecto?
Pois si, na programación cultural de verán un día de cada fin de semana hai unha actuación en Chapela, e por certo, en Reboreda e Cesantes tamén. Así mesmo estou pendente de concretar unha xuntanza co alcalde de Vigo, pois non debemos esquecer que Chapela toca con esta cidade, para traballarmos en conxunto
Subamos un pouco e falemos de Rande. Que tes que dicir do asunto dos contenedores?
A nosa posición é moi clara; opoñémonos rotundamente. E así o fixen saber na primeira xuntanza do consello do porto á que tiven ocasión de asistir.
Entroido de verán:” familiar, inclusivo e igualitario” explícanos iso?
Eu creo que a esta importante festa do noso pobo había que darlle un cambio que o dirixira cara a eses tres parámetros. Queremos un entroido para as familias, queremos un entroido para todas e todos e queremos un entroido en igualdade. Quero deixar moi claro que non aspiramos a ningún tipo de milagre co entroido, pero o que non queremos é ningún tipo de macrobotellón, pretendemos unha festa sa para todas e para todos
Por que sacastes a gala drag queen?
Despois de ter falado con distintos colectivos LGTBI e valorarmos as súas opinións consideramos que era o máis adecuado. Compartimos e apoiamos a loita polos dereitos do colectivo LGTBI, desde logo que si, pero entendemos que hai mellores formas de facelo.
A celebración do festival Sinsal non choca coa vosa posición cando erades oposición?
Xa estaba comprometido co anterior goberno. A partir de setembro teremos que sentarnos coñecer a opinión de todo tipo de colectivos e ver de que maneira enfocamos ese tema.
Que sucede coa policía local?
Eles fan unha labor moi importante, pero o número de axentes é claramente insuficiente. Redondela chegou a ter 30 oficiais de policía e agora mesmo estamos en 15. Agardo que o ano próximo este problema estea completamente arranxado, e xa poidamos ter un número de oficiais de policía adecuado para atender as necesidades da poboación de Redondela.
Vamos ter orzamento no 2020?
A nosa idea é que si.
Botas de menos a DEP?
A miña etapa como deputada provincial foi extraordinaria, aprendín moitísimo e coñecín a persoas moi capaces que daban o mellor de si mesmos en beneficio do ben común. Agora estou noutra fase, ser alcaldesa de Redondela éncheme completamente e fai que desborde ilusión por dar o mellor de min en servir ao meu pobo.
Falta moi pouco para as eleccións autonómicas alcaldesa ?
Si, e agardo que tamén lle quede moi pouco ao PP na Xunta. A Galicia faille falta un cambio que deixe atrás estes anos letais para a nosa terra do presidente Feijoo, un cambio que necesariamente ha de vir liderado polo impulso do partido socialista e que faga a Gonzalo Caballero o próximo presidente da Xunta.
E para rematar Digna, que vai pasar en setembro co goberno de España?
Eu espero que impere a sensatez e a cordura, e que se chegue a un acordo de goberno progresista que foi o que maioritariamente votamos as cidadás e os cidadáns de España, e que non sexa necesario repetir as eleccións.