Salceda solicitará a desafectación da aula de Revolta para poder darlle novos usos

Concello de Salceda de Caselas A Nova Peneira

Salceda de Caselas, 16 de agosto de 2019

Proponse destinar o edificio a usos socioculturais

O Equipo de Goberno de Salceda levará ao Pleno ordinario do mes de agosto a solicitude de desafectación da que foi a escola de Revolta, na parroquia de Parderrubias. O edificio permanece pechado dende que no ano 2015 a Xunta de Galicia o deixase sen actividade alegando falta de alumnado, e dende entón non se lle deu outra utilidade.

O Equipo de Goberno pretende agora recuperar o edificio para usos socioculturais, tendo en conta o bo estado do mesmo, así como a súa ubicación facilmente accesible, polo que o primeiro paso será propoñer ao Pleno a desafectación do edificio, o vindeiro venres 30 de agosto, en espera de que esta sexa aprobada por unanimidade da corporación.

O Concello segue así co proceso de recuperación dos edificios en desuso, como está a facer na actualidade co edificio da antiga escola de Vendanova, na parroquia de San Xurxo, que na actualidade está a ser recuperada para reconvertila nun centro para maiores con enfermidades dexenerativas como o alzheimer e otras demencias.

Gela Ledo, Concelleira de Educación: “os edificios educativos en desuso son unha excelente oportunidade para destinar a usos sociais e favorecer así a numerosos colectivos que poidan facer uso dos mesmos”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Salceda ten unha grande demanda de espazos sociocomunitarios polo grande dinamismo asociativo co que contamos, polo que estudiaremos todas aquelas alternativas que poidan favorecer a estes colectivos que tanto enriquecen o noso municipio”.