Ridículo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Hai unhas semanas tivo lugar unha polémica de alcance limitado, pero de gran calado para calibrar o papel que a filosofía desempeña no actual debate político español. Tomando por “filosofía” simplemente a tradición racionalista iniciada na antigüidade grega. Esa tradición diferenza Europa fronte a calquera outra tradición cultural.

O asunto vén dun artigo publicado nun xornal francés por varios eminentes filósofos. Os nomes non importan aquí. Chega con saber, creo, que son autores de gran recoñecemento internacional. Dos que calquera estudante ou profesor, onde queira que estuden ou profesen, teñen que ler para estaren ao día nas súas materias. Especialmente no pensamento político. Pois ben, a finais de maio, días despois da detención en Francia do coñecido responsable de ETA, Josu Urruticoechea, máis coñecido por “Josu Ternera”, pedían nese artigo ao Estado francés e as Institucións europeas apoio para o preso. En España esa petición foi recibida con gran indignación polas asociacións de vítimas e, o que aquí vale máis, tamén por unha serie de coñecidos filósofos españois, cuxos nomes tampouco contan agora.

O lector pode imaxinar cales son os argumentos do lado das vítimas. A historia criminal de Urruticoechea e a súa condición de fuxido da xustiza española pechan calquera outra consideración de tipo político ou moral da actuación do etarra, incluídos os feitos que os filósofos franceses alegan para xulgalo, e que os escritos das vítimas omiten, como un home que, desde 2005, xogou un papel imprescindible para que ETA deixara as armas e finalmente se autodisolvese. Nese proceso, din os franceses, Urruticoechea mostrou gran “altura moral”.

Descoñezo que seguimento tivo en España o artigo publicado por Liberation, sospeito que escaso, pero dada a condición de filósofos de cinco dos seis asinantes do artigo, tivo gran eco entre a comunidade filosófica española. A destacar a resposta dada polo profesor da Complutense José Luis Pardo nun artigo escrito en El país.

Explicitamente escribe coa intención de que os “alleos ao noso gremio”, o lector medio sen formación filosófica, non se deixe enganar pola condición de filósofos dos escritores. ´Parte, Pardo, de que o termo “filosofía” arrastra un prexuízo en nome do cal as opinións políticas dos filósofos son percibidas con máis autoridade que, por exemplo, as dos científicos sociais.

Non a teñen. O saber filosófico, di, non engade autoridade ás opinións dos filósofos en cuestións políticas. Como calquera outro saber o filosófico está limitado a un campo ou ámbito. Fóra do seu campo, o filósofo corre o risco de regar fóra do testo. De caer no ridículo.

Pero, desde a época de Sócrates os filósofos saben que o seu é regar fóra do testo. Caer no inevitable ridículo que necesariamente ocorre ao debater de temas políticos nos que a verdade se confunde coa opinión e o interese. Precisamente por iso Sócrates fuxía dos debates políticos. E por iso, Pardo, lle recomenda aos filósofos que abandonen a política.