Programa de dinamización lectora e lingüística dirixido ao público infantil e familiar organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística, a Concellaría de Cultura e a Concellaría de Igualdade
Os Rechouchíos teñen por obxectivo organizar de maneira estable actividades culturais relacionadas coa dinamización lectora e lingüística do público infantil e achegarlles recursos ás familias encamiñados ásocialización en galego da infancia.
Neste novo ciclo haberá contacontos, teatro, maxia, circo, malabares e moita música que se van realizar a partir do venres 15 de novembro ata o venres 3 de xaneiro de 2025 nos locais socioculturais repartidos polas distintas parroquias e as propostas artísticas de decembro e Nadal serán no denominado Espazo Nadal, no alto da praza de abastos. Dúas das propostas de narración oral contarán con intérpretes en lingua de signos de XOGA (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia), polo que nos días previos publicaremos no facebook os Signochíos: 4 ou 5 cinco palabras signadas que definen a actividade.
A maiores, hai dúas propostas que están subvencionadas co programa +ESCÉNICAS da Deputación de Pontevedra, e o espectáculo teatral do venres 13 de decembro é a estea do novo espectáculo da compañía
Assircópatas.
Programa:
Venres 15 de novembro, Centro Sociocultural Rosalía de Castro, Domaio, 18 h
Bea Campos: Os contos de Violeta
Contacontos teatralizados e musicados a partir dos 3 anos
Sinopse: Historias para a igualdade. A pequena Violeta encántalle as historias onde os nenos e as nenas poden facer as mesmas cousas. Ela sempre leva unha maleta na que garda os seus libros preferidos para compartilos.
Nesta proposta de teatro, contos e música atoparás aventuras que rompen os estereotipos e os roles asignados tradicionalmente aos nenos a ás nenas. Os contos propostos traballan a integración, a igualdade e a loita por un mundo igualitario para todas e todos. Música, cancións e expresión dramática nesta divertida proposta a cargo de Bea Campos. 45“ e vén co músico Joni Caramés.
Subvencionada por +ESCÉNICAS da Deputación de Pontevedra.
Venres 22 de novembro, Casa de cultura de Verducedo, 18 h
Soledad Felloza: Estrelas
Narración oral recomendada dos 3 anos en diante
Sinopse: Avoa, que son as estrelas? Preguntou a nena sinalando o ceo. O ceo é un espello -dixo a avoa- o que ti chamas estrelas é o reflexo da fogueira pequena que todos levamos no corazón.
“Estrelas” é un espectáculo de historias de rapazas e mulleres reais e do mundo literario que loitan por un mundo sen violencia e con igualdade plena.
XOGA
Venres 29 de novembro, Sala Celso Parada do C. S. Daniel Castelao, Quintela, 18 h
Marta Ortiz: Coser e contar
Narración oral e música para público familiar
Sinopse: Con fío, agulla e dedal enfíame un conto xa! Comezamos a viaxe nun taller de costura, un lugar máxico aos ollos da nena protagonista que escoita contos, coplas, cancións en boca da súa avoa, nai e tía mentres traballan. Contos tan antigos como o oficio da costura. Puntada a puntada percorreremos mundos onde os fíos falan, as caixas de costura abren as portas da fantasía e os bastidores de bordar son ventás onde asomarse a historias prohibidas. Neste espectáculo atoparemos narración oral, música, teatro de obxectos e pezas enlazadas polas coplas do Cancioneiro da Agulla. Unha homenaxe ás mulleres de mans sabias que foron as primeiras narradoras e transmisoras de coñecemento.
O Cantar das costureiras é cantar que nunca acaba.
Como teñen fío dabondo botan coplas enfiadas.
XOGA
Venres 13 de decembro, Espazo Nadal, 18 h
Assircópatas: Pipí Cucú (estrea)
Espectáculo teatral con música, maxia, circo e malabares para público familiar
Sinopse: Pipí Cucú é unha poderosísima historia sobre o poder dos soños e a liberdade. No reino de Ceópole, o malvado rei Amarradismundo dedícase a escribir leis terribles cunha pluma de corvo. Leis que prohiben as festas de aniversario, o recreo, os domingos. Ata escribiu unha lei que prohibe o salouco. Amarradismundo sorpréndese de non ter o cariño do pobo. Por que será que non o queren? Porque soñan, di o militar. O rei decide entón acabar cos soños. E encarga unhas almofadas que, coa súa maxia, enchen as noites de pesadelos. Non sabe que está a punto de desatar unha revolución. Porque vivir sen soñar… Acaso merece a pena? Xa está aquí o novo espectáculo de Assircopatas e Diáspora teatro, un espectáculo cheo de maxia, música, teatro de obxectos, circo, monicreques e tamén un chisco de rebelión. Elenco: Dani Blanco e
María Dobronich
Venres 20 de decembro, Espazo Nadal, 18 h
María Faltri: Festa do Nadal
Espectáculo musical para público familiar
Sinopse:
Cariño, confort, descanso, experiencias sensoriais, emoción, outros bebés, e diversión en familia. Unha sesión ideada para transcorrer polo universo da crianza, pasando dunha sensación a outra coa naturalidade coa que medramos a cada paso que damos.
Neste espectáculo María Faltri vén a Moaña para cantar coa rapazada cancións tradicionais de Nadal e outras cancións para cantar en familia coa intención de converter ese momento nunha auténtica festa do Nadal.
Venres 27 de decembro, Espazo Nadal, 18 h
Ghazafelhos e Magin Blanco: a nena e o grilo camiño das cores
É un musical con 5 persoas en escena e música en directo Dirixido a: infantil a partir de 3 ano
Sinopse: A Nena e o Grilo camiño das cores é unha montaxe teatral de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos con música en directo. É esta a última e cuarta entrega de A nena e o grilo, o musical infantil máis aclamado
¡ do panorama galego que conta con tres espectáculos previos: O País das Apertas, A Nena e o Grilo nun Barquiño e A Nena e o Grilo máis Aló. O fío condutor desta cuarta entrega son os camiños, as peregrinacións nas que as camiñantes buscan atoparse consigo mesmas, a vida que avanza e non sabemos a onde nos leva. A Nena xunto co Grilo que a acompaña emprenderá unha viaxe chea de aventuras e sorpresas na que descubrirá que o seu anhelo non é outra cousa que a amizade. Unha nova entrega da saga para público familiar coa que viaxamos ó País das Apertas! Elenco artístico: Montse Piñón López, Pedro Pablo Patiño, Jorge Casas Caneiro, Magín Blanco García e Pablo Vidal Mendoza.
Subvencionada por +ESCÉNICAS da Deputación de Pontevedra.
Venres 3 de xaneiro de 2025, Espazo Nadal, 18 h
Nelson Quinteiro: Aldea de Nadal
Espectáculo musical para público familiar
Sinopse: Neste espectáculo Nelson Quinteiro vén a Moaña cos seus trasnos para transformar o Espazo Nadal nunha auténtica aldea de Nadal, na que poderemos cantar e bailar panxoliñas tradicionais en familia.
Moaña, 8 de novembro de 2024
Concellaría de Cultura
Concellaría de Normalización Lingüística
Concellaría de Igualdade

