G.Figueiredo
Continuamos coa xeira de reportaxes con galegos e galegas, que están a vivir en distintos países do mundo, para coñecer de primeira man as características máis significativas dos lugares que iremos descubrindo ao longo desta viaxe. Desta volta detémonos nas terras de Escocia, un país sen estado igual có noso pero cuxa condición de nación non é discutida por ninguén en Inglaterra. E falamos con Mauro , un fillo de Mondariz Balneario, lúcido amable e cordial, que vive en Escocia e que nos conta a súa experiencia e a súa visión deste fermoso país.
“ Escocia é un país moi bonito, con xente moi amable e, sobre todo, o que máis me gusta é como teñen interiorizada a súa cultura, e o orgullosos que están dela”
Mauro, cóntanos a túa historia, de onde es?
Eu son de Mondariz Balneario, estudei na Universidade de Vigo un grao de Ciencias do Mar e vivín sempre en casa ata que me fun a facer un Mestrado de Acuicultura en Santiago de Compostela. Logo fixen un Erasmus en Noruega durante nove meses. Cando acabei fixen un doutorado en Vigo con dúas estadías en Canadá e Castellón. E ao rematar a Tese vinme a Escocia a facer Acción Post Doutoral, de tres anos. Deses tres anos estou desempeñando dous en Escocia, é un requisito, facer dous anos fóra, e o último en Galiza, na Universidade de Vigo.
Noruega e Canadá, dous sitios uns pouco fríos non?
Si, E escocia non che conto…
Canto tempo levas agora en Escocia?
Pois estou a acabar, levo 1 ano e 10 meses, acabo en decembro.
Que idade tes Mauro?
Teño 33 anos.
Desde que acabaches a Universidade cantos anos máis levas formándote?
Pois foron 5 anos de Teses, ano e medio do Mestrado e dous anos e medio de Post Grao, acabarei cunha formación duns dez anos máis.
Que tes pensado facer ao rematar?
Aquí tiven algunha oferta de sumarme a algún proxecto, pero teño que volver para facer o ano que me falta na Universidade de Vigo ata agosto do ano 25. A miña idea é quedarme na casa, quero retornar.
En que cidade estás?
En Stirling, é unha cidade pequena duns 38.000 habitantes, a medio camiño de Edimburgo que é a capital e Glasgow, a cidade máis poboada.
A cidade da batalla de Braveheart. Fálame de Stirling, como é?
A paisaxe é moi similar á de Galiza, hai moito verde e chove bastante pero é algo máis fría. En Galiza hai máis bosque, aquí hai moita gandería e vense moitos prados. De Stirling cara ao norte comezan as Terras Altas e a paisaxe é moi distinta, zona de fiordes con grandes pendentes similares ás de Noruega.
Como é o tempo no verán?
Tamén chove bastante. O que máis boto de menos é a intensidade da luz, aquí é moi morna, está sempre nubrado e non sobe tanto o sol. No inverno si que xa hai menos horas de luz.
Como é o estilo de vida nunha cidade escocesa?
Os escoceses son moi amables pero o estilo de vida é moi distinto. A xente é máis individual, cando sae de traballar vaise para casa. O que lles gusta é, cando teñen tempo libre, a cultura de pub, de tomarse esas pintas de cervexa. Cando hai un evento si que socializan, cantan, bailan e fan festa, pero cando acaba cada un para a súa casa. Boto de menos o de poder quedar a diario para socializar, en Galiza somos uns festeiros.
Que tal co idioma?
Ben, como xa estivera en Canadá e en Noruega xa me defendía sen problema co inglés, ademais na carreira científica tes que dominalo porque é o idioma vehicular.
O proxecto de investigación no que traballas depende da Universidade de Stirling?
Si.
Que queres facer cando acabes?
Non teño un camiño claro, pero a miña idea é continuar a investigación en Galiza.
Hai comunidade de galegos aí onde estás?
Hai comunidade de galegos en Edimburgo pero aquí en Stirling onde estou eu non coñezo. Hai bastante xente catalá. No instituto onde estou hai dúas investigadoras catalás e unha de Canarias.
Hai diversidade de xente no proxecto en que traballas?
Si, no meu grupo de Investigación de Comportamento de Benestar Animal hai xente de Escocia, Canadá, Exipto, Sudáfrica e a líder do grupo é catalá. Somos once persoas das cales escocesas son dúas.
Co auxe da extrema dereita en todo o territorio occidental, como é aí a acollida dos estranxeiros, hai racismo?
A zona onde eu vivo é multicutural, hai xente de moitas partes do mundo e aquí non se nota. Na parte do sur de Inglaterra si que hai problemas gordos de convivencia, pero aquí non. Aquí hai un movemento propalestino moi forte e son xente moi solidaria.
Como esta a situación política en relación co Reino Unido?
Teñen moi interiorizado ou seu nacionalismo e independentismo. O partido político que está gobernado é o independentista SNP.
Como está a extrema dereita?
Aquí hai moi pouco, non é nada relevante.
A ver se aprendermos algo os demais. Como son as tradicións escocesas?
Hai moita cultura de Pub, conservan os instrumentos como a gaita. Nas súas cerimonias, vodas e demais a gaita sempre está presente xunto co traxe tradicional, o Kilt ou saia escocesa, é o seu símbolo de identidade. Cando son as gradacións dos alumnos, os profesores van todos co seu traxe tradicional escocés e exhíbeno con orgullo, algo moi interesante.
O traxe tradicional feminino é diferente, verdade?
Si, o das mulleres é un vestido.
Tamén o levan as mestras nas gradacións?
Non, non tanto. Está moi masculinizado o traxe.
Recoméndanos algún sitio bonito para visitar en Escocia.
Visitar as Terras Altas no norte de Escocia para ver a paisaxe dos Fiordes e dás grandes montañas. As Illas Skye, están conectadas por unha ponte coa illa principal, a entrada é espectacular. As estradas son estreitas e entras ao carón do fiorde, ves as grandes pendentes e, de súpeto, a illa de fronte, é precioso. Todas estas Terras Altas están cheas de castelos, moitos ben conservados e pódense visitar.
Cando é a mellor época do ano para ir?
Os invernos son moi fríos e os veráns moi húmidos, penso que a primavera ou o outono é a mellor época para facelo.
Como é conducir en Escocia?
Ao principio é amolado, meterte pola esquerda co volante ao outro lado, pero logo afaste, as estradas xa están para que conduzas pola esquerda e vante levando. Algo que me chamou a atención é ir pola autoestrada e que de súpeto remate nunha rotonda .A iso non estamos afeitos.
En relación aos servizos públicos e aos impostos que nos tes que dicir ?
Páganse uns impostos bastante altos pero os servizos públicos non son bos. No transporte público hai bastantes frecuencias pero os autobuses son deficientes. Eu non teño coche e móvome en autobús. O tren si é marabilloso e non sofren ningún atraso de máis dun minuto, as infraestruturas das vías son moi boas.
A sanidade pública existe pero eu non fun capaz de acceder a ela, si que teño un médico de cabeceira asignado e iso foi fácil facelo pero, a vez que o necesitei foime imposible sacar cita. Os meus compañeiros escoceses dinme que a sanidade pública ten moitas deficiencias.
Recentemente houbo cambio de goberno no Reino Unido, levaba catorce anos a dereita gobernando e rebentaron a sanidade. Agora entrou o Partido Laborista, e unha cuestión que levaba na campaña electoral era mellorar o precario estado da sanidade.
Entendo que a xente ten que ter un seguros médico privado?
Si, exacto.
O transporte público é caro?
Si. Para os menores de 21 anos e para os xubilados é gratuíto, para os demais é caro, se non tes bonos cada viaxe sae en case 5 libras.
Cóntanos algo máis que penses que as nosas lectoras e lectores debamos saber de Escocia.
Destacar que é un país moi bonito, con xente moi amable e, sobre todo, o que máis me gusta é como teñen interiorizada a súa cultura. Encántame o orgullosos que están dela e sempre que poden póñena en valor.
