Galegos polo mundo IV

Joshua Juárez en Irlanda

Seguimos percorrendo os camiños do mundo a través das conversas con galegos e galegos que viven noutros países. Desta volta a quenda é para a República de Irlanda, alí nos detivemos a conversar con Joshua. El é un rapaz de 28 anos de idade que leva desde xaneiro do 2020 vivindo no condado de Cork. Joshua é unha persoa dun nivel cultural anormalmente alto. Con moi poucas persoas me crucei na vida que poidan citar con naturalidade, no medio dunha conversa, a Picasso, a Joyce ou a Novoneyra por exemplo, e desde logo penso que nunca me topei con ningunha tan nova como Joshua. El explicounos a súa experiencia vital en Irlanda e comentounos a súa visión da realidade deste estado. Velaí vai o que deu de si esta agradable conversa

Joshua Juárez en Irlanda

Irlanda á un país no que se pagan poucos impostos en consecuencia ten escasos servizos públicos, e os que ten non son de boa calidade”

Onde es natural ti?

Eu son fillo de pontevedresa e de arxentino. Nacín en Buenos Aires. Cando tiña dous anos fomos vivir a Pontevedra e esa é a miña casa desde aquel momento.

Cantos anos tes agora?

Teño 28 anos.

Como foi que chegaches a Irlanda?

Levo vivindo en Irlanda desde xaneiro do 2020.E vinme por traballo. Eu estudei comercio internacional, logo comecei a traballar nunha empresa de mariscos da cidade de Vigo que me mandou traballar aquí. Inicialmente viña para estar un ano e de momento xa levo catro.

En que localidade vives?

En Youghal. É unha pequena localidade, de arredor de 7.000 habitantes,no sur do país a 30 minutos de Cork, que é a segunda cidade máis importante do estado.

Como é Youghal?

É un pobo precioso, costeiro e mariñeiro. É unha localidade típica irlandesa coas casas de cores, moi pouco influenciada de culturas externas.

Cando chegaches a Irlanda xa falabas inglés?

Falaba o que aprendera nos meus estudos. Pero non tiña o nivel suficiente para desenvolverme no día a día. Finalmente acabeino adquirindo a través da experiencia. E foi unha cousa moi rápida, pois a xente do meu pobo é amable.

Sempre te sentiches ben tratado?

Sempre me sentín integrado e ben acollido no pobo. Pero non parte del.

Que clima tes no lugar no que vives?

Eu vivo , como che dixen, no sur e aquí temos un clima se pode dicir que amable. Algo diferente ao do norte que é máis frío. En calquera caso eu esta pregunta responderíaa cun dito típico de Irlanda:” Se non che gusta o tempo agarda cinco minutos”

Vaia, deduzo entón que é un clima moi inestable?

Si, si que o é. Pero o que non temos é un clima extremo.

Que comida é a máis típica?

En Irlanda non existe unha cultura da comida como temos en Galicia. Aquí cómese moi rápido e, en liñas xerais, non se paran a elaborar os pratos. O máis abundante e habitual é a comida rápida e precociñada: Hamburguesas, pizzas e “fish and chips”.

Dis que a comida non é culturalmente relevante para os irlandeses. Que expresións culturais si teñen importancia para eles?

Eu creo que a música é a expresión cultural máis importante para o pobo de Irlanda. Ten un papel moi relevante na construción da súa identidade colectiva como pobo, e incluso á hora de manter no tempo os vínculos das relacións familiares. Nese sentido quixera salientar que hai un número enorme de pubs, que , por moi pequena que sexa a vila na que estean, adoitan ofrecer concertos en directo.

E horario de peche deses pubs?

Algo máis pronto que ao que estamos afeitos nós.

En liñas xerais como describirías o nivel de vida?

É algo mellor que en Galicia. Ollo, non a calidade de vida pero o nivel de vida si que é mellor.

A sanidade e os servizos públicos como están

Ben, este é un país no que se pagan moi poucos impostos polo que os servizos públicos que hai son mínimos e os que hai non son de boa calidade. Practicamente estás obrigado a contratar un seguro médico privado. Os sistemas de protección social funcionan moi mal.

Tes percibido a existencia de pobreza?

Si, si que a hai sobre todo nas grandes cidades. Hai persoas sen fogar, de feito nestes momentos Irlanda ten un problema moi serio de acceso á vivenda.

Tes escoitado polas rúas falar idioma gaélico?

Si, aínda se fala. Ensínase na escola pero ao igual có galego está nunha situación moi delicada. A xente moza apenas o emprega.

Que sitios de Irlanda nos recomendarías visitar?

O primeiro o meu pobo. En serio que é un sitio precioso, moi ben comunicado e con vestixios medievais moi atractivos para coñecer.

Unha marabilla natural imperdible para o viaxeiro que visite Irlanda son os acantilados de Moher. Alí recordei o que dicía Uxio Novoneyra cando falaba do Courel e expresaba como un home se sinte pouco.

Cando ves a Irlanda a cidade de Galway haina que coñecer tamén. Cando a visitas sentes que fas unha viaxe no tempo e que estás nunha cidade de hai 150 anos.

Sobre a relación con Irlanda do Norte que pulsión percibes polas rúas?

Bufff, vaia pregunta. Vouche citar a Joyce para respondela:”Non podemos mudar de país,xa que logo imos mudar de pregunta”

Ha ha ha ha. Vale, unha cita moi apropiada. Eu respóndoche cunha de Borges” Os textos deben de ser valorados polo pracer que dan, non polas emociones que provocan”.Entón eu suxíroche humildemente que continúes dando pracer aos lectores e lectoras e nos contes a túa opinión a respecto?

Ha ha ha ha ha. Para min entre Irlanda e Irlanda do Norte non hai ningunha diferencia. Ambas entidades son o mesmo país,e é unha conxuntura política o que lles fai ser dous estados diferentes. Creo que a relación entre os habitantes de Irlanda cos seus veciños do norte e boa. E teño a sensación de que no norte aumentan as pulsións unionistas con Inglaterra, non tanto por unha cuestión política ou emocional senón por razóns de interese práctico.

Rematamos Joshua:Ti tes pensado volver a Galicia ou farás a túa vida de maneira definitiva en Irlanda?

Pois non sabería responder con certeza. Dáte de conta que eu vin aquí para estar un ano e xa levo catro. A curto prazo non creo que volva, pero a medio prazo agardo poder volver a Galicia, si.