A Conexión da alta velocidade entre Galicia e Portugal

A Conexión da alta velocidade entre Galicia e Portugal
Redacción

Non é posible un adecuado desenvolvemento económico de ningún territorio sen que existan conexións solventes coas rexións circundantes que posibiliten o movemento rápido e eficaz de persoas e mercadorías, necesario para a construción de realidades económicas rigorosas e competitivas que permitan non quedar descolgados na vórtice vital na que o liberalismo económico converteu ao mundo. Galicia non poderá situarse en situación de competir en igualdade de condicións con outras zonas do seu mesmo contexto económico, ata que non exista unha suficiente conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal, país con que mantemos un enorme vínculo económico, cultural, lingüístico, sociolóxico e histórico que fai imprescindible rematar dunha vez a nosa secular desconexión. O Plan Ferroviario Nacional que ven de presentar o primeiro ministro portugués Antonio Costa prevé rematar as conexións ferroviarias entre Lisboa e Valença para o ano 2028. Porén as autoridades españolas anunciaron que o tramo entre Vigo e Tui, de pouco máis de 35 quilómetros de distancia, non estaría rematado ata 2040. Iso poñéndonos no mellor dos casos porque en Galicia, por desgraza, temos experiencia dabondo do que significan os anuncios de infraestruturas que nunca se cumpren .Así por exemplo venme á mente o actual alcalde de Vigo, Abel Caballero, que nunha visita a esta cidade en maio do ano 1988, na súa etapa de ministro creo que de transportes, anunciaba que :” No ano 1993 haberá un tren de alta velocidade circulando entre Madrid e Galicia”.

Cal é o motivo desta diferencia de 12 anos entre os plans ferroviarios portugueses e españois?, cal é a razón de que os territorios atlánticos queden fóra do corredor atlántico de alta velocidade?

A resposta a estas dúas preguntas non está nin na xestión do PP, cando foi goberno, nin da do goberno actual PSOE-UP. O problema é moito máis grave, e ao noso xuízo como a case todas as preguntas de certa transcendencia, a resposta está nos clásicos, e así pois se leramos, con vontade de comprender, a Castelao dariámonos de conta que o problema da península Ibérica é que a España real, un estado construído na superposición dun dos seus países sobre os restantes, non é a “Hespaña” ideal, unha confederación libre de países iguais. O problema é o deseño radial do estado español: todo se constrúe arredor de Madrid, todo ten que pasar por Madrid, e todo xira en torno a Madrid, o que fai que desde España se lle dea prioridade á conexión Lisboa Madrid sobre a tan necesaria para Galicia conexión con Lisboa. A diferencia entre unha adecuada conexión con Portugal, xa, ou non, pode ser nin máis nin menos que o atraso económico e social de Galicia. Contábame o meu amigo Manolo de Vilaboa, que soe viaxar con frecuencia a Portugal que cada vez é máis difícil ver vendedores ambulantes nas estradas portuguesas. Están case todos en Galicia. E Para saber máis sobre esta situación falamos con Néstor Rego, deputado do BNG.

Néstor Rego deputado do BNG:

O boicot evidente que fai Madrid á conexión ferroviaria entre Galiza e Portugal debera facernos reflexionar sobre a necesidade de termos capacidade de decidir”

É necesario mellorar a conexión ferroviaria de Galicia con Portugal?.

Si, sen dúbida. A mellora das conexións ferroviarias permitiría que moitas empresas galegas puidesen traballar con máis facilidade e normalidade en ou con Portugal

Creo que a cousa quedou bastante clara despois de que o Goberno portugués declarase que ten previsto acabar as conexións ferroviarias entre Lisboa e Valença para o 2028 e, ao mesmo tempo, o Goberno español declarou, tanto a Ministra como o Presidente do Goberno, que o tramo duns 35 km. entre Vigo e Tui teñen previsto acabalo para o 2040. Estamos a falar de facer 35 km de vías en 18 anos, 2 km por ano, isto é inxustificable.

Fai Madrid consciente e voluntariamente boicot á conexión ferroviaria Galicia Portugal?

Isto é evidente, fan presión ao Goberno portugués para que lle dea prioridade á liña Madrid- Lisboa. Non ceden porque teñen claro que entre Galicia e Portugal hai unha relación tanto cultural como económica crecente.

Isto debería facernos reflexionar aos galegos e galegas sobre a necesidade de ter capacidade de decidir. Se aquí tivésemos un Goberno soberano, loxicamente non dependeriamos de Madrid para decidir construír unha liña ferroviaria de conexión con Portugal. Decidiriamos en función dos nosos intereses, e esta conexión para Galicia é importantísima.

Por que este boicot?

A explicación é que o Goberno español non ten interese nesta conexión e dá a impresión de que, fronte á negativa do Goberno portugués de priorizar a liña Lisboa-Madrid, pois o seu obxectivo é priorizar a liña do Eixo Atlántico. Parece que a actitude do Goberno español é como unha especie de desquite porque non consideran que Galicia deba ter esa conexión e debe ser prioritaria fronte á conexión de Madrid–Lisboa na alta velocidade.

Que é o que defende Lisboa?

Vémolo nas declaracións tanto do ministro de infraestruturas como do primeiro ministro Antonio Costa de Portugal sobre que Galiza ten con Portugal unha relación social, lingüística, cultural, e tamén unha relación económica cada vez máis intensa e necesitamos mellorar as comunicacións para poder seguir avanzando.

O BNG insiste que hai unha responsabilidade agora do Goberno de PSOE-Podemos de non querer actuar para poder avanzar na construción desta infraestrutura. Pero tamén hai unha responsabilidade do PP, que tivo o Goberno moitos anos, sobre a construción do Eixo Atlántico, que non foi completada nin polo norte entre Betanzos e Ferrol, nin polo sur, entre Vigo e Tui. Falamos de que sistematicamente os Gobernos españois, tanto do PP como do PSOE discriminan ao noso país e non teñen en conta os intereses dos galegos e galegas.

Como explica Madrid a súa posición?

Non teñen a necesidade de explicar moito porque tampouco temos na Galiza un Goberno que defenda con coherencia aos intereses do noso país e que, con firmeza, reclame que se execute esta obra.

Todos os anos destinan unha cantidade ínfima dos orzamentos, que non serve para executar nada pero, si lles serve para dicir que está nas súas previsións facelo.

O BNG reclama que, se Portugal ten esta liña terminada para o 2028, España debería de ter terminada a liña Vigo-Tui para esta data tamén coa que se permitiría esta interconexión.

Que lle pode acontecer ao noso país se non se vertebra unha conexión ferroviaria adecuada con Portugal?

Isto lastraría o desenvolvemento económico do país, sobre todo no sur. Se este proxecto non se executa en tempo real, retardaría o crecemento económico de Galicia.

Que non se prevexa nos plans do Goberno do que se chaman mercadorías 30, coa que se pretende potenciar o transporte ferroviario de mercadorías como eixo vertebrador das cadeas loxísticas multimodais, cuxos obxectivos son de descarbonización e sustentabilidade do transporte, ao que chaman as autoestradas ferroviarias. Permitiríase así abaratar custos, ademais de ser recomendable desde o punto de vista da transición ecolóxica, para reducir o uso de camións e dos transportes por estradas, por tanto, tamén reducir contaminación e emisións ao medio ambiente.

Non só é un problema de conexión con Portugal, se non é un problema en xeral da demora de investimento en infraestruturas e da modernización da estrutura ferroviaria, tanto de pasaxeiros como de mercadorías.