O plano eólico da Xunta de Galicia contempla a instalación de 57 aeroxeradores de enormes dimensións nestas dúas zonas. En concreto prevé situar 44 no espazo da serra da Groba e 13 nas 400 hectáreas de maior valor ecolóxico e patrimonial do monte do Galiñeiro. A tramitación dos permisos necesarios para que as empresas, que teñan a concesión da súa explotación, iniciasen os estudos necesarios para proceder á montaxe dos muíños, produciuse en pleno estado de alarma, cando todas e todos estabamos obrigados a confinarnos nas nosas casas. Xa que logo a capacidade de resposta da sociedade civil quedaba moi seriamente limitada, cando non anulada, pois non existía a posibilidade legal de xuntarse para poder consensuar opinións ou accións de protesta. Asemade segundo nos informan distintos portavoces de asociacións e colectivos ,que sobre o terreo se organizan a toda presa para tratar de loitar contra este novo desatino do PP, a opacidade informativa da administración autonómica é absoluta. Ninguén da Xunta se puxo en contacto coas persoas e asociacións interesadas para comunicarlles o que vai pasar cos seus montes. Por outra parte, a procura de información resulta terriblemente difícil e cómpre pouco menos que un minucioso e denso traballo de investigación digno dos mellores detectives para poderen coñecer que é o que a administración galega ten previsto facer nestas dúas zonas de singular importancia. Todas as persoas coas que falamos afirman con claridade que eles non están en contra das enerxías renovables. O modelo de enerxías baseadas en combustibles fósiles semella evidente que está esgotado. O carácter finito dos combustibles e o perigo do quecemento global, e o conseguinte cambio climático que a súa emisión á atmosfera provoca fai imprescindible que a humanidade procure novos modelos de alimentación enerxética. O consenso entre a comunidade científica ao respecto é case unánime. Agás o primo de Mariano Rajoy e algún outro que se mova en formas carpetovetónicas de interpretar a realidade ,hoxe practicamente ninguén discute a necesidade de mudar de modelo enerxético. Porén, o que non parece cabal é este modelo de agresión brutal, a dous dos espazos máis significativos e fermosos de Galicia, nunha inmensa operación sobre a natureza que inevitablemente suporá trastornos estruturais significativos a ambas serras, pois 57 muíños implican enormes toneladas de material a transportar para o que sería imprescindible a construción de pistas e estradas, a transformacións de hábitats singulares e a posta en perigo, cando non a destrución, de patrimonio arqueolóxico e natural valiosísimo.
Non parece verosímil que o beneficio da poboación sexa a motivación real desta xigantesca operación que, repito, de concretarse porá en perigo de morte a supervivencia de dous dos espazos máis significativos da nosa contorna. Así pois, en 2019 a poboación do Baiona, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Tomiño e A Guarda era de 77.000 habitantes. Para abastecer de electricidade a esta poboación serían necesarios 13 aéreo xeradores de 2 MW e tan só 7 de 3 MW. Tan só na Serra da Groba vanse instalar 44!
Por que?, Para que ?, A quen beneficia esa situación?
Se consideramos a situación doutros concellos do país galego nos que xa hai bastantes anos que viviron a instalación de parques eólicos semellantes sería relevante responder con rigor ás seguintes preguntas:
-Os parques eólicos contribuíron a mitigar o grave problema demográfico que ten o rural galego?
-Os parques eólicos contribuíron á creación de emprego estable na poboación galega?
-Os parques eólicos contribuíron a facer máis barato o prezo da electricidade ao consumidor?
-A poboación foi compensada dalgunha maneira polo enorme impacto que estas inmensas estruturas supuxeron na súa vida cotiá?
Lamentablemente a resposta a todas esas cuestións semella ser NON.
En Galicia existen no momento presente 4.026 muíños en 106 concellos diferentes. Analizada a poboación de 56 destes lugares vemos como en 50 deles o volume de persoas que vivían neles descendeu nos últimos 24 anos unha media do 28%.Sigamos baixando ao terreo do concreto e imos falar a modo de exemplo dun dos Concellos da nosa área de influencia, o Concello de Covelo. Neste concello instalábase un parque eólico no ano 2.006.En xaneiro dese mesmo ano o alcalde naquel momento José Costa do PP, declaraba nunha reportaxe ao respecto en La Voz de Galicia:
“O parque eólico é unha aposta de futuro que dará beneficios para todos a longo prazo”
Por desgraza a realidade dos feitos empéñase en desmentir a propaganda, e se botamos unha ollada á evolución da poboación de Covelo vemos que esta non para de baixar. No ano 2.006 vivían en Covelo 3.602 persoas e no ano 2.019 a cifra de habitantes baixara ata os 2.396.Un 33 % das persoas que vivían nese concello, en tan só 13 anos, xa non viven nel
Onde está a fixación de poboación?
Onde está a promoción do emprego?
Por que temos que pensar que nos concellos da contorna da Groba e do Galiñeiro vai ser diferente?
Na actualidade o buque insignia da industria eólica en Galicia, a factoría de Siemens Gamesa referente na fabricación de pas para aeroxeradores instalada no concello d’As Somozas, está en plena crise. Anuncia o despedimento de 52 traballadores/-as e a rebaixa da súa produción semanal de pas: de nove a catro. A propia empresa explica que “todos os escenarios son posibles, mesmo o peche definitivo por cesamento da actividade”
Como é posible que ante a inminencia da instalación de novos parques eólicos a principal empresa da industria eólica do nos país estea despedindo persoas e incluso considerando a posibilidade de pechar a factoría por cese de actividade?
Máis de 60 colectivos uníronse asinando un manifesto no que amosan a súa oposición rotunda a instalación destes parques eólicos nas Serras da Groba e o Galiñeiro e argumentan as razóns que motivan a súa posición. Por outra banda semella que a posición das corporacións afectadas vai tamén por ese mesmo camiño. Nese sentido temos que destacar a unanimidade acadada no Concello de Oia, un dos máis afectados, no que incluso o equipo de goberno do PP votou a favor dunha moción presentada polo BNG que manifestaba o seu rexeitamento aos parques eólicos no seu territorio. Para saber máis do estado das cousas achegámonos ao terreo e falamos cos representantes de tres colectivos directamente implicados:
O IEM( Instituto de estudos miñoranos)
Xosé Antón Rodríguez presidente da comunidade de montes de Santa María de Oia
Alberto Covelo presidente da comunidade de montes de Vincios
Velaí vai o que deron de si as tres conversas
IEM
Falamos con Xosé Lois, Bruno, Xilberte, Bieito, Juan e Alex
“A ALGUÉN SE LLE OCORRERÍA IR AO SERENGUETI A METER MUÍÑOS?,POIS Á XUNTA DE GALICIA, SI.”
“NÓS NON ESTAMOS EN CONTRA DAS ENERXÍAS RENOVABLES, ESTAMOS EN CONTRA DESTE MODELO ENERXÉTICO COLONIZADOR QUE NOS QUERE IMPÓR O PP”
Ben, malia que este é unha entrevista motivada polo suposto intento de chantar un parque eólico na Groba e no Galiñeiro, quixera iniciar a conversa dándovos os parabéns pola distinción tan importante que vos concedeu o concello de Baiona que supoño que vos faría ilusión?
Nós non somos de premios, non é iso o que buscamos co noso traballo. Aínda que o recoñecemento do que facemos si que é de agradecer, dependendo de quen veña claro, porque se isto viñese da Xunta nós non iriamos recoller o premio.
Xa vexo que vós sodes un pouco daquela forma de ser que de forma tan bonita describía Machado: “Nunca perseguí la gloria de dejar en la memoria de las gentes mi canción”?
Exactamente, nós somos de significados e non de significantes. Nós, tanto nos concellos en particular como na sociedade en xeral buscamos outras cousas, por exemplo o compromiso, e non os premios.
Unha pregunta inicial para contextualizar a situación: O IEM e as distintas plataformas que estades amosando a vosa oposición aos proxectos dos parques eólicos na Groba e no Galiñeiro, estades en contra das enerxías renovables?
Non, claro que non. Nós estamos en contra deste modelo enerxético colonizador que nos quere meter o PP, a dereita e o capital. Nós estamos pola produción doméstica de enerxía
Entrando en materia, dicídeme cando e como coñecedes a existencia do proxecto eólico na Groba?
Foi en pleno confinamento, recibimos un correo dun especialista informándonos do tema
Quen vos informou?
Damián Copena, unha persoa que estivo na Universidade de Vigo, logo na de Lisboa e agora na de Oviedo, e a súa especialidade é precisamente a dos parques eólicos. El leva traballado moitísimo sobre o tema da pegada económica e social dos parques eólicos en Galicia
E en que consistiu a información?
En principio vimos que o plano eólico de Galicia determinaba que o que era un parque eólico na Groba agora pasaban a ser 6 parques, e o número de muíños que queren meter na serra aumentaba ata os 44.
Cal foi a vosa reacción?
Tes que pensar que estabamos en pleno confinamento, polo que o tiñamos moi difícil, pero aínda así comezamos a movernos e inter actuar virtualmente porque somos conscientes de que coa lei de fomento das iniciativas empresariais que tan atinadamente se deu en chamar “ lei de depredación” os prazos administrativos axilízanse moito. Os prazos para facer alegacións de calquera tipo diminuíron tanto que non hai posibilidade de facer mobilizacións nin de artellar unha resposta adecuada por parte da sociedade civil. Esta lei é estudada ao lonxe porque como se di vulgarmente o capital descansa pero non dorme.
E consensuastes algunha resposta?
Falamos cos compañeir@s da plataforma do galiñeiro e de SOS Groba e a primeira resposta foi tentar que os partidos políticos, antes da campaña das autonómicas que é no momento no que estabamos, manifestaran a súa posición ao respecto. Fixemos un pequeno documento que enviamos a todos os partidos políticos que tiñan representación en todos os concellos afectados
Cales son todos os concellos afectados?
Se falamos do Galiñeiro e da Groba: Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Tomiño, O Rosal, Oia, Baiona e indirectamente Nigrán
Mandastes o documento a todos os partidos que teñen representación nas corporacións de todos eses Concellos?
Si, a todos e cada un
Cal foi a resposta?
Recibimos contestación de Podemos Val Miñor, de Manifesto Miñor do BNG da comarca de Vigo e do resto aínda estamos á espera
As respostas recibidas en que termos foron?
As tres organizacións amosaban unha posición claramente contraria a eses parques eólicos
E o PSOE e o PP non vos deron contestación?
Non, non o fixeron. Cómpre engadir porén que na nosa área principal de actuación si pedimos aos concellos que asemade dos partidos manifestaran a súa opinión. Nigrán foi o primeiro que o levou a pleno, e o resultado foi a posición contraria do Concello ao parque eólico
Unánime?
Non, O PP abstívose
Os demais Concellos?
En Gondomar pasou exactamente o mesmo, saíu o rexeitamento aos parques eólicos coa abstención do PP. Aquí debemos destacar e valorar a actitude espelida do seu alcalde. E en Oia a moción que presentou o BNG foi aprobada por unanimidade. En Baiona no momento de realizar esta reportaxe aínda non se celebrara o pleno no que se ía tratar. Estamos pendentes tamén da toma de posición de Tomiño e O Rosal.
E de Mos, Porriño e Vigo sabemos algo?
Non, de momento non sabemos nada.
No momento presente, finais de novembro, cal é o estado das cousas sobre o terreo, na Groba?
Ben, en pleno confinamento coñecemos que hai maquinaria na Groba e indo ata alí vimos a unha empresa facendo uns buracos para pór unha antena metereolóxica
Sabemos quen contratou a esa empresa?
Acciona. Nós preguntamos se tiñan todos os permisos pertinentes e o enxeñeiro que estaba alí contestou que “por suposto”
E temos constancia de que é así?
Nós metemos un escrito por rexistro no Concello de Baiona o 27/10 ,pedindo ver o expediente, e contestáronnos o 20/11 dicindo que si os tiñan. Temos constancia pola resposta do Concello, pero ver, o expediente, a nós non nos deixaron
Que é o que fixeron esas persoas na Groba?
Arredor de 10 ou 12 buracos para ancorar uns soportes sobre os que puxeron algo parecido a unha especie de mastro dun barco. Iso no alto e na gabiñeira, que é alí ao lado, puxeron un aparello estraño que seica é unha estación metereolóxica
Cal será o obxecto da instalación deses instrumentos na Groba?
Pois entendemos que facer medicións para estudar a colocación dos 44 muíños que o plano eólico de Galicia permite colocar na Serra da Groba
Ese plano eólico quen o elaborou?
A Xunta de Galicia
Cal é a vosa posición sobre a lei eólica de Galicia?
Estamos en contra pois esa lei non favorece nin ao tecido empresarial do país, nin aos propietarios do terreo nin aos consumidores. Só favorece aos grandes produtores
A luz non é máis barata alá onde se produce?
Non, radicalmente non.
Ser zona produtora supoño que xerará algún tipo de beneficio?
Xera unhas rendas ínfimas en comparación coas inmensas desfeitas que provoca.
É fácil localizar información sobre estes parques?
Non, todo o contrario é inmensamente difícil. As páxinas da Xunta son un auténtico labirinto e alén de que hai unha total opacidade informativa , a información , cando a atopas, resulta en moitas ocasións contraditoria.
En que fontes de información bebedes vós?
Da Xunta, das construtoras e das promotoras, do Instituto nacional de estatística….Procuramos acadar información de todos os sitios que podemos e as nosas conclusións resultan da análise dos datos
De feito, cada conclusión que emitimos sempre vai sustentada por todas as fontes informativas das que sacamos os datos necesarios.
Vós credes que pronto vai estourar todo?
Estamos á expectativa. O único que sabemos é que na páxina da Xunta concrétanse as coordenadas de 57 aéreo xeradores , 44 na Groba e 13 no Galiñeiro
Segundo esas coordenadas, os parques son municipais?
Non, algúns son supra municipais
No caso de que finalmente o plano eólico se concretase tal como está deseñado, que suporía?
A altitude máxima da Groba son 650 metros e estamos falando de muíños de 200 metros de altura. É dicir cada muíño mide 1/3 da altitude máxima da Groba. O Galiñeiro ten 750 metros de altura máxima, e igualmente mándanlle alí muíños de 200 metros. O impacto sería brutal. Fíxate, seguro que coñeces a ponte de Rande. Esta Ponte ten desde a plataforma de rodaxe ata o cumio 80 metros de altura máis o que lle puxeron agora para os novos tirantes. Seguro que como a todo o mundo cada vez que pasas pola ponte de Rande paréceche brutal, pois compáraa esa altura cos 200 metros dos muíños.
Cantas pas levan os muíños e que lonxitude teñen?
Son 3 pas por muíño e de 57 metros de lonxitude cada unha. Exactamente o que mide de alto a Torre de Hércules na Coruña
E hainos que montar no chan claro?
Si, claro e facer uns encofrados no chan que miden 25×25 por 3 de profundidade. Sigamos coas comparativas e digamos que un Vitrasa mide 12 metros de longo. Farían falta dous vitrasas, un detrás de outro para ver o longo da base que fai falta construír no chan para montar cada muíño. E a Groba e o Galiñeiro non son terra, son fundamentalmente rocha, e iso non se saca cunha pa e cun cazo
Dinamita?
Si claro, non queda outra. E que vai pasar con todo ese entullo?. Temos un problema moi serio referente á montaxe dos muíños. De que maneira o queren facer?. Un monstro como ese non é algo que se semente e xa está, é imprescindible utilizar maquinaria pesada para o seu transporte e modificar substancialmente o terreo para poder facer as pistas necesarias que faciliten o seu traslado
As pistas que existen na actualidade non serían suficientes?
De ningunha maneira. Sería imprescindible a construción de pistas novas que suporían na práctica, arrasar coa serra. E por desgraza non só é nestas dúas serras, é así en toda Galicia. O futuro que teñen deseñado para o país é un país eólico, madeireiro e mineiro.
O impacto deses muíños se finalmente se constrúen iría moito máis alá do ambiental e o paisaxístico, verdade?
Si claro. A serra da Groba alberga hábitats e especies que están incluídas na directiva HABITAT europea que obriga ás administracións a protexer. Este parque eólico está encima de espazos de interese comunitario. É dicir non só non se conservan os espazos naturais que temos a obriga legal de conservar senón que aínda por riba se pretende estragalos. Incluso hai un inventario de zonas húmidas que sitúan na serra da Groba dous lugares en concreto como zonas de especial interese a protexer, e estes parques eólicos están enriba deles. A destrución ambiental sería tremenda pero é que non queda só niso, tamén afectaría aos cursos de auga cunha alteración brutal do réxime hídrico. E unha cousa na que tamén estamos traballando é do que a xente non é moi consciente aínda é que os muíños teñen unha vida media de arredor de 20/25 anos
E que se fai cos que caen en desuso?
Pois hoxe en día, no caso das pas non hai mecanismos de reciclaxe e haberá que soterralas ou mandalas a vertedoiros, e en Galicia estamos cerca de enfrontarnos a esa realidade pois os parques máis antigos xa están a piques de cumprir esa idade. E claro, os muíños novos non se poden montar nas zapatas dos vellos, iso é imposible, co que non queda outra que construílas novas
A Groba é unha zona de altísimo valor arqueolóxico, supoño que tamén se vería afectado ese patrimonio?
E tanto que si. Na Groba hai arredor de 500 xacementos arqueolóxicos moitos deles sen catalogar. Sobre todo hai arte rupestre pero tamén mámoas e minas de ouro romanas e desde logo que se verían seriamente afectados
E no que respecta aos cabalos?
Segundo a hipótese de Felipe Bárcenas son os únicos e últimos cabalos salvaxes que hai no mundo. Unha hipótese bastante plausible
Cantos hai?
1.500.Un patrimonio importantísimo que se vería en serio perigo. En verdade a alguén se lle ocorrería ir ao Serengeti a meter muíños?, pois á Xunta de Galicia, si. Hai zonas da Groba nas que é imposible chegar se non se constrúen pistas novas e moito máis amplas, e iso implicaría indefectiblemente afectar ás áreas de pastos naturais dos cabalos
Imos falar dos datos deses parques eólicos máis antigos que xa teñen cerca de 20 anos para ver se a realidade confirma ou desminte os supostos beneficios da súa instalación. Como repercutiron eses muíños na poboación local e na poboación comarcal?
Nós tamén temos investigado ao respecto, e consideramos que habería que responder de maneira rigorosa ás seguintes preguntas: Diminuíu o paro?, mellorou a calidade de vida dos seus habitantes? aumentou a poboación?, polo menos freouse a súa caída?, baixou o prezo da electricidade?
Estou desexando saber a resposta a todas esas preguntas?
A resposta é un rotundo non a todas e a cada unha delas.
Pero xerarán postos de traballo?
Só mentres se constrúen, logo desaparecen pois unha mesma empresa leva o mantemento de arredor de media ducia de parques
Suporán algún tipo de beneficio?
Para as grandes empresas, si, claro.
Poderiades mencionar algún exemplo concreto que teñades estudado?
Si, falamos por exemplo do concello de Muras, na provincia de Lugo. Este Concello ten arredor de 270 kmts cadrados e ten 700 habitantes .Teñen 381 muíños montados, un para cada 0,5 persoas. Nese concello teñen un bono eléctrico para as unidades familiares cun máximo de 600€ ao ano e depende da renda desas familias
E a poboación desde que se instalaron os aeroxeradores medrou?
Non, baixou desde as novecentas e pico que eran naquel momento ás seiscentas e pico que son na actualidade. Pero non é que se mudaran ás principais vilas da comarca é que a poboación baixou en todas as localidades. É dicir , o slogan de que a instalación de parques eólicos contribúe a fixar poboación é rotundamente falso. E tal como pasa nesa comarca pasa nas demais .Se falamos por exemplo da serra da Capelada, na Coruña, pasa exactamente o mesmo. E Na Costa da Morte ídem, incluíndo concellos importantes como Santa Comba e Negreira.
E no que temos máis preto, na Paradanta?
Baixou a poboación absolutamente en todos os concellos
A pulsión xeral que percibides na sociedade da comarca cal é?
É moi maioritariamente contraria.
Nestas ligazóns que nos achegan do IEM pode consultar, quen o desexe, vídeos explicativos sobre a situación:
XOSE ANTÓN RODRÍGUEZ PRESIDENTE DA COMUNIDADE DE MONTES DE SANTA MARÍA DE OIA
No centro cultural noso, foi unha reunión breve. Alí xa nos deixaron caer que se non aceptabamos seriamos expropiados. Desde logo que nós nin queremos o muíño nin imos aceptar ningún tipo de coacción. A nosa dignidade non está en venda, se nos van a expropiar que nos expropien , pero nós non imos tragar con migallas
“A XUNTA TRAMITOU TODAS ESTAS AUTORIZACIÓNS EN PLENO ESTADO DE ALARMA PARA QUE OS PROPIETARIOS AFECTADOS NON TIVERAMOS OPCIÓN DE FACER ASEMBLEAS NA PROCURA DE ARTELLAR RESPOSTAS CONXUNTAS”
Como soubestes vós da existencia do proxecto do parque eólico?
Pois por casualidade, case podemos dicir que polo boca a boca
Ninguén da administración se puxo en contacto cos propietarios dos terreos para informarlles do que se pretende facer?
Non, absolutamente para nada. Cando o correcto sería que fose así, que a administración interesada en actuar sobre uns terreos, que teñen propietario falara, con eles para explicarlles con claridade as súas intencións. E máis grave é que a Xunta tramitou todas estas autorizacións en pleno estado de alarma para que os propietarios afectados non tiveramos opcións de facer asembleas para artellar respostas conxuntas nin charlas informativas. Iso foi premeditado é non se pode cualificar máis que como unha burla á cidadanía
Que ti saibas como está o proxecto na actualidade?
O problema é que a opacidade informativa é absoluta , e o pouco que sabemos só pode ser resultado dunha labor case de detectives. O que si teño que dicir é que tivemos unha xuntanza coa empresa adxudicataria do parque que supostamente nos afectaría
Cales foron as circunstancias desa xuntanza?
Foi a raíz dunha chamada que me fixo un representante da empresa. A reunión foi puramente informativa, simplemente nos transmitiron que eles eran adxudicatarios e que o parque ía facerse e nos explicaron a forma en que iamos ser afectados. Loureza está máis afectada ca nós. A nós só nos afectaría o voo das aspas dun muíño lindeiro e unha parte do camiño que a precisan para levar infraestruturas
Onde se produciu esa xuntanza?
A posición contraria ao parque eólico que me estás a trasladar é unánime nos comuneiros e comuneiras que representas?
A posición contraria é unha decisión da directiva da comunidade de montes. Nós xuntámonos valorámonos e consideramos non dar autorización ningunha porque non estamos de acordo nin con a forma nin co fondo. Por outra parte tamén quero dicir que nós non podemos convocar unha asemblea ante a situación sanitaria que estamos a padecer. Se a administración son uns irresponsables, nós desde logo que non. Temos a obriga de levar o tema á asemblea e así o faremos por descontado, pero no momento no que a situación epidemiolóxica o permita. A nosa comunidade de montes ten unha enorme concienciación ambiental e conseguimos grandes logros en canto á conservación do noso medio natural conxugándoo cunha adecuada xestión económica. Non teño ningunha dúbida de que cando fagamos a asemblea e expliquemos a situación a maioría dos comuneiros compartirán o noso sentir
Ti, alén de ser presidente da CM es concelleiro do BNG e quero que me expliques a moción que levastes ao pleno de Oia e que foi aprobada por unanimidade na corporación?
Fixemos unha moción para rexeitar os distintos parques eólicos que nos queren chantar na zona, levámolo a pleno e como ti dis foi aprobada de forma unánime. Para o BNG é moi importante a posición unanimemente contraria do Concello e ben, agora estamos á expectativa a ver como se desenvolven os acontecementos e coa intención de intentarmos parar isto, porque de concretarse sería un desastre absoluto para o noso Concello. Son 44 muíños os que nos queren chantar na Groba e iso suporía arrasar con ela.
ALBERTO COVELO,PRESIDENTE DA COMUNIDADE DE MONTES DE VINCIOS
“SOMOS MOITOS OS COLECTIVOS QUE NOS UNIMOS PARA DEFENDER A GROBA E O GALIÑEIRO.DEBEMOS CONSERVAR A UNIDADE E SER CAPACES DE PARAR ESTA BARBARIDADE”
Ti es natural de Vincios Alberto?
Non, eu son de Chapela, son bereteiro de nacemento, pero levo a maior parte da miña vida en Vincios, casei aquí e son xa más de aquí que de alí.
A que te dedicas ti?
Son autónomo
Cando entraches na CM?
No ano 2.000, xa levo 20 anos
Como vos afecta á vosa comunidade o plano eólico da Xunta?
O plano contempla a instalación de 13 aéreo xeradores na serra do Galiñeiro dos que 4 estarían instalados na nosa comunidade.
Como soubestes desa situación?
Isto xa ven de lonxe. Nós hai tempo que temos constancia de que algo se estaba artellando. Coñecemos a nova nun congreso que fixera a organización galega de comunidades de montes. Eu fora convidado a ese congreso e alí, o que foi alcalde de Arbo, Xabier Simón, ensinounos un mapa das zonas afectadas e alí vimos que estaba Vincios e nós non sabiamos nada
En que ano foi ese congreso?
Arredor do 2.007/2.008
E a partir de aí?
Iniciamos nós a defensa do Galiñeiro como monte emblemático. Levámolo a asemblea e rexeitamos o proxecto do parque eólico polo que suporía en forma de arrasar a paisaxe e danar os nosos acuíferos. O impacto sería brutal tanto nos mananciais como na fauna na flora e no noso importantísimo patrimonio arqueolóxico, o petróglifo de armas maior de Europa, o de Auga da Laxe, está nesa zona de afección. Quixemos deixar claro que non nos interesaba en absoluto a parte económica que nos puidesen traer se fose o caso que non foi, porque ninguén trouxo nada. Xa que calquera hipotética compensación económica en ningún caso compensaría os desastrosos efectos que suporía a instalación do parque no Galiñeiro.
Cales foron as accións concretas que fixestes para oporvos á instalación do parque eólico?
Nós puxemos en marcha un plan multi funcional . Quixera destacar que a zona afectada é de 400 hectáreas e é a zona máis rica en todos os sentidos. Nese radio de 400 hectáreas eles poden facer e desfacer como queiran: abrir pistas, construír casetas… Como che dixen fixemos actuacións multi funcionais e fomos substituíndo os eucaliptais por plantacións de frondosas. Fixemos pasteiros para as ovellas, plantamos cogomelos e todo isto ata os lumes do 2.017, que parece que sempre lle veñen ben aos eólicos
Ti cres que pode haber algún tipo de relación entre a terrible vaga de lumes do 2.017 e a que parece inminente instalación dos parques eólicos?
Non só penso no Galiñeiro, senón en todo o país. Casualmente sempre houbo lumes previos a calquera cambio de situación. Lembro por exemplo os viñedos de Tomiño e do Rosal nos que nos anos anteriores esas zonas sempre se queimaban. Claro, cando un propietario ten todo queimado é moito máis fácil que diga que si a calquera cousa
Como reaccionou a CM de Vincios despois dos Lumes?
A nós iso, deunos máis forza. Agora mesmo estamos renovando o monte dunha maneira totalmente diferente a como o tiñamos. Temos a captura de CO2 , temos parcelas novas de frondosas xa rexistradas no ministerio do medio ambiente. Vamos plantar novas especies..
En definitiva a seguir pelexando pola conservación do espazo?
Si, claro aínda que agora é máis complicado. Antes, ante un conflito semellante, aínda tiñamos a posibilidade de acudir á xustiza para establecer un acto de prevalencia, agora co cambio da lei na Xunta que axiliza os prazos para este tipo de construcións a capacidade de resposta é moito máis difícil. Pero desde logo que a nós non nos van parar. Non creo que a Xunta nos dea a figura de Monte Natural, pero imos procurar converter monte en natural, nós mesmos sen necesidade de que ningunha administración nola dea.
Cal é a vosa posición ao respecto das enerxías renovables?
Non estamos en contra. O que rexeitamos e ese plano eólico en concreto de salvaxe depredación do monte construído asemade en forma de política de feitos consumados por interlocutores invisibles
Polo que dis entendo que ninguén da administración se puxo en contacto con vós?
Non ninguén. Ninguén tivo a decencia de contactar con nós para darnos a máis mínima explicación do que teñen pensado facer co noso monte.
Na Groba xa instalaron unha estación metereolóxica. No Galiñeiro fixeron algo?
Non no Galiñeiro de momento non fixeron nada. Nós sabemos que houbo algún representante dunha empresa que nun momento determinado se achegou a unha empresa a preguntar
As expectativas futuras Alberto?
Somos moitos colectivos os que nos unimos para defender O Galiñeiro e A Groba, agardo que poidamos seguir conservando a unidade e que poidamos ser capaces de parar esa barbaridade.