A Xunta quere instalar un parque eólico en Pazos de Borbén. O BNG critica a desinformación e a posible desaparición dos elementos arqueolóxicos da zona

Parque eólico Pazos de Borbén A Nova Peneira

Pazos de Borbén, 4 de xuño de 2020

O 30 de abril deste ano, no medio da grave crise sanitaria e socioeconómica provocada pola COVID-19, o Consello da Xunta acordou reactivar a tramitación administrativa dos procedementos de avaliación ambiental de 975 proxectos industriais que se viron suspendidos pola declaración do estado de alarma. No caso concreto do noso concello está prevista a construción dun parque eólico que ocuparía gran parte do Monte Buxel, Galleiro, Alto da Serra e Monte da Serra.

Este parque eólico estará composto nun inicio por dez aeroxeradores, unha torre meteorolóxica e unha subestación eléctrica. Coa instalación deste parque, que provocará un gran impacto visual e ecolóxico no fondo da ría de Vigo, nunha zona xa de por si moi maltratada polo oleoduto, gasoduto e diferentes liñas de alta tensión.

Desde a organización nacionalista destacan que estes montes teñen un alto valor arqueolóxico cunha das maiores densidades do país. Nesta zona atopamos silos, mámoas, petróglifos e un asentamento humano anterior aos castros, catalogados nunha mínima parte pola Xunta. O responsábel local, Xurxo P. Besadío manifesta que “coa instalación de varios elementos do parque eólico no entorno do Monte Buxel, o noso patrimonio arqueolóxico desaparecerá. Estamos a favor das enerxías renovables, mais non a calquera custo”.

Isto confirma a política de “ nocturnidade e aleivosía” coa que trata a Xunta de Feixoo á cidadanía galega, incluíndo os seus propios votantes. Esta nova ocultación de proxectos, confirma o temor xa denunciado noutras zonas do país con proxectos de parques eólicos que non corresponden ao interese xeral, nin son esenciais. Plans como este tramítanse as costas dos intereses das veciñas e veciños, onde o PP de Andrés Iglesias xoga un papel importante ocultando información á veciñanza.

Rematan na nota criticando a falta de información ás comunidades de montes, xa que son as primeiras afectadas e a día de hoxe non teñen constancia da solicitude deste parque eólico, nin pola Xunta nin polo Concello.