Algunhas consideracións encol do comunitarismo galego e o pensamento de Ricardo Mella

Camilo Nogueira Busto de Ricardo Mella A Nova Peneira
Dionísio Pereira - Historiador
Dionísio Pereira – Historiador

Na altura en que Ricardo Mella publicou a súa novela Nueva Utopía(1890), desenvolvida nun incerto porto do Cantábrico español (Xixón?, A Coruña?…), aínda se podían albiscar na beiramar galega, restos deagrupamentos para o traballo máis ou menos colectivo no mar (as chamadas “compañas” ou “compañías”) que viñan de moi lonxe no tempo.O sentido comunitario daquelas pescas manifestábase en diversas vilas mariñeiras, tanto no xeneralizado hábito de dedicarlle un lance ou un quiñón á divindade de culto local (algo que ten chegado xusto á alborada do século XX, tempo no que os ventos laicos arrombaron esta práctica), como na atención benéfica aos avatares da azarosa existencia dos traballadores do mar e das súas familias: dende o quiñón das viúvas propio dos volanteiros de A Guarda, onde a peza do compañeiro falecido seguía a pescar para os seus ata que rachara, até os quiñóns que se separaban en diversos portos para axudar a enfermos, orfos, ou posibilitar un enterro digno. 

Camilo Nogueira Busto de Ricardo Mella A Nova Peneira
Camilo Nogueira cun busto de Ricardo Mella

Algo máis tarde, acomezos do século XX, cando a transición entre a tradicional pescaartesanal e o agromardo capitalismo nas actividades pesqueiras era imparable no noso litoral,aínda ficaban restos de posta en común tanto de barcos como de aparellos, cando menos na localidade guardesa ou nas Rías de Vigo e de Coruña, onde numerosas traiñeiras eran de propiedade compartida.Mesmo coa República ás portas, un bo observador de raigame mariñeira tal que Ramón Suárez Picallo, albiscaba dende a outra banda do Atlántico, a persistencia na súa vila natal, Sada, daquelas prácticas solidarias, benfeitoras do colectivo piscatorio e achegadas ao apoio mutuo colectivista pregoado por Piotr Kropotkin:

No meio do rueiro aldeán, geocentro d’aquel mundo primitivo, avistase a taberna da Trenla. N’ela vive inscrita a historia d’aquel núcleo humán, chea de inédito heroismo. Casino onde grandes e pequenos, alleos ao conceuto clasista, xogan nas noites d’invernía, lendo no libro das corenta a mais outa leición de democracia…alí fanse as partixas da Compaña peixeira, recibindo cada compañeiro o produto enteiro do seu traballo; cada un ten aberta unha conta corrente con tanto creto como poida dar o capital comun da tradicional irmandade. Sociedade de mútua axuda, de infinda solidaridade, sin carta orgánica, sin estatutes, sin outra ley que a ley da Tradición, alí cobra “o quiñón do náufrago” a viuda a quen o mar deixou sin compañeiro, e aos cativiños sin pai…”(“Galicia”, Centro Gallego de Montevideo, nº 151,1929)

Retornando outra volta á noveliña escrita e presentada por Mella ao Segundo Certame Socialista de Barcelona, celebrado en 1889, Nueva Utopiadescribe a transformación dunha pequena vila de pescadores nunha puxante cidade, onde unha nova orde baseada na Liberdade e a Igualdade, foi quen de alentar unha sociedade sen clases na que a Ciencia é capaz de satisfacer todas as necesidades e onde a vida é harmoniosa e ordenada. Concibido como un conto moralizante anticapitalista, o relato, non obstante, carece en absoluto de referencias ao mundo da pesca ou a calquera outra actividade marítima, situando o devalar da utópica urbe nun abraiante ambiente de idealizado progreso produtivista. Ademais, sorprende que as mudanzas non teñan o seu alicerce no aquel comunitario dos propios pescadores (ben visible naquela altura), senón que a revolución sería importada de “remotas tierras”; e tampouco os principais protagonistas daquela son os habitantes primixenios do “villorrio”, senón traballadores foranos procedentes doutros lugares máis avanzados.

En realidade, chovía sobre mollado. Como é sabido, no seu coñecido traballo El problema de la emigración en Galiciaescrito en 1883, Mella xa avanzara nun plano de acción anarco-colectivista para o campo galego, baseado na asociación labrega e no usufruto colectivo da terra: cada quen a traballaría“para si”, pero compartiría capitais, grandes trebellos e crédito gratuíto. Deste xeito, o pensador anarquista vigués parte das condicións específicas do país (maioritariamente habitado por pequenos propietarios agrícolas) na elección da súa proposta colectivizadora,Porén, e de xeito chocante, Mella non albisca o universo comunitario e os bens en man común que, secularmente, compensaron a pouco equitativa distribución da terra e limitaron as desigualdades sociais na aldea, quer na xestión do territorio, quer nos propios labores agrarios. 

Tal e como acontecerá sete anos máis tarde coa novela Nueva Utopía, Mella utiliza un molde xenérico, cosmopolita, na concreción da comuna agraria ou pescadora, eivado aquel dunha análise polo miúdo das posibilidades que abría a persistencia do comunitarismo democrático e solidario, como antecedente e tamén como base material da autoxestión no mar e na terra da Galiza. Suxeito ao feitizo científico e tecnolóxico das sociedades avanzadas, Mella a carón doutros moitos pensadores ácratas aceptou a supremacía da modernidade fronte os usos e hábitos dos países subdesenvolvidos (e colonizados), conceptuados como atrasados. Entre eles, de xeito sinalado Galiza.

Daquela, seica Ricardo Mella nunca defendeu un ideario anarquista propio do país, nin acreditou na Galiza como suxeito dunha revolución social, sino, como apunta José Antonio Durán, “…para hacer la general partiendo de las condiciones propias, específicas, del país”. O feito de que o principal pensador ácrata orixinario da Galiza nonasumise o legado dos feitos comunitarios e de contrapoderestendidos historicamente ao longo da xeografía galega, se acaso contribuiría a explicar a mínima relevancia das tentativas teóricas para adaptar o esquema libertario á cultura e á idiosincrasia galega. E, de resultas, o carácter maioritariamente refractario do movemento libertario implantado no país diante do feito diferencial galego, durante a etapa contemporánea.