Apuntes sobre as eleccións municipais (Marín II)

Artigo de opinión A Nova Peneira

Celso Milleiro

As pasadas eleccións municipais deixaron en Marín varias traducións obvias:

  1. A continua forte abstención que se dá nas diferentes celebracións electorais desde 1979.
  2. O BNG recupera a súa forza institucional media de antano.
  3. O PSOE estáncase e non se albisca unha recuperación do poderío electoral de antes.
  4. O PP continua forte e obsérvase que os anos de goberno causa xa algún dano.

Sen lugar a dúbidas un dos factores que fixo que o PP lograra tanto poderío no concello ten a ver coas históricas desavinzas internas nos partidos progresistas, e sobre todo no BNG cunha continua lea interna desde hai case 30 anos que minou á fronte e as súas aspiracións políticas de gobernar o concello como o fai nos municipios dos arredores.

O BNG ten en Marín unha das súas asembleas locais máis inestábeis de todo o País, que deu lugar a brincadeiras públicas moi mesturada con individualismos, intereses persoais e infantilismo dalgúns sobre as posicións ideolóxicas do proxecto político. Semella que os últimos movementos dados: renovación xeracional inclinan a balanza nunha esperanza de artellar unha organización nacionalista forte. Non só fica máis traballo, senón madurar e fortalecer nas súas bases a conciencia nacional e ideolóxica, clave para que non aconteza os sucesos do pasado.

Traballouse desde o primeiro día da pasada lexislatura en trazar vasos comunicantes con moitos ex-militantes e simpatizantes que se foron afastando da organización e que hoxe ven con ilusión este novo BNG.

Por outro lado, o Partido Socialista leva consigo unha división interna desde hai máis dunha década, este é o factor máis sobranceiro do seu estancamento político, engadindo ademais aos acontecementos xerados da conxuntura do estado así como a unha falla de políticas concretas e claras a nivel municipal.

O PP vive dunha renda que vende estabilidade, pese a que en 12 anos de maioría absoluta non fixo nada destacábel. Cunha candidata populista que se move con certa intelixencia, no que tanto ten vela con mantilla nas procesións relixiosas como nos actos da Memoria Histórica, claros exemplos dos seus movementos tácticos na sociedade local. Un traballo de parcheo e lavados de caras na vila e no rural, mais que non son políticas de futuro e de desenvolvemento efectivo dunha vila estratexicamente ben situada, moi perto da autoestrada e da estación de autobuses e de trens de Pontevedra, cun porto de interese xeral do Estado e cunha infraestrutura militar única no Estado Español. Mais isto non son alicientes para fixar ou medrar poboación, senón todo o contrario. Marín perdeu case 2.000 habitantes en 10 anos, síntoma dunha política que prexudica ao concello de maneira visceral.