
No medio dos días deste mes de febreiro cando xa cabalga marzo, séntese maiormente a dor das ausencias no medio das horas, espazos e atmosferas que nos envolven cheas de grises e árbores espidas, de sensacións que o sol expresa segundo a luz que orballa tempos e comparte nostalxias de imaxes que veñen en recordos, sobre todo daquela xente que quedaron fóra, dormen nesa hipérbole do alén que ignoramos. Algunhas persoas ás que tanto quixemos, seres que no medio da vida conseguiron un lugar gratificado no noso corazón, impresións que en ecos volven con risos e ilusión, con honestidade e fidelidade á orixe. Hoxe tócalle a Xosé Vizoso, o noso amigo nas causas perdidas, compañeiro adherido a Brión pero que sempre estaba aí, camarada infatigable desta loita que nos pertence aos que non sabemos facer outra cousa que tirar para adiante e soñar estrelas. Vizoso, o mindoniense que levaba o mundo nun pincel que enchía espazos no fardelo e na cor, nas formas, na partición e proporción das densidades cromáticas. Sabía conxugar perfectamente a luz coas sombras, conciliaba as partes e o sentimento feliz das amizades, das de verdade non calquera outra cousa. Primeiro da man de Juán Puchades e despois sendo o Vizoso, alma de Sargadelos cando Sargadelos era unha esperanza cultural de Galiza, a carón e da man de Isaac Díaz Pardo, o seu amigo e mestre, de quen foi independizándose e a partir de aí, creou estilo propio, dono dunha obra plena do seu enxeño. Artista gráfico que entrou en todos os fogares coa decoración e deseño das vaixelas, do galo, das pombas, das nosas cuncas de café, das figuras e pratos de soñada paz, fontes, cartaces que algún día mesmo tamén me presentaron a min facendo memoria do “pan” de cada día, o de verdade e non do pan de molde ou do pan que se fabrica sen forno, sen a calor do lume que nos prende.
Foron tempos, lémbroo tamén en Sargadelos, xa hai moitos anos, na súa mesa, cos seus apeiros de maxia: cores, pigmentos, papeis e unha inmensa cantidade de enxeño. Sei, cando nos ilusionamos cos “Menciñeiros” que un día Cunqueiro intuíra, que mirou no arredor das terras de Miranda. Eu facía de Xil, e sacaba a sombra aos asombrados, os que padecían aquel mal de dentro, da alma. Pintoume cun pucho na cabeza mirando de perfil.
A Vizoso déronlle moitos premios anque el non era de recoñecementos e aínda agora, nestes días, tiña en exposición varias das súas múltiplas obras. Fun ver a que tiña en Lugo, na Deputación, todo un catálogo onde moitos puidemos aprender novamente esa república da creación, da arte que se traduce despezamentos, en densidades, en explosións de brillos, en olladas ousadas de misterios. Era Vizoso interpretador de milleiros das nosas ilusións. Era quen de facer medrar as nosas notas de guitarra, a nosa voz. Era quen de complicarse por nós, de ser cómplice das aventuras. E facíao desde esa particular
arte de anular medos, de propiciar novas dimensións expresivas do noso ser, partindo todos de cero.
Era cabal, ía montado nun gran bigote que lle ocupaba a figura coa amabilidade feita palabras, ese rostro de sentimento feliz, de estar satisfeito e ao xeito, enchido do contento de todos nós, na complicidade dun viño e unha longa conversa chea de anécdotas, de vida. Moitas veces sopraba no bigote, mais ao falar de Mondoñedo abría os ollos para captar tantas dimensións que por dentro levaba, recantos de luz, personaxes, escenas nas que administrar pinturas, tamaños, cores e así transformar os seus soños -tamén os nosos- en realidades tanxibles. Fixérono fillo predilecto no ano 2017, un 25 de marzo, alí xantamos xuntos e cantamos. Tiña sobrados recursos e a súa idea en creación era recollerse e sumar trazos mentes sopraba no bigote. Facíao no medio de nós como cousa de cada día. Sei que cando vexo a obra dos creadores plásticos, e neste caso a súa, autores que tanto admiro, non sei por que decátome da intensidade afectiva que tiña a persoa que fixo tal creación. Seino tan só con ver e mirar a obra desde varios puntos de vista. Son un namorado daqueles que deixan descubrir, a pouco que se observe, esa dimensión afectiva que teñen, xa que logo, un resultado íntimo que se transloce ao papel ou ao lenzo.
Se algún día observades a súa obra, atendede tamén aos trazos non aparentes da obra, buscade no afecto con que se puxo, na arte que modula unha forma de amor e paixón aberta da persoa creadora. En Vizoso é notoria esa paixón, esa emoción, ese suplemento a maiores no resultado. Como grande ilustrador que foi, fixo debuxos, retratos, paisaxes, murais, “cartelista” da nosa historia próxima expresada en actos culturais, en libros de autor, ceramista en figuras imposibles, en medallas, en expresións festivas, mesmo se lle ocorreu dirixir a restauración da Catedral de Mondoñedo. Foi debuxante de músicas, do mesmo xeito que eu escoitaba a súa arte expresada en belezas. Era capaz de calquera cousa, aquel neno que un día debuxou un cabalo e despois debuxou todo o seu mundo, en parte tamén o noso mundo. Quen tivemos a sorte e o honor de tratalo nas distancias curtas, ademais de gardar como ouro en pano as ilustracións que sempre nos mandabas cando chegaba o nadal, tentaremos tomar exemplo, seguir téndoo de referente pois deixou ronsel de fidelidade entre as perspectivas da dignidade. Tan escasos bens. Agora toca gardar memoria de fondo agradecemento.
