Un par de transicións para a Next Generation

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo
MILANA BONITA

O goberno español acaba de presentar uns orzamentos expansivos para a mobilización dos fondos Next Generation que procedentes da Unión Europea buscan unha saída á crise baseada no que a priori son, sen dúbida, dúas boas liñas de actuación: a dixitalización e a loita polo cambio climático. Mais tendo en conta a historia recente sería bo prestar atención para evitar que ao final estes recursos que teremos que devolver apertándonos o cinto vía impostos, non acaben, de novo, enchendo os petos dos de sempre. Que xa están aí os sinais de alarma.

Resulta que agora o capitalismo di que é verde. Pero só hai que mirar como se está a levar a cabo a expansión eólica e as similitudes cos encoros de Franco. Que xa o dicía, no instituto, a miña profesora de Historia: non hai materia máis útil para o futuro que a que explica o pasado. Os grandes encoros do Miño e do Sil provocaron, na última década, beneficios de máis de 4.000 millóns de euros e porén as áreas que os acolleron están agora desertizadas. Os cartos foron para as empresas e as poboacións que soportaron os prexuízos ficaron condenadas á pobreza. Non hai nelas tecido empresarial. Só persoas xubiladas e a resistencia, afouta, de pequenas empresas de produción ecolóxica, leite ou froita e algún polígono industrial espallado cal oasis. Do mesmo xeito, di o Observatorio Eólico de Galiza que a Terra Chá vai en declive, que a zona que acolle case o 20 por cento da potencia instalada no país non se está vendo beneficiada dunha actividade, baseada nun modelo colonial, que só enche os petos do capital sen respecto polas zonas que muxe ata a pinga derradeira. Polo contrario, o desenvolvemento de enerxía é proporcional á perda de poboación chairega. Iso debía facer reflexionar aos gobernos. É imprescindíbel que a transición ecolóxica sexa inclusiva, que se basee nun modelo que reporte beneficios ao territorio e a súa xente.

Os parques eólicos teñen que ser compatíbeis co medio que os acolle e desenvolver riqueza na poboación local. E parece lóxico que a explotación dos recursos naturais teña, como mínimo, participación pública, e redunde en beneficio do país. Sería desexábel, en fin, que os gobernos avogasen por unha explotación enerxética que ademais de ser respectuosa co medio –para iso é ecolóxica-, servise para reducir a factura da luz da poboación, máis aínda da que soporta as consecuencias da xeración dos megavatios, e non só para incrementar os beneficios das empresas eléctricas.

Sería desexábel que, desta volta, a saída da crise beneficiase as persoas e non o capital. E, nese senso, tampouco a transición dixital pode deixar atrás a poboación máis vulnerábel. Os beneficios que aporta a aplicación da dixitalización no traballo, na medicina… non poden verse só como unha oportunidade de negocio, teñen que servir para mellorar a vida das persoas. O obxectivo non é que as máquinas incrementen os beneficios empresarias senón que faciliten as tarefas máis mecánicas e poidamos orientar as capacidades humanas a tarefas imposibles de substituír por intelixencia artificial como os coidados á terceira idade, á infancia, á dependencia, á saúde mental, o fomento da cultura, do ensino, da investigación… En definitiva, que as máquinas traballen máis e as persoas nos coidemos mellor agora que a crise sanitaria evidenciou que o capitalismo é un sistema único na xeración, non só de desigualdade, senón tamén de soidade.

Mais, como pasa cos eólicos, os primeiros indicadores da transición dixital din que os ventos non sopran ao noso favor: As clases virtuais marxinaron o alumnado con menos medios, a telemedicin puxo trabas ao acceso da poboación á sanidade, e o peche de sucursais bancarias ante os avances da banca electrónica, prexudicaron o rural e a poboación de máis idade. Mentres, a pandemia pechouse co aumento no número de persoas multimillonarias.

É por todo iso que neste inicio da travesía temos que coller o temón con rumbo claro ou de novo estaremos ante transicións que arrasen coa esperanza dun mañá mellor. Vaino levar o vento.