
Gonzalo Caballero Exsecretario xeral do PSdeG, parlamentario e doutor en Economía e en Ciencia Política
O 25 de Xullo non é só unha data de festividade. O día grande de Galicia leva consigo o compromiso e o sentimento de todos e todas os que, dende o galeguismo, pulamos por un futuro mellor para a nosa terra e a nosa xente. Un futuro de oportunidades para a mocidade, de atención ás persoas maiores, de igualdade entre homes e mulleres, de apoio ás familias, de protección para quen padece máis dificultades. Un futuro no que a vangarda e a innovación se dean a man coa nosa raizame cultural e lingüística, no que o coidado do medio non compita cunha economía puxante e no que avancen cidades, vilas, pobos e aldeas.
Velaí o compromiso de quen nos erguemos cada día para contribuír ao progreso da nosa terra, tantos galegos e galegas que, cada un dende a súa vida, pulamos por esa Galicia mellor. De quen cremos que o progreso non é un destino reservado a uns poucos, senón que ten que ser un camiño que percorramos todos xuntos. E nesta senda, na liña dun galeguismo cívico que nos compromete coa nosa xente, a miña guía é traballar ao servizo de Galicia cun claro compromiso ético e coas bandeiras da xustiza social, da igualdade, das liberdades e dereitos sociais, en busca de progreso e futuro.
A Galicia que moitos queremos busca a modernización do tecido produtivo, o desenvolvemento do estado do benestar, o emprego de calidade e a recuperación da industria, a aposta polos servizos públicos, a sostenibilidade do noso medio e a protección do patrimonio natural, o impulso do rural, a igualdade entre homes e mulleres, dereitos para todos e oportunidades para a mocidade. Cando entramos xa no cuarto minguante dunha lexislatura autonómica marcada polo cambio na presidencia da Xunta, o reto de construír esa Galicia viva, dinámica e inclusiva, superando definitivamente a _longa noite de pedra_, ten que ser a pauta para os herdeiros daqueles socialistas que, hai xa catro décadas, nos albores da autonomía, loitaron con afouteza pola dignidade da nosa terra. Porque a construcción do Estatuto do 1981 foi un compromiso coa boa política e con Galicia no que o socialismo galego deixou pegada. Xa sinalaba Ramón Piñeiro que “a autonomía non é a confirmación do pasado, é a apertura dun camiño novo cara ao futuro”. Un camiño asentado sobre a democracia e o autogoberno que cómpre seguir percorrendo, acertando no rumbo para corrixir as debilidades existentes e gañar fortalezas para o futuro. O futuro é sempre un horizonte descoñecido. Compartamos con Francisco Fernández del Riego, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, “o soño dunha Galicia ideal que pode realizarse no futuro”.