Tiven un soño

Mario López Rico

Mario López Rico

I have a dream” Martin Luther King Famoso discurso pola igualdade e coexistencia harmoniosa entre brancos e negros na súa América do Norte.

Eu tamén tiven un soño no que en Galiza non tiñamos unha poboación envellecida, na que a nosa xente nova non estaba a marchar buscarse a vida alén das nosas fronteiras, non existía esa auténtica enxurrada de futuro que se perde, tiñamos un rico mundo rural, a gandaría e agricultura vizosa, os montes libres dos eucaliptos e de eólicas, as fábricas a producir riqueza invertendo o proceso de desindustrialización brutal que hoxe temos, volviamos ter unha banca galega como as caixas de aforros, un país rico e xusto, agarimoso coma o colo dunha nai.

Mais o noso País hoxe ten unha colonización brutal, sometido nun estado que nos ten asignado o papel de fornecedor de recursos naturais ou carne de canón para xerar riqueza noutras partes do mundo. Desgrazadamente non estamos ante nada pasaxeiro, é algo estrutural ese desaxuste de Galiza no Estado Español. Sinceramente, pouco ou nada se albisca, dun futuro mellor de non mudar radicalmente as cousas máis aló do bipartidismo dinástico borbónico.

Non podo menos que facer notar que este artigo está feito antes do día 23, por razóns técnicas da edición, e non deixa de ser complicado escribir unha semana antes dunha data que se lle ten dado tanta importancia para conformar un texto que vai ser lido un par de días despois. Estou a falar das Eleccións Estatais do 23. Estásenos demandando a escolla entre as dúas patas do bipartidismo, entre un goberno máis amábel, con algúns acertos, ou o terror da dereita máis ultra. Non hai dúbida que se esta escolla non vai acompañada de termos conseguido en Madrid máis presenza de Galiza haberá moitas cosas que van seguir igual para nós. Moitas das grandes decisións políticas do estado están moi por riba de que sexan uns ou outros os que gobernen porque cada vez máis o poder real está en mans das grandes corporacións e do capital financeiro.

Para mudar as cousas precisamos que Galiza conte, teña peso como xa teñen as outras nacións sen estado, e iso pasa por termos máis presenza nas institucións do estado para poder decidir naquels cousas que nos afectan como nación.

Alba de Groria” o noso Castelao neste seu discurso ergueu un potente chamado á liberdade do Pobo Galego perante unha data icónica como é o “Día da Patria” dende o seu exilio arxentino.

Nós, galegos e galegas, de hoxe temos a sorte de podermos celebrar este día na propia nosa terra. Os nosos exilios e devezos son hoxe doutra índole: vermos a patria desleixada e nun devalo cara un futuro incerto. A ledicia certa de sermos nós e celebralo neste día non pode agochar a multiplicidade de problemas e agresións que estamos a sufrir, mesmo fisicamente no territorio. Galiza precisa coa máxima urxencia un cambio de rumbo, un tomar as rédeas do seu destino, precisamos cada vez unha meirande implicación das boas persoas, que como as citadas por Castelao no seu “alba de Groria” poñan o seu labor e o seu interese do Galiza por riba de todo. Para que haxa un día no que todas poidamos celebrar o noso cantando coma o grande Curros:

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? …
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Hoxe as bruxas e os demos, as usuras e os preitos, os foros ou os crego teñen outra fasquía pero velaí están aínda. Fagamos un grande conxuro, mobilicémonos.

Bo día da Patria a todas e todos!