O  alborozo dos falabaratos

Artigo de opinión A Nova Peneira
Catalina Coya Soliño Ecoloxista, feminista, anticapitalista e veciña constituinte da asemblea veciñal GañaMós
Catalina Coya Soliño
Ecoloxista, feminista, anticapitalista e veciña constituinte da asemblea veciñal GañaMós.

[19:30 Domingo 1M: A ALERTA]Domingo a media tarde chámanos Rober, concelleiro de GañaMós, e cóntanos que está anunciado un concerto do grupo Kidd Keo na Sala Queen e que dito grupo nas súas actuacións usan expresións e xestos denigrantes para as mulleres. Baixamos un video do grupo e non fixo falta velo enteiro para decatarse de que rezumaba machismo. Barallamos que facer para imposibilitar a actuación machista no noso concello. Non seríamos o primeiro concello en impedir unha actuación de Kidd Keo, só con googlear un pouco aparecía unha extensa lista de concellos ao longo do estado declarados libres do machismo deste grupo. Decidimos confiar na concelleira de cultura do Concello de Mos, aínda que é do Partido Popular parecía había nela algo maís que o barniz que usa o seu grupo político para camuflarse cando nos achegamos ao 8M. Parecía que baixo a súa pel aniñaba algo de feminismo.

[18:00 Martes 3M: A PALABRERÍA] Falsas esperanzas. Rober chama e confírmanos o que nos temíamos. Alertou da actuación á concelleira de cultura do PP, pero non pasaron de facer unha declaración para a galería sen a máis mínima alusión a capacidade do concello para sancionar actuacións machistas e disuadir así aos promotores do concerto. Palabrería e máis palabrería da alcaldesa, arroupada pola concelleira, arrogándose ser as únicas valedoras da igualdade. Unha palabrería totalmente contraproducente, xa que ao non ir acompañada de medidas disuasorias o único que acadaron foi facerlle publicidade gratuita ao grupo Kidd Keo. Falamos e decidimos intentar reconducir a situación e propoñerlle ao Partido Popular de Mos tramitar de urxencia no pleno unha moción co apoio de todas as forzas politicas na que, ademáis dunha mera declaración de condena, se anuncien sancións concretas para o grupo e o local público que acubille a actuación machista.

[17:00 Venres 6M: O PESO DA LEI] Tras dous días buceando na Lei de Igualdade e na de Espectáculos preparo unha batería de medidas que o concello pode adoptar ao abeiro destas dúas leis, as cales confírenlle ao goberno municipal capacidade sancionadora. Redacto un esbozo de moción e pásolla a Román, o voceiro de GañaMós, para que a comparta co resto dos partidos no grupo de voceiros. Aínda non apartara a vista do portatil cando Román xa nos trae a negativa do Partido Popular a adoptar ningún tipo de medida disuasoria nin sancionadora. Din que cunha declaración era máis que suficiente, escusándose en que o concello non ten competencias. Está claro que non se molestaron en ler a Lei de Igualdade e moito menos a de Espectáculos. Cruzamos os dedos a ver se no pleno do luns a razón dominaba a sala e o Partido Popular ía máis alo da pantomima.

[14:00 Luns 9M: OS FALABARATO]Luns, día do pleno. Non agardaba noticias até última hora da mañá. Aínda estaba no traballo cando me chama Rober. Arévalo botárano fóra do pleno cando estaba intentando convencer á concelleira de cultura da necesidade de tomar medidas concretas contra os machistas. Dolíase de terse acalorado co debate e interrumpir a concelleira ante a senrazón dos seus argumentos. Vendo logo o video do pleno quedoume claro que Arévalo expulsa a Rober a berrido limpo non por ter falado fóra do seu turno senón por espetarlle á alcaldesa de que el non estaba alí para vender a súa imaxe como facía ela. Non era a única mala nova, o Partido Popular negouse no pleno a incluir no texto da moción ningunha das medidas concretas que se poderían tomar contra a actuación machista contempladas nas leis de Igualdade e de Espectáculos. A concelleira de cultura atrincherábase na súa campaña de monológos de espazos libres de machismo. Como feminista non vou desmerecer nada que se faga na boa dirección, pero anunciar o ceo cando apenas subiches un peldaño é, cando menos, presuntuoso. Como nós non participamos no seu xogo de falabaratos negámonos a votar unha moción chea de palabrería e carente de medidas concretas. De pouco valeu que esa mesma mañá as rapazas do insti subiran ao Concello a explicarlle que é igualdade a Arévalo e o resto do seu grupo. Un aplauso para elas porque se poderá explicar máis alto pero non máis diáfano. Magóa que ningúnha do PP quedara impregnada dun chisco dese prístino feminismo. 

[20:00 Martes 10M: A DENUNCIA]Reunión de urxencia. Non imos deixar impunes aos machistas. Acadamos unha Lei de Igualde que costou moito traballo a moitas mulleres. Non imos defraudalas nin a elas nin as raparigas que veñen pisando forte e que nesta lei deben ter un punto de partida para cadar maior cuotas de equidade. Descolgo o teléfono e chamo aos organismos competentes: Consellería de Igualdade e Subdirección de Espectáculos. Non hai frialdade nin frivolidade ao outro lado do teléfono, funcionarias competentes atenden as nosas denuncias e as encamiñan para que surtan efecto e a Lei de Igualdade pese como calquera outra lei. Non imos permitir que quen insulta e humilla ás mulleres pense que en Mos pode campar ás súas anchas porque no noso concello só hai falabaratos cuxa palabrería carece da máis mínima vontade. Algo moveuse no PP e nas declaracións posteriores xa incluían no seu relato a posibilidade de sancións contra a actuación machista pero para crer que o seu dito sexa un feito sería necesario un gran acto fe.

Sería máis doado facer de Mos un espazo libre de machismo se poideramos contar coa colaboración do goberno municipal de Arévalo pero alomenos que saiban tanto os grupos machistas como os locais que acubillan actuacións vexatorias para as mulleres que non todas consentimos e que faremos todo o posible para facer cumplir a lei.