Insurrección cultural xa!

Insurrección cultural xa!
Ana Hermida

Son unha insurrecta cultural, creo firmemente na contracultura e penso que cómpre unha revolución xa, sen máis dilación. Debemos reaccionar ante o que está a pasar, non podemos consentir a incultura vergoñenta actual, xa sei que a que ten os medios ten a cultura, pero a “cultura” que que nos ofrecen as persoas que nos desgobernan é unha desfeita, tentan aborregar ao persoal para poder domealo, hai que pararse a pensar e abrir un debate sobre o asunto, seguramente a maioría das persoas con mente lúcida estará de acordo en que a “incultura” que estamos a sufrir debe ter unha resposta contundente, non podemos agardar máis. Debemos explorar a consciencia, mudar os hábitos sociais e de pensamento, opoñernos firmemente a toda esta dominación de aproveitadas e gobernantes que asolagan lugares físicos e cibernéticos cun insulto inmenso á cultura, incluída a cultura galega.

Hai moito tempo que internet entrou nas nosas vidas, nesta cibercultura actual temos unha magnífica oportunidade para conectarnos e expresarnos libremente, podemos protestar, enviar mensaxes provocadoras, facer unha revolución e ser unhas insurrectas culturais, facer outra manifestación contracultural, que non deixa de ser unha manifestación da cultura, e ir en contra da sociedade imperante, para que logo esta mesma sociedade a volva absorber facéndoa súa.

Precisamos de persoas comprometidas do mundo da música, da poesía, do teatro, da pintura, do cinema, tamén da cultura grafiteira, da moda, do rock, das cantoras…. toda esta xente que entende a cultura en maiúsculas e que non teñen a oportunidade de chegar á xente porque quen nos desgoberna impón a súa incultura, sempre coa axuda de oportunistas que baixan os pantalóns ante o inimigo -agora amigo- e que delinquen con total impunidade plaxiando a obra de artistas de talento, xa que non teñen intelecto para a creatividade. Así, entre a convivencia de desgobernantes e oportunistas, atopámonos nunha situación á que non damos creto, non entendemos como a sociedade é quen de tolerar, sen sequera plantexarse, se é lícito, moral, ético, cultural… o que lles ofrecen unhas e outras persoas que achegan galdrumada chamándolle cultura, que insultan á cultura galega, que denigran a artistas en maiúsculas, que fan de menos á infancia, que plaxian a mulleres, que promoven o machismo…. reaccionemos xa, non se pode tolerar.

Cando naceu a Tvg tivemos oportunidade de ver obras de teatro de autoría galega, entrevistas a persoeiros da cultura, reportaxes que poñían en valor o noso, un programa infantil que lles ofrecía contidos en galego, dobraxe en galego poñendo en valor o noso símbolo cultural, o idioma, o mesmo que hoxe denigran estas personaxes sinistras. Hoxe impera o vulgar, o malfalado, xente groseira que fai unha desfeita do noso idioma. Hoxe xente asneira é a que ocupa os espazos da nosa Tvg, sen cultura nin educación e á que premian por denigrar o noso idioma, o colmo da estupidez, a nosa propia xente rindo do noso idioma. Nesa mesma televisión vemos persoas sen cultura nin preparación a cargo de programas que son un insulto á intelixencia humana, vemos tamén como en lugar de ocuparse de textos e personaxes da nosa historia, ocupan espazo as orquestras, sempre co machismo manifesto de estar enriba dun escenario dous xéneros que viven en dous hemisferios distintos do planeta, os machos alfa ben abrigadiños e as femias sempre vivindo no trópico, amosando no escaparate a chacinaría, vende máis a cultura da carne fresca que enriquecer o intelecto. Nos informativos a cultura ten un lugar ínfimo, cando o ten, no canto diso, falan de prensa rosa, amarela e negra, un noxo, teñen a xente adurmiñada co fútbol, así non pensan noutras cousas máis importantes, mentres consuman bazofia a súa mente estará embrutecida e non terá o costume de pensar, co cal sempre será máis doada de domear.

Hai quen lambe o traseiro ao inimigo, son as chamadas “persoas xunco”, que abanean a dereita ou esquerda segundo sopre o vento. Esas son as peores, véndense por unha actuación, por figurar, por aparentar, divas do grelo que se adoran a si mesmas. Todas coñecemos a xente así, haina en todos os ámbitos, no mundo cultural tamén, fanlle moito dano á cultura, á igualdade, á arte, á dignidade, pero aí están reinando na mediocridade das mediocres.

Persoas autoproclamándose cronistas plaxiando textos de mulleres, persoas falecidas…co apoio do goberno de turno, deixando en ridículo ao alumnado dos Ceip avergoñándoo diante das compañeiras, falar de mulleres sen ningún tipo de formación en igualdade, non deixar tomar as medicinas a unha nena nun Ceip, roubar autoría de fotos/videos/texto… Como non se denuncia esto?

Desgobernantes de incultura premiando a orquestras polo seu traballo cultural, desexando que o vindeiro Día das Letras Galegas se lle dedique a un gran escritor presente no acto, censurando a xente libre por non lamber traseiros, apoiando desde a páxina oficial do concello actos delitivos, premiando a amizades da súa corda.

Mentres tanto hai músicas/actrices que nunca pisaron un auditorio, xente da fotografía/ilustración que nunca puido expoñer, compañías que nunca puideron representar. A oposición colabora na incultura apoiando a eses monifates delincuentes, e temos profesionais da dobraxe que non poden traballar e cantores que non poden actuar. O silencio sempre foi e será cómplice.

Non concibo que xente que crea cultura, que a vive e sente, que a investiga, etc. viva na miseria e no ostracismo, mentres tanto aproveitado de turno muda de chaqueta cantas veces sexa preciso por un protagonismo que o único que fai e evidenciar a súa incultura manifesta e capacidade para delinquir.

Si, son unha insurrecta cultural.

Primer comentario

Deixa a túa opinión