“Berlín ten dous grandes problemas: o acceso á vivenda, e a burocracia interminable”
Xoan é un orgulloso fillo de Galicia, e tamén é un produto das circunstancias derivadas do status que outros deseñaron para o país galego. Non é tolerable que un mozo coas potencialidades que ten Xoan non poida atopar un medio para desenvolver un proxecto de vida no lugar no que el naceu, e ao que el tanto quere. Pois , Xoan , como milleiros de galegos e galegas, veuse na obriga de emigrar para gañar a súa vida. Leva 7 anos na capital de Alemaña, e con el conversamos para que nos explique o máis significativo dunha das cidades máis importantes de Europa.
Cóntanos a túa historia persoal?
Son de Vigo e teño 56 anos.Son técnico de xardinería pero ademais tamén traballei na construción, de seguridade privada e hostalería, de feito agora é ao que me dedico, traballo na cociña dun restaurante italiano.
Con cantos anos marchaches para Alemaña?
Marchei para Alemaña hai uns sete anos aproximadamente e vivo en Berlín, sempre estiven nesta cidade.
Cando decides marchar a Alemaña?
Antes de decidir marchar cara Europa xa levaba como uns quince anos fora de Galicia por diferentes comunidades e con diferentes traballos. Os últimos anos estiven traballando en Santander na hostalería cunha situación laboral moi inestable, ademais de pasar por problemas persoais desagradables e decidín marchar para buscar un futuro mellor, traballo máis estable e mellor remunerado.
E por que Alemaña?
Vinme para Berlín porque está é unha cidade moi dinámica e con moita mestura de xente de diferentes nacionalidades. Aínda que non entendas o idioma aquí danche moitas facilidades para estudalo e compaxinalo cun traballo de catro horas, danche axudas económicas para poder facelo. O único que tes que ter é unha vivenda na que estar empadroado, se non consegues vivenda na que empadroarte entón estás ilegal e non podes optar a ningunha axuda social.
Disme que traballas na hostalería, é moi diferente o traballo neste sector en Alemaña ca en Galicia?
Non ten nada que ver. Eu agora cambiei de restaurante e baixoume a categoría. Estou de axudante de cociña e o salario ronda os 1.800 € en nómina, a maiores cobro as propinas que van desde os 400 aos 500 € mensuais, considero que aquí está ben pagada a miña profesión. Ademais o horario cúmprese sempre, traballamos 7:30 horas diarias cinco días a semana e se che ven a hora de marchar e tes a tixola nos fogóns pois marchas igual, aquí non se fai nin un minuto máis do teu tempo de traballo, todo o contrario co que pasa aí.
Que tal te deches co idioma?
Pois non moi ben, é moi difícil de aprender, os propios alemáns recoñecen que é un idioma complicado, de feito teño nocións moi básicas, deféndome mellor en Italiano e Inglés. Estudei na escola pública de idiomas, rematei o A1 e o A2, cando comecei o B1 estalou a crise do Covid e paralizouse todo. Despois cambiei de restaurante traballando a xornada completa e xa non seguín estudando o idioma. Para poder defenderte algo co idioma tes que facer mínimo o B1 e eu non o rematei. Está cidade é moi cosmopolita, eu teño coñecidos aquí que levan máis de once aos e non saben falar alemán. Aquí falando inglés, italiano ou turco deféndeste.
Como son os servizo públicos?
A nivel de transporte son fantásticos. Hai tranvía, metro de superficie, metro subterráneo e moitos trens e autobuses a todas horas. Os billetes para un traxecto son bastante baratos, sobre 3.5€ pero o que aquí che sae rendible e coller os abonos, hainos de todo tipo, diarios, semanais, mensuais. Eu teño o abono mensual, que me podo mover as veces que queira ou precise en calquera transporte polo que pago 54€. Traballo a unha hora de onde vivo e eu utilizo transporte público para todo.
E a sanidade?
Aquí a Sanidade é privada. Tes que ter contrato de traballo ao que está ligado unha tarxeta sanitaria cun seguro privado onde tes a atención médica que precises, se non tes traballo tes que pagar ti un seguro médico . Aquí hai moito refuxiado que ten axudas sociais e sanidade incluída, o que non sei é se teñen algún tipo de sanidade pública ou é o estado o que contrata os seguros médicos privados para a xente que precise das axudas estatais.
Como é a vida en Berlín?
Esta é unha cidade moi caótica, con moito movemento, non descansa nunca. Hai establecementos que abren as 24 horas do día. Berlín ten un problema moi grande
Cal?
O acceso á vivenda. Aquí vivíase ben, esta cidade é enorme e había espazo para todos e todas, era unha cidade barata tamén onde a vivenda era alcanzable para todas as persoas. Pero desde o no 2013 isto comezou a mudar. Déuselle entrada ao voitres especuladores e levan máis dunha década botando as xentes das súas casa. Xente que leva máis de 25 anos na mesma vivenda cuns alugueiros baixos, estana indemnizando, botando fóra, reconstruíndo as vivendas para especular e vendéndoas como zonas exclusivas a máis de 1.000.000€.
Esta situación non a pode asumir a clase traballadora que se ve obrigada a compartir vivenda, cando a atopa que está difícil, e pagando máis de 1.800€ polo alugueiro. A especulación urbanística é terrible.
Tamén é unha odisea ter que resolver algunha cuestión burocrática, tes que dar moitas voltas e cubrir moreas de papeis, póñencho difícil para calquera trámite. Hai moito tipo de axudas públicas pero as súas tramitacións son eternas e moi difíciles de xestionar.
Como é o clima na cidade na que vives?
O frío dos invernos lévase ben pero son moi longos, aquí so hai verán durante dous meses, xullo e agosto e a temperatura e parecida a de Galicia pero cando vai calor tamén o pasas mal. O que me desagrada é a pouca luz no inverno, é moi deprimente. Aquí nos meses de mal tempo ás 15:30 da tarde xa é noite pechada e estamos a menos catro grados, para alguén acostumado ás horas de día de Galicia os invernos fanse eternos, eu é o que peor levo.
Fálame das tradicións alemás.
Pois Berlín é a cidade menos alemá do país. A poboación, o ritmo de vida, os horarios, aquí hai xente de todo o mundo e esta é a cidade con máis paro, con menos ingresos e con máis diversidade de Europa. O que si teñen nesta cidade, seguindo as tradicións alemás son o October Fest e os Mercados do Nadal. Aquí para o nadal existen mercados xigantes de todo tipo de comida, bebida ou adornos desta festividade. Hainos tanto nos barrios coma nos centros das cidades e son inmensos.
Como é a comida típica de Alemaña?
Eu non podo opinar da súa comida típica porque son vegano e non a como. Si podo dicir que hai dous pratos típicos: un é o Kebab, en Berlín hai unha comunidade turca moi grande, hai máis de 200.000 turcos e uns 4.000 locais desta comida. Hai máis en Berlín que en Estambul, aquí a Kreuzberg chámanlle a pequena Estambul e este prato está adoptado por toda a comunidade alemá. O outro prato que se come aquí é o Berliner Currywurst que leva anacos de salchicha con salsa curri e patacas fritidas para comer camiñando pola rúa.
Dime cinco ou seis sitios bonitos que nos recomendes visitar.
Aquí en Berlín eu o que recomendo é facer algúns dos Tours que se ofertan, pódense facer a pé ou en bicicleta e son pola parte histórica e antiga da cidade. Eu fixen o da parte histórica da época do nazismo é foi impresionante a experiencia. Aquí tamén hai moitísimos parques con lagos enormes polos que facer rutas camiñando. Na área metropolitana de Berlín está tamén a cidade de Potsdam, en Branderburgo, unha cidade con moita historia chea de palacios e parques que foi a antiga residencia dos reis de Prusia. É patrimonio cultural e natural mundial da humanidade recoñecida pola UNESCO en 1990. É tamén desde mediados do século XIX o centro científico europeo e foi onde se firmou o Tratado de Potsdam entre Churchil, Truman e Stalin para a organización de Alemaña despois da caída dos nazis na II Guerra Mundial. Recomendo vela tamén pois a beleza dos seus parques e palacios é impresionante.
Para rematar, que tes pensado para o futuro, quedar en Alemaña ou volver para Galicia?
Quero volver para Galicia antes de que remate o ano, quero asentarme na casa, en Vigo e deixar de dar voltas polo mundo adiante. Este país ofrece moitas oportunidades e se es unha persoa materialista e ambiciosa aquí tes moito futuro pero eu non son así, eu son unha persoa que cree nas etapas e que se move por sentimentos. Quero volver porque en Galiza síntome ben, con arraigo pola miña xente e miña cultura, cunha calma que non teño en ningún outro lugar do mundo.
Primer comentario