A Sanidade Pública en vías de extinción

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago
Traballador do Sergas

Se lle preguntamos á Intelixencia Artificial pola evolución do investimento da Xunta na sanidade privada en Galiza contéstanos que se caracteriza por un aumento sostido. Sinala que o gasto público vai derivado a concertos con hospitais privados, o que supón un crecemento da actividade asistencial neste sector.

En datos dinos que a Xunta destinou máis de 2,170 millóns de euros á sanidade privada na última década. No ano 2023 foron 245,8 millóns de euros a centros concertados, nos orzamentos de 2026 a Xunta incrementou en 15 millóns máis o adicado a sanidade privada polo aumento da actividade concertada. En total, o sector privado cómese o 29,2% do investimento total en Galiza.

O que non nós dí a IA é que os cartos que a política privatizadora do PP destina á sanidade privada saen da sanidade pública, provocando un continuo deterioro da calidade asistencial.

A aprobación da Lei 15/1997, de 25 de abril, sobre habilitación de novas formas de xestión do Sistema Nacional de Saúde,cos votos a favor de PP, PSOE, CiU, CC y PNV, abriu á porta á xestión privada da sanidade e foi o inicio do desmantelamento gradual da sanidade pública..

Estamos ante un proceso lento, pero continuo, para traspasar os recursos públicos a empresas privadas que só pensan na súa conta de resultados e non na nosa saúde. Pouco a pouco o Sergas vai fechando un centro aquí e outro alá, privatizando o subministro de material as cociñas, o mantemento das instalacións e dos aparellos de diagnóstico…

E agora, “para mellorar a vida no rural e a achegar a atención sanitaria aos pacientes”, pretenden o peche das urxencias os sábados en moitos concellos da Galiza. Na nosa área sanitaria van fechar Vilaboa, Poio, Soutomaior, Barro, Cerdedo Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama e Campo Lameiro; que agora para ser atendidos terán que ir ao PAC de A Parda en Pontevedra, saturando un servizo xa saturado. E todo isto anunciado polo Sr. Rueda no Telexornal como un gran logro para a sanidade galega..

En Marín non estamos moito mellor. Hai pacientes que teñen que agardar máis de dúas semanas para poder ter unha cita co seu médico de cabeceira. Outro tanto acontece con Fisioterapia, Saúde Mental ou Nutricionista, con lista de agarda de meses.

En Seixo está prevista a xubilación de todo o persoal de enfermaría no mes de Maio, sen que a Xerencia aclare cal vai ser o futuro asistencial deste centro. Un centro que se non fora pola presión da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín xa estaría pechado.

Esta “boa” xestión non só provoca un deterioro da Atención Primaria, tamén implica un incremento das demandas asistenciais nos Puntos de Atención Continuada e nas Urxencias de Montecelo. Así como un atraso na derivación á atención especializada, o que repercute na detección e tratamento das patoloxías co conseguinte prexuízo para a nosa saúde.

Realmente non necesitamos preguntarlle á IA para decatármonos do incremento das listas de agarda, tanto na Atención Primaria como na Especializada, dos meses ou anos de espera para unha operación. Sen IA sabemos que a Sanidade Pública Galega, en mans destes depredadores que gobernan a Xunta, vai camiño da extinción.

Marín, 21 de Abril de 2026.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.

Primer comentario

Deixa a túa opinión