Alberte Román

Hai unhas semanas diversos medios de comunicación recollían información sobre unha investigación realizada sobre a historia da doca de Baiona. Nese traballo sinálase que a orixe da palabra doca, que define un espazo portuario, así como a palabra cais, chegaran ao galego introducidas a partir do portugués moderno. Non entrarei na argumentación filolóxica, aínda que doca é unha palabra recollida en varios dicionarios galegos con diferentes significados, entre eles o de enseada pequena. E a palabra cais aparece sobradamente en documentación galega medieval referida a contextos portuarios.

Mais si que resulta curiosa a explicación dada nese traballo para a contextualización dunha palabra galega. Lonxe de ser unha anécdota evidencia un alleamento con respecto á lingua bastante estendido. E mesmo un alleamento da historia do país e das vilas costeiras, diría. Xa non é so vivir o proceso de substitución masivo do vocabulario propio, senón argumentar que ese vocabulario nos é alleo. O clásico “os meus abuelos nunca dixeron así”. Cais parece ser que non é unha palabra galega, pola contra dársena, pantalán, só por nos referir a palabras do ámbito portuario, son palabras ben galegas. Claro que si. O perigoso destes relatos é que se fixan no imaxinario colectivo e acaban por ser “a verdade”.

A cuestión de porque en Portugal esas palabras estean ben vivas, e no galego teñan esmorecido, entendo que non precisa explicación. Tamén no Brasil, onde a nosa lingua enraizou, faise vizosa e medra hibridando con outras voces, as palabras nosas, que aquí esmorecen, viven e medran. Pasa co termo ancoradouro, ou a variante ancoradoiro, que describe un lugar natural onde poder ancorar unha embarcación. No galego permanece como topónimo. Pola contra, no Brasil, esa palabra está ben viva, e nun proceso de incorporación a novas realidades, ancoradouro alargou o seu significado e agora define, tamén, unha estrutura portuaria non fixa onde amarrar unha embarcación. E é ben triste, porque seguramente dentro duns anos haberá quen chegue a defender que a palabra ancoradouro non existiu no galego, e que a trouxeron os emigrantes galegos que foron ao Brasil.

Galiza é un exemplo de recuperación do seu patrimonio marítimo. Como todo o acontecido neste país, esa recuperación é froito do traballo inxente desenvolvido desde os movementos asociativos da cultura marítima espallados pola beiramar galega, e só moi tarde, houbo unha aposta cativa desde as administracións. Se fomos quen de non deixar desaparecer as dornas, gamelas, bote, galeóns, cumpre, tamén, un esforzo por recuperar o rico léxico dos espazos portuarios. Faise preciso reintegrar palabras como ancoradouros, cais e docas na narrativa da cultura marítima.

Nese proceso, o ámbito luso-brasileiro debe ser un marco de referencia, tal como recollen as Normas aprobadas no 2003, onde se estabelece promover o portugués como referencia para o arrequecemento lexical, no desexo dun maior achegamento á realidade lingüística que nos é propia.