A voceira Patricia Vilariño denuncia nos tribunais que o goberno de Marta Valcárcel utilizou fondos finalistas da PLISAN para tapar o burato económico existente nas arcas locais contra o criterio do servizo de Intervención municipal
O BNG vén de solicitar ao Xulgado de Instrución de Ponteareas que investigue se determinadas decisións adoptadas polo goberno local do PP en Salvaterra de Miño, encabezado por Marta Valcárcel, puideron dar lugar á comisión de presuntos delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos municipais. En concreto, a voceira Patricia Mariño considera especialmente grave que o goberno ‘popular’ recorrera aos fondos procedentes da monetarización dos aproveitamentos urbanísticos da PLISAN para intentar maquillar a situación económica insostible do Concello tras anos de mala administración. Por iso pide ao Tribunal que estude as presuntas irregularidades e depure responsabilidades.
Segundo recolle a denuncia presentada por Mariño, o Concello acumulou unha débeda superior aos cinco millóns de euros, mantiña atrasos de máis de catro meses no pagamento a provedores e arrastraba importantes obrigas pendentes coa empresa concesionaria do subministro eléctrico. Lonxe de afrontar os problemas estruturais da facenda municipal, o goberno do PP optou por utilizar unha inxección extraordinaria de fondos da PLISAN para aliviar de forma puntual a tesourería municipal.
O BNG lembra que os case 1,9 millóns de euros recibidos pola monetarización do 10% do aproveitamento urbanístico da PLISAN teñen, segundo a normativa urbanística, un destino finalista vinculado ao “patrimonio público do solo e ao desenvolvemento de investimentos de interese xeral”. Porén, a formación denuncia que estes recursos foron empregados polo PP para facer fronte a obrigas derivadas da deficiente situación económica creada polo propio executivo ‘popular’.
Mariño subliña que resulta especialmente significativo que os informes da Intervención municipal do Concello –departamento encargado da fiscalización das actuacións do goberno local- advertisen expresamente da imposibilidade legal de destinar estes fondos ao pagamento da débeda nos termos propostos polo PP. Con todo, e a pesares destas advertencias, o executivo de Marta Valcárcel continuou adiante coa operación.
Para o Bloque, o máis preocupante é que esta actuación non responde a un erro puntual, senón a unha forma continua de gobernar “baseada na ausencia de rigor económico e na utilización dos recursos públicos para resolver problemas xerados pola propia nefasta xestión do PP”. “O que non pode facer un goberno é utilizar cartos destinados ao futuro de Salvaterra para tapar o burato provocado pola súa incapacidade”, sinalan desde a formación nacionalista.
O Bloque considera que a decisión de usar os fondos da PLISAN para pagar a débeda hipotecou oportunidades de investimento estratéxico para o municipio e privou á veciñanza de recursos que deberían destinarse á mellora de infraestruturas e servizos. Neste sentido, Mariño fai referencia a que os cartos poderían terse destinado á construción do Auditorio que agora se pretende nunha localización céntrica da vila en troques de nun lugar alonxado para a veciñanza.
Por todo isto, o BNG solicita á Sección de Instrucción do Tribunal de Instancia que determine se os feitos denunciados supuxeron unha actuación contraria á legalidade e que se tipifiquen ben como ben se considere, prevaricación ou malversación, é dicir, se o PP tomou as decisións sobre os cartos da PLISAN sabendo que eran contrarias á lei, non equivocándose, senón actuando conscientemente contra a normativa, e se se utilizaron cartos públicos para un fin distinto do que legalmente lles correspondía, causando un prexuízo ao interese público. Mariño pide tamén que se analice se existen responsabilidades derivadas da utilización deses fondos públicos.


