Xosé Emilio Barros Alcalde de Mondariz

Xosé Emilio Barros Concello de Mondariz A Nova Peneira

Na vindeiras edicións iremos falando cos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para coñecermos como afrontan os seus concellos o proceso de desescalalda da crise sanitaria. Comezamos conversando co nacionalista Xosé Emilio Barros, alcalde do fermoso concello de Mondariz. A localidade do Condado non foi supostamente moi golpeada polo virus, pero ten un importante tecido comercial que vive do turismo e que terá que sufrir e pelexar moito para saír desta situación. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

ESTOU MOI ORGULLOSO DO GRAO DE CIVISMO DA SOCIEDADE DO MEU POBO, E DO ENORME ESFORZO E DA GRAN PROFESIONALIDADE DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS MUNICIPAIS” 

Como estás levando esta situación de confinamento Xosé Emilio?

Sendo moi consciente da responsabilidade do goberno municipal e en particular da miña propia, con moita enerxía, con solidariedade e empatía con toda a veciñanza e en especial cos segmentos máis vulnerables da poboación, con preocupación, pero con intención de pór todo o que temos e máis, para contribuírmos a que a crise pase o antes posible e que deixe as menos consecuencias posibles.

Ti e eu falamos aos poucos días de terse declarado o estado de alarma e dicíasme que estabas moi contento do grao de civismo que estaba amosando a sociedade de Mondariz. Dous meses despois segues a ter a mesma impresión?

Absolutamente. Estou realmente orgulloso do nivel de civismo amosado, en liñas xerais, pola sociedade do meu pobo.

Cales son as medidas que tomastes nestes meses para facilitar as cousas aos segmentos máis vulnerables da vosa veciñanza?

As medidas sociais foron moi amplas, trataron de abranguer non só aos segmentos máis vulnerables da nosa poboación, a eles especialmente desde logo, pero aos restantes veciños e veciñas tamén. Nós temos un SAF municipal con persoal propio que desde o minuto 0 estivo activo na súa máxima expresión, reforzado con dúas persoas a maiores, amosando como os servizos que son básicos para manter o estado de benestar sempre funcionan mellor e son máis rendibles xestionados pola administración pública. Estou moi orgulloso de que Mondariz teña un servizo de axuda no fogar nesas condicións e do inmenso traballo do seu persoal para facilitar a vida á veciñanza.

Todos os servizos municipais están funcionando a niveis nunca vistos, a limpeza. desinfección de espazos a atención á dependencia e á mobilidade de quen teña dificultades…. son aspectos que estamos a cubrir con intensidade máxima, e eu aproveito a oportunidade para agradecer a todos os funcionarios e funcionarias de Mondariz, a súa profesionalidade e o seu esforzo.

Tes constancia de que tiverades moitos contaxiados?

A información que nos proporcionou a administración autonómica foi moi deficiente. Nós soubemos da existencia de dous casos dos que xa teño constancia de que afortunadamente superaron a enfermidade, pero quero insistir nas deficiencias da información que nos transmite a Xunta.

Os dous casos que me contas por que vías os coñeciches?

Polos propios afectados, pola Xunta non. E a verdade considéroo unha política errada, pois nós somos administración pública, hai traballadores, que teñen que ir aos domicilios de veciños e veciñas, e entendo que se hai casos de contaxios debemos sabelo para adoptar as máximas precaucións.

As repercusións económicas desta crise van ser enormes. O concello de Mondariz vai tomar algún tipo de medida para axudar ao comercio da súa vila en situación de peche forzoso durante estas semanas?

A administración municipal ten poucas competencias neste aspecto pero desde logo que todas as que temos, e todas as que poidamos acadar vamos polas na axuda dos comerciantes da Vila. A miña vontade é que ningún negocio de Mondariz quede atrás, que todos poidan retomar o seu traballo e saír desta crise. É algo que me preocupa moito, porque o tecido de comerciantes é o que dá vida á vila. Fágome cargo do mal que o están a pasar, e na medida das miñas posibilidades aquí vou estar para atender as súas necesidades. O xoves día 7 temos convocada unha xuntanza de voceiros dos distintos grupos da corporación para escoitar as súas achegas e consensuar con eles medidas concretas de axuda ao comercio e aos sectores produtivos do noso pobo.

Como valoras a actitude da oposición local neste contexto en concreto?

Eu creo que lles faltou conciencia da inmensa magnitude desta crise. Ás veces caeron no erro do electoralismo propondo medidas imposibles de pór en práctica, cando non abertamente ilegais como por exemplo a exención de impostos.Encantaríame escoitar as propostas da oposición, pero por favor que sexa realistas.

E quen formulou esas propostas que ti cualificas como non realistas?

Tanto o PP, como Alternativa por Mondariz. E só hai dúas razóns que poden explicar isto; o descoñecemento ou o oportunismo político.

Que tal o goberno co PSOE?

A relación é magnífica, non hai diferencia entre os concelleiros do Bloque e o compañeiro do PSOE, somos un goberno unido e cohesionado.

Nestes últimos meses houbo espazo para facer algo de política fóra do coronavirus?

Moi pouco. A verdade é que as dimensións da pandemia alén da parálise da administración fixeron moi difícil, estes meses, facer algo diferente á xestión da crise que non fose a propia xestión do día a día da administración municipal.

Rematamos Xosé Emilio. O 6 de febreiro do ano próximo teremos a IV gala A Nova Peneira, agardo, como nas dúas últimas, que nos acompañes?

Desde logo Tino, a non ser que unha causa de forza maior mo impida, será un pracer para min acompañarvos.