
Ponteareas, 20 de setembro de 2019
Co obxectivo de dar un paso máis na protección do medio ambiente e por en valor o noso patrimonio natural, o concello de Ponteareas saca a licitación os primeiros traballos do parque forestal Seixiforna-Viveiro no monte veciñal de Xinzo e Ribadetea por un importe de máis de 60.000 euros.
Os traballos que se adxudicarán son accións e medidas de defensa contra incendios forestais e iniciativas para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico e cultural existente no monte veciñal desas dúas parroquias.
As empresas poderán presentar as súas propostas até o día 24 de setembro.
O goberno de Ponteareas conseguíu para este proxecto o financiamento da Deputación de Pontevedra que aportará o 70% mentres o 30 % restante será financiado polo Concello con fondos propios.
Na liña da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable” o goberno de Ponteareas pretende ampliar as zonas protexidas nas parroquias para que toda a cidadanía poida desfrutar das masas forestais e dos beneficios que reporta para todos e todas.
Na actualidade están en marcha en Ponteareas catro parques forestais que atinxen a 8 comunidades de montes, cunha superficie de 650 hectáreas: A Picaraña, Seixiforna-Viveiro, San Cibrán-Muiños de Couso e Guillade.