O vindeiro 22 de setembro os e as participantes na Carreira de Orientación donarán o valor da súa inscrición á protectora Os Biorbardos
Unha proba apta para todos os públicos e condicións físicas
Ponteareas, 10 de setembro de 2019
A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, convida a toda a cidadanía a participar na Carreira de Orientación que terá lugar o vindeiro domingo 22 de setembro.
Cun moi baixo custe de inscrición todas as persoas participantes colaborarán coa protectora de animais Os Biosbardos que recibirán o prezo da inscrición que se fixa en catro euros para os adultos e tres para os menores.
A Carreira de Orientación, dirixida por Toxo Aventura, levará aos participantes polo centro urbano de Ponteareas contribuíndo ao coñecemento do noso patrimonio natural, histórico e arquitectónico pero tamén desvelará recunchos singualares.
Ademais fomentará a concienciación de respecto ao medio ambiente e a importancia de non consumir máis plásticos dos imprescindibles convidando aos participantes a retornar o vaso de plástico que se entrega coa inscrición compensando esta acción cun euro de volta e entregando a Os Biorbardos tres euros no caso dos adultos e dous no caso dos menores.
A inscrición pódese facer de xeito individual ou en grupo (equipos), e existirán 4 categorías diferentes: Toxiños (iniciación para nenas/os, se son menores de 9 anos deberán ir acompañados de un adulto), Toxos (adultos ou nenas/os con maior dificultade física e técnica), Toxeiras (categoría só pensada para persoas con altos coñecementos en Orientación) e Chorimas (categoría aberta para persoas con discapacidade).
A proba dará comezo ás 10:30 dende a Praza Maior, e consistirá en atopar, en orde, unha serie de puntos (denominadas balizas), espalladas polo entorno urbano do Concello. Para iso disporán dun mapa específicamente creado para este tipo de carreiras, e aínda que non se trata dunha proba competitiva, o equipo/persoa gañador será aquel que faga correctamente o seu percorrido no menor tempo posible.
Os participantes contarán para isto cunha tarxeta electrónica que lle facilitará a organización, para comprobar que o percorrido é válido. Cabería salientar tamén que esta proba terá horarios de saída escalonados, de xeito que ningunha persoa/equipo sairá ao mesmo tempo que outra co mesmo percorrido.
Ao rematar a carreira, a organización disporá dun pequeno avituallamento para tódolos participantes, onde poderán comprobar en tempo real os resultados.
Rosa Covelo adianta que se trata dunha actividade apta para todas as idades e fai extensivo o convite ás familias que poden participar como equipo.