Eva Solla coordinadora nacional de Esquerda Unida

Eva Solla coordinadora nacional de Esquerda Unida. A Nova Peneira

Eva Solla é a coordinadora nacional de Esquerda Unida, SX do PCG, deputada no parlamento de Galicia, e é unha muller intelixente, amable e cordial coa que sempre é un pracer manter unha conversa .Achegámonos ata o local de Esquerda Unida de Vigo para coñecer a súa visión sobre a situación política.

O ALCALDE DE VIGO ACTÚA COMO UN VERDADEIRO SÁTRAPA.OS AUTÉNTICOS LÍDERES NON NECESITAN ESMAGAR AOS DEMAIS PARA AMOSAR O SEU LIDERADO”

Acabas de chegar do Sahara, Eva, cóntanos como foi a experiencia?

Enormemente gratificante, o pobo Saharaui ten unha dignidade superlativa ,levan resistindo 43 anos nunhas condicións extremadamente difíciles, debido ao reiterado incumprimento das resolucións da ONU.E non esquezamos que na situación deste pobo, España ten unha responsabilidade moi importante

Se cadra a posición que mantén O PSOE en relación a este tema, das cousas que máis decepción produciron para calquera persoa sensible ao sufrimento alleo

Eu creo que ningún goberno español tivo, en realidade, interese en resolver este problema. Prefiren os vínculos económicos co reino de Marrocos que o cumprimento dos dereitos humanos no Sahara

A principios deste ano estiveches en Venezuela, cal é a túa opinión ao respecto?

Están a vivir unha situación moi complicada por mor, fundamentalmente, das sancións económicas que lles aplican, sobre todo os EEUU

A política do EEUU é a que causa a crise de Venezuela, segundo o teu punto de vista?

A crise é xerada externamente por EEUU e os seus adlatares. Todos eles xa teñen pedigree nese modus operandi; abafan economicamente ao país, xeran unha situación de crise e transmiten a falsa idea de que falta democracia co gallo de xustificar unha intervención externa. O pobo de Venezuela é un pobo orgulloso e combativo e con moitas dificultades están a saír adiante.

Esta entrevista vaise publicar o 25 de Xullo, presuntamente 3 días antes celebrarase o pleno de investidura de Pedro Sánchez, e non sei que pasará, pero a día de hoxe non pintan moi ben as cousas?

Eu creo que ata o momento o partido socialista está a actuar de maneira moi pouco responsable, négase a dialogar e o que fai é pór moi difícil o apoio das distintas forzas políticas

Ese “ Con Rivera no, Con Rivera no” que berraban as bases do PSOE no momento de celebrar a súa vitoria pensas que amosa a diferencia entre un corpus de votantes moi maioritario de esquerdas, e unha cúpula que se trasviste de esquerdismo nos procesos electorais para logo decepcionar unha vez si e outra tamén?

O electorado do PSOE é na súa ampla maioría de esquerdas, pero por desgraza cando o partido socialista ten a oportunidade de gobernar non adoita aplicar políticas de esquerda

Pedro Sánchez, despois da moción de censura, gobernou un ano co apoio de Unidas Podemos, e non se tocaron nin a Lei Mordaza nin a Reforma Laboral?

Os poucos elementos de recuperación de dereitos que se conseguiron ese ano foi pola presión de Unidas Podemos, que foron a suba das pensións e a suba do SMI

Unha parte maioritaria do nacionalismo galego entende que os deputados e deputadas galegos de Unidas Podemos, 5 no mandato anterior, e 2 neste, non defenderon adecuadamente os intereses de Galicia, seguro que ti non estás de acordo con esa apreciación….

Pois non, non estou de acordo claro que non. Eles fixeron un traballo moi importante tanto na defensa de elementos comúns para España como por exemplo na suba do SMI, como nas particularidades de Galicia como por exemplo a defensa das infraestruturas como o tema da AP9 ou o ferrocarril

Contemplas a posibilidade dunhas novas eleccións?

Sería un estrepitoso fracaso

As continuas re configuracións do espazo político do chamado rupturismo ou unidade popular , transmitindo cara ao exterior unha permanente sensación de leas e conflitos internos, bota para atrás a moita xente, para cando unha configuración definitiva?

Nós levamos desde o 2.012 coa mellor das vontades tentando crear a estrutura de unidade popular máis ampla e mellor soldada posible, por desgraza esa estrutura foi ocupada por persoas que realmente non cren na confluencia. Hai que recompoñer o espazo, veremos nos seguintes meses como se vai conformando, polo menos desde esquerda unida temos a firme convicción de facelo de maneira que teña permanencia por abaixo

Quero preguntarche por algúns concellos da nosa área de influencia; en Porriño apoiades a investidura de Eva De La Torre e non entrades no goberno, por que?

A militancia escolleu impedir o acceso da dereita ao goberno como mal menor, pero nos estamos moi lonxe das políticas que aplicou o goberno municipal de O Porriño, nin as consideramos de esquerdas nin pensamos que a súa xestión mereza o aprobado. O Porriño ten un problema gravísimo referente a un volume moi elevado de impagamento de facturas, problemas coa xestión de servizos do concello..

A saída de Lino do Concello de Ponteareas e de Cuevas en Nigrán, non foi frustrante para ti?

Home frustrante non, decepcionante si. En Ponteareas saímos por moi pouquiño ,alí entraron varios factores, fundamentalmente o recordo de voto ao Psoe nunhas xerais celebradas moi pouquiño tempo antes. A nosa saída deses concellos amosa que o mantra do liberalismo referente a que o bo traballo sempre ten premio non ten porque ser verdade. Malia que nós somos unha organización de militancia disciplinada, afeita a traballar en calquera escenario e alí seguiremos desde logo.

E en Cangas, como está a situación, que tal anda o amigo Pazos de paciencia?

Ha ha ha, Xose Manuel Pazos ten moitísimas virtudes e estou segura de que a paciencia é unha delas. En Cangas acabamos de asinar un acordo de goberno co PSOE, as outras dúas forzas de esquerda AVANTE e o BNG non quixeron entrar, e eu confío no seu sentido da responsabilidade porque non esquezamos que nese concello a esquerda ten 14 actas e a dereita 7.

En Vigo, tendo dúas actas, Abel Caballero mándavos ao grupo mixto, que ides facer para responder?

O alcalde de Vigo, actúa como un verdadeiro sátrapa. Os verdadeiros líderes non necesitan esmagar aos demais para amosar que o son. Abel Caballero rise do electorado que votou tanto á Marea de Vigo como ao BNG. Nós de momento temos posto unha reclamación pola vía administrativa. No caso dunha resposta negativa estudaremos as medidas a tomar

En Mos, por apenas 40 votos o PP conservou a alcaldía, presumo que se aveciñan tempos escuros para a veciñanza de Tameiga porque entendo que o goberno municipal vai ir á guerra contra a comunidade de montes para tratar de que se constrúa o centro comercial. Esquerda Unida apoiou á campaña de GañaMós, a vosa vontade de oposición a ese proxecto nos montes de Tameiga continúa firme?

O noso compromiso de oposición a ese disparate é absoluto. O s centros comercias ,que en moitos casos están baleiros, matan o pequeno comercio, o ano pasado pecharon 1.800, o impacto económico das grandes superficies é negativo, e nesta época na que todos os indicadores amosan a situación tan preocupante do medio ambiente en pleno cambio climático..tratar de arrasar un monte só para especular é demencial, e Esquerda Unida vaise opor frontalmente sen ningunha dúbida

A túa profesión está no campo da sanidade a situación da sanidade galega non parece a mellor das posibles?

É a consecuencia dos recortes do PP, temos menos médicos e médicas, menos persoal de enfermería e iso impacta directamente na saúde da poboación

Rematamos Eva, agradecéndoche a túa amabilidade e cunha última cuestión, falta moi pouco para as autonómicas?

Si, e polo que a Esquerda Unida respecta estamos xa a traballar nas nosas asembleas para debullar o modelo que aspiramos a trazar coas outras forzas políticas: Equo, Podemos e Anova para tentar chegar a acordos na conformación dunha candidatura forte, que poña por diante a proposta política

Falastes de candidata ou candidato?

É moi pronto

Ti estarás aí?

Eu son unha militante disciplinada que estou ao que diga a miña organización

2 Comentarios

  1. Eva Solla e Rubén Pérez deberan explicar de onde saen os cartos para a nova sede de EU en Vigo (na milla de outro de Vigo!) https://flic.kr/p/2ggUgHt

    E para ser “muller disciplinada” non se mira o seu compromiso por ningures!
    https://cabozo.com/taboext.php?grupo=taboleiro&id=9263174

    Así é “comunista” calquera… ¿non sí?
    http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Transparencia/Retribucions/SollaFernandezEva_2017_gal.pdf

    Veremos como amañan as listas para sair en cabeza nas vindeiras eleccións!
    Yolanda Díaz xa se entrevista con El Rey !

  2. Pregúntome cando tedes pensado publicar o meu comentario?
    En A Nova Peneira todas as opinións son benvidas, desde as que coinciden coa nosa forma de entender a realidade ata as que están máis lonxe…

    Ogallá sexa en breve, pois, como ben sabedes, no mundo dixital cando pasa o día, pasa a romaría…

    Saúde e Boa Fortuna !

Comments are closed.