O concello instala os bancos e as papeleiras selectivas doadas pola Deputación de Pontevedra

Bancos_papeleiras_ponteareas_a_nova_peneira

O concello de Ponteareas informa que a cidadanía xa pode desfrutar dos catro bancos de pedra e madeira que se veñen de colocar no céntrico parque Ferro-Ucha.

No marco do programa Mellora de Espazos Públicos 2018 da Deputación de Pontevedra instaláronse estes catro bancos e dúas papeleiras tamén de madeira e pedra que convidan aos e ás usuarias á reciclar ofrecendo nunha soa papeleira catro contedores diferenciados por cores (xenérico, envase, papel e vidro).

Este mobiliario urbano é unha doazón da Deputación de Pontevedra que agora se encargará de manter o concello pasando a formar parte do inventario municipal.

Ubicados nun espazo de lecer e convivencia, no que tamén se atopa o circuito aeróbico e o parque de calistenia así como un parque infantil, estes bancos ubicados baixo a sombra de árbores autóctonas ofrecen un lugar cómodo no que descansar.