
Alternativa por Mondariz considera “alucinante” que o Goberno cualifique de “histórica” unha débeda dos anos 2017-2018
Xoán Carlos Montes lémbralle ao Goberno local (BNG-PSOE) que o sistema cofinanciamento “que segundo eles tanto prexudica a Mondariz, está contemplado no acordo marco asinado entre Xunta e FGAMP, con presidencia do PSOE e vicepresidencia do BNG”
Mondariz, 14 de decembro de 2019
Alternativa por Mondariz ratificouse hoxe na súa postura de “loitar con todas as ferramentas que nos proporciona a lexislación vixente, para que o Centro de Día siga aberto despois do 1 de abril do 2020”.
Ao mesmo tempo, a formación que encabeza Xoán Carlos Montes Bugarín, acusou ao Goberno local, de tentar “enganar aos veciños e veciñas ofrecendo informacións falsas e distorsionadas que permitan xustificar a súa propia incompetencia” e poñen como exemplo o importe da débeda que “é de 92.500 euros lonxe dos 200.000 en que a cifraba o Goberno e moito máis dos 400.000 € que chegaron a dicir en algunha ocasión”.
Ese “baile de cifras”, é facilmente entendible, di Alternativa por Mondariz, “dende o momento que o concelleiro de Facenda, nos encontros coa veciñanza, cualifica de débeda ‘histórica’ unha débeda dos anos 2017-2018, o que amosa unha visión un tanto particular do termo ‘histórico”.
En todo caso o portavoz de Alternativa por Mondariz, quere lembrarlle ao Goberno local que “ese sistema de pago que segundo eles tanto prexudica a Mondariz, está contemplado no Acordo Marco asinado entre a FGAMP (PSOE+BNG) e a Xunta de Galicia”, un dato “esquecéronse de comentar coa veciñanza”.
Non considera “nin mínimamente serio”, di Montes Bugarín, que o Goberno leve un punto na orde do día do Pleno no que se pide “revisar e modificar a redacción e contido do convenio, …. en relación ao réxime de confinanciación recollido no artigo 69 e ANEXO I da Lei 2/2017 de 8 de febreiro”. A simple redacción deste punto, di o portavoz de AporM “é unha tomadura de pelo a todos os veciños e veciñas xa que o Concello está pedindo revisar e modificar o contido dun artigo da Lei a través da revisión dun convenio”. O máis triste é que o Goberno “é perfectamente coñecedor deste engano xa que sabe, ou cando menos debería saber, que o único xeito de modificar un artigo dunha lei é a través do parlamento”.
O máis triste, sinala AporM, é que o Goberno local “que se presupón que ten que achegar solucións, non levaba estudada, nin tan sequera valorada, ningunha outra forma de xestión” o que “amosa unha clara falta de ideas e de capacidade de xestión”.
En todo caso, esa “confusión” é facilmente entendible xa que ofrece a “excusa perfecta” á hora de dicir que as negociacións non chegaron a bo porto, cando a realidade “é que esa modificación non está nas súas mans. E dicir, un intento claro e flagrante de tapar a súa incompetencia e de poñerlle unha venda nos ollos aos veciños e veciñas”.
En todo caso, Alternativa de Mondariz asegura “ter a obriga moral, concepto descoñecido por outros, de seguir loitando pola veciñanza do municipio e por defender os seus intereses” e nese sentido amosou a súa predisposición de aprobar, no Pleno, o punto no que se autorizaba ao alcalde a negociar unhas novas condicións para xestionar o Centro de Día e, do mesmo xeito, aprobar o punto no que o Pleno comprometíase a proceder ao aboamento, en 25 mensualidades da débeda esixida “unha negociación realizada por AporM cando gobernaba e que fora aprobada polo Consorcio” e non en 7 meses como reclama agora o Consorcio.
Con todo, recoméndalle Xoán Carlos Montes Bugarín ao Goberno local que “expliquen a realidade da situación e non intenten agochar a súa inoperancia detrás de falsos argumentos e acusacións infundadas sobre a xestión do anterior Goberno que, lonxe de desculpar a súa actuación, non fan máis que deixar en evidencia a súa incapacidade de solucionar os problemas dos seus veciños e veciñas.