O PSdeG entra no goberno de Salceda

Case consumidas 3/4 partes do mandato, o goberno local de Salceda experimenta un alivio aritmético notable ao ter acadado un acordo co partido socialista para que os seus dous concelleiros pasen a formar parte do devandito goberno, pois ata entón Movemento Salceda, da alcaldesa Loli Castiñeira, gobernaba nunha situación máis que precaria, con 4 concelleiros nunha corporación de 11.Unha vez que o acordo de goberno xa é efectivo Salceda pasa a ter un goberno de seis persoas, 4 de MS e 2 do PSdeG, fronte á oposición do PP, que tamén é de seis concelleiros/as, e un representante do BNG forza que ten sólidas perspectivas de crecemento nas municipais do 27.Nós conversamos con Xurxo Gregorio, o voceiro dos socialistas de Salceda, para coñecer as motivacións que lles levaron a tomar a decisión de deixar de ser oposición e pasar a formar parte do goberno.

Xurxo Gregorio voceiro municipal do PSdeG de Salceda de Caselas.

Redacción

IMOS ESTAR NO GOBERNO TODO O QUE QUEDA DE MANDATO”

Ven de producirse unha novidade significativa na política local de Salceda

Pois si, tomamos a decisión de darmos un paso adiante e entramos a formar parte do goberno de Salceda.

Cando tomastes a decisión e cando se fixo efectiva?

Tomouse na segunda quincena de marzo, e fíxose efectiva o último día dese mesmo mes.

A decisión foi motivada por unha petición de Movemento Salceda ou fostes vós os que a solicitastes?

Foi iniciativa de Movemento Salceda.

Este mandato entra en nada no seu último ano. Movemento Salceda levaba moito tempo tratando de que vós entrarades no goberno. Por que motivo agora si e antes non?

Houbo un cambio na representación municipal da nosa organización. As dúas persoas que estamos agora temos unha opinión favorable á necesidade de que o grupo socialista estea no goberno, e contribúa coas súas políticas ao ben común da nosa veciñanza.

Por que considerades vós que é conveniente entrar no goberno municipal?

A disposición aritmética da corporación facía que Movemento Salceda tivese un goberno extremadamente débil, 4 de 11.Desa maneira era practicamente imposible gobernar e Salceda estaba en risco moi elevado de parálise. Por outra parte nós entendiamos que a debilidade evidente do goberno facilitaría a vitoria do PP nas municipais do 27. En consecuencia entendemos que o responsable era dar un paso adiante e pasar a formar parte do goberno.

Este cambio de posición política provocou algún tipo de tensión interna na agrupación socialista local?

Ben, había compañeiros que tiñan unha opinión sobre que o máis adecuado era continuar na oposición, e outros pensabamos que o máis oportuno era entrar no goberno. Confío e que o noso traballo poida convencer aos compañeiros que pensaban o contrario que esta é a decisión correcta, tanto para a agrupación socialista como para o conxunto da veciñanza de Salceda

Desde o 31 de marzo xa formades parte do goberno. Que áreas levades?

O meu compañeiro Óscar Domínguez leva Memoria democrática, Transparencia e Seguimento de plans e programas, e eu asumín Participación cidadá, Comercio, Axenda urbana, Formación e emprego e Transporte.

Que pretendede achegar o grupo socialista ao goberno de Salceda?

O grupo socialista pretende colaborar para que Salceda teña un goberno solvente que beneficie ás maiorías sociais do noso pobo.

Vamos levar áreas moi importantes, como a memoria democrática nun contexto moi adecuado no noso concello para traballarmos nese campo, pensemos por exemplo na foxa de Soutelo.

Levaremos tamén participación cidadá que pretendemos reactivar recuperando os consellos sectoriais que había no pasado mandato, igualmente trataremos de darlle un pulo importante ao comercio local.

Ti es comerciante. Cales son as principais necesidades e problemas do comercio local?

Non somos inmunes ao principal problema que padece o pequeno comercio eu creo que en todo o mundo:A competencia desleal das plataformas de Internet.

Como se pode contrarrestar iso?

Con campañas de concienciación social sobre os efectos positivos para toda a sociedade que supón o consumo no pequeno comercio local, e con programas de dinamización comercial que estimulen as vendas.

Así mesmo consideramos moi relevante a mellora do transporte entre as distintas parroquias e o centro da vila de maneira que as persoas que viven no rural teñan máis facilidade á hora de poder facer as súas compras no noso pobo.

Consideras verosímil reactivar a existencia de tendas nas distintas parroquias?

Non, non o vexo realista.

Queda un ano de mandato. Hai tempo para facer cousas que en verdade teñan impacto?

Si, si que o hai. En determinadas áreas como por exemplo o transporte os obxectivos contemplámolos máis a longo prazo porque son medidas de moita complexidade que implican a colaboración de máis administracións, pero en aspectos máis inmediatos como a participación cidadá ou a dinamización comercial confiamos en tomar medidas de impacto real xa no que queda deste mandato.

Ides permanecer no goberno todo o que queda de mandato, ou contemplades a posibilidade de romper cando quede moi pouco tempo para as vindeiras eleccións para marcar unha posición diferente á de MS?

Non, esa opción non a contemplamos. Imos aguantar no goberno todo o que queda de mandato.

Que perspectivas realistas tes para as municipais do 27?

O que me ocupa agora mesmo é facer o noso traballo de goberno o mellor posible para contribuír ao ben común dos nosos veciños e veciñas. Se somos capaces de facelo así estou seguro de que poderemos chegar á maioría social do noso pobo.

O candidato do PP de Salceda superará o récord mundial de ser o candidato do PP que máis veces fracase no seu intento de ser alcalde?

Se non o superou xa, non creo que lle quede moito.

Ao entrares no goberno a situación aritmética mellorou substancialmente pero aínda non tedes a maioría. Estades empate a 6, e todo queda en mans do voto do concelleiro do BNG. Tedes falado con el para consensuar liñas de actuación política?

Nós temos un respecto escrupuloso polo BNG e polos seus votantes e desde logo que trataremos de acordar todo con eles. Os tres grupos de esquerdas xa hai meses que quedamos para debater sobre as actuacións máis importantes para Salceda.

Que tal é a relación co concelleiro do BNG?

Pola miña parte excelente.

E cos concelleiros de Movemento Salceda?

Cordial.

Xa comezastes a traballar conxuntamente?

Estamos niso.

Como afrontas esta nova etapa da túa vida política?

Con moita ilusión e con todo o ánimo do mundo para poder contribuír a mellorar a vida da veciñanza.

Primer comentario

Deixa a túa opinión