
Ás veces pregúntanme por que son nacionalista. Quen o fai adoitan ser persoas que, mediatizadas pola propaganda españolista, consideran, en forma de apriorismo, non como resultado dun proceso de reflexión previo, de maneira negativa, ou incluso moi negativa, aos nacionalismos galego, vasco ou catalán. Entenden eles que se trataría dunha especie de posición egoísta, de non querer compartir os recursos con outros, ou un xeito de de narcisismo pueril que precisaría a validación constante da identidade propia.
Cando me toca responder, sempre que a persoa interlocutora sexa alguén minimamente normal co que se poida falar, adoito citar primeiro ao Papa Xoan Paulo II. El diferenciaba dous tipos de nacionalismo:-Un nacionalismo defensivo que trata de preservar a formas políticas e ou culturais propias, ameazadas pola presión doutros pobos máis poderosos -Un nacionalismo ofensivo que agride a outros coa intención de roubarlles os seus recursos e imporlles a súa cultura e o seu idioma.
O nacionalismo galego é un nacionalismo defensivo. Galicia é un país de seu, iso non o discute ninguén que non sexa un fanático. Os seus sinais de identidade están en serio perigo de desaparición, e os seus recursos non benefician directamente ao pobo galego todo o que poderían beneficiar.
Eu son nacionalista porque quero que o noso idioma e a nosa identidade colectiva non se perdan. E tamén o son porque teño a convicción de que se nós tiveramos a posibilidade de xestionar integramente os nosos recursos e de defender nós mesmos o interese colectivo do noso pobo, o conxunto de persoas que vivimos en Galicia viviriamos mellor.
Cal é o camiño para superar os marcos cativos do estatuto de autonomía e poder en verdade chegar a que o pobo galego se goberne a si mesmo?
Só hai unha vía posible: Que o nacionalismo galego logre conquistar o corazón da inmensa maioría do pobo galego. Para que iso sexa real é imprescindible participar en todos os procesos electorais e obter os mellores resultados posibles .Cómpre gañar máis e máis concellos nas municipais do 27, aumentar a representación do nacionalismo galego no congreso español e podermos gobernar o antes posible a Xunta de Galicia. Normalmente cando o nacionalismo gaña algún goberno municipal acaba consolidándose, pois xestiona ben, fai políticas en beneficio das maiorías sociais e en 40 anos de existencia do BNG nunca tivo ningún caso vinculado coa corrupción.
A estratexia electoral é moi importante claro que si, pero para os que amamos a este país e sentimos nas insondables profundidades da alma a necesidade de que Galicia se poida gobernar a si mesma, non é suficiente. Non abonda só con iso.
Nas eleccións estatais do 2015 o nacionalismo galego despois de Amio, estaba sumido nunha crise enormemente grave. Perdeu a representación política que tiña no parlamento de Madrid desde hai 10 anos e o seu chan de voto ficou reducido case ao nivel dunha forza marxinal, tan só 70.464 persoas votamos nacionalista naquel proceso electoral.
Nas eleccións autonómicas do ano 24, tan só 9 anos despois, o BNG recibiu un apoio inmenso. Case medio millón de galegas e galegos apostamos polo proxecto que encabezaba Ana Pontón. Que pasou neses 9 anos?, É que 400.000 persoas se fixeron de súpeto nacionalistas en tan breve período de tempo?
Non, claro que non. O que aconteceu non foi estrutural, foi circunstancial: unha suma de razón políticas e históricas varias que favoreceron a multiplicación do voto nacionalista. Esas circunstancias que incidiron no aumento enorme dos apoios ao BNG no son o obxecto deste artigo que só pretende trasladar a idea de que o voto é algo conxuntural, hoxe pode terse e mañá non. Pero o corazón de alguén cando se ten gañado xa é máis difícil que se perda.
As conxunturas electorais atravesan ciclos, ás veces favorables e ás veces non. Toda esta inmensa onda de ilusión no nacionalismo non tería valido para case nada se cando volvan as vacas fracas o nacionalismo retrocede de novo substancialmente sen ter acadado máis que algúns gobernos municipais que tal como chegan, acaban por marchar
Non, non é suficiente coa estratexia electoralista para que nas xeracións futuras poida seguir existindo un nacionalismo vivo, forte e solvente .É imprescindible que alén de gañar eleccións se chegue ao corazón da maioría social do pobo galego. A ninguén se lle obriga a dedicarse á política, e cando alguén libre e voluntariamente decide ser unha cara visible do BNG debe de comprometerse a contribuír na medida das súas posibilidades a convencer a máis persoas de que xestionando nós mesmos os nosos intereses e recursos viviriamos mellor. Só desa maneira, convencendo á maioría social do pobo galego, o nacionalismo galego pode ter futuro. E só dese modo Galicia poderá ser un país libre no mundo en igualdade de condicións a calquera outro.

Primer comentario