Juana Capdevielle e Alberto Núñez Feijoo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Juana, fuches o máis fermoso da miña vida. Onde estea e mentres poida pensar , pensarei en ti. Será como se estiveramos xuntos. Bico o teu anel unha vez cada día. Quérote. Paco”

Carta de Francisco Pérez Carballo, ex gobernador civil da Coruña en 1936, pouco antes de ser asasinado polos fascistas, á súa esposa Juana Capdevielle

Juana Capdevielle foi unha muller brillante. Naceu en Madrid en 1905 licenciouse en filosofía sendo alumna de Ortega e Gasset e compañeira de María Zambrano. Converteuse na primeira muller xefa da biblioteca dunha universidade española, a da facultade de filosofía e letras da universidade de Madrid. Foi tamén xefa técnica dunha das bibliotecas privadas máis importantes de España, a do Ateneo de Madrid. No ano 33 participou nas primeiras xornadas sobre euxenesia coa súa conferencia “ O problema do amor no ambiente universitario”.Juana era unha muller cuxa intelixencia e preparación era equiparable ás figuras académicas máis significativas da España da época , así por exemplo deu conferencias en pé de igualdade con intelectuais como Pío Baroja ou Ramón J.Sender. Juana era unha persoa avanzada e lúcida, participou nas primeiras xornadas de pedagoxía sexual, un campo que, a terrible regresión á que someteu o franquismo a España, fixo desaparecer xunto con calquera que supuxera un intento de alumear a educación e o coñecemento, substituídos polo primitivismo e a brutalidade do nacional catolicismo español. En 1934 artellou un servizo de biblioteca itinerante para enfermos e enfermas do hospital clínico e da cruz vermella e tivo un papel moi activo na constitución da asociación de Bibliotecarios e Bibliógrafos de España.

No momento do seu asasinato estaba a traballar na implantación da clasificación décima universal, sistema que naquel momento só tiñan as bibliotecas de Catalunya , para este traballo, que por desgraza quedou interrompido polo seu vil asasinato, fóralle concedida unha bolsa pola xunta de ampliación de estudos e investigacións científicas.

En marzo do ano 1936 Juana casou co avogado Francisco Pérez Carballo, nomeado gobernador civil da Coruña. En Xullo comezou o golpe de estado dos militares fascistas, apoiados pola Alemaña de Hitler e pola Italia de Mussolini, e o seu home foi apresado e asasinado o día 24. Pouco antes do seu asasinato escribía as liñas de despedida á súa muller que encabezan este artigo, letras que encollen o corazón a calquera persoa que non sexa un salvaxe ou un pailaroco insensible.

Juana Capdevielle, memoriahistórica.org

Juana estaba embarazada e refuxiada na casa dun amigo. Non sabía que o seu home foi asasinado e chamou ao goberno civil para interesarse por el. Foi enganada pola persoa que lle atendeu que lle preguntou onde se encontraba para ila buscar e levala xunto ao seu home. Detida e encarcerada coñece a nova do asasinato do seu esposo e o ataque de ansiedade que lle ocasionou a fatal noticia provocoulle o aborto do fillo que esperaba.

Juana foi liberada no mes de agosto pero se lle prohibe residir na cidade da Coruña e ela refúxiase en Culleredo na casa dun deputado de Izquierda Republicana.

O 17 de agosto é detida de novo por membros da garda civil, non se sabe moi ben quen deu a orde e cal foi o motivo. O certo é que foi brutalmente asasinada, o seu corpo apareceu na N VI, preto do concello de Rábade. Segundo as testemuñas dos veciños de Rábade, que o encontraron, presentaba horribles hematomas , froito da malleira que recibiu antes de que lle dispararan, e semellaba que foi agredida sexualmente.

Era agosto do 36, Juana tiña 31 anos e a súa luz foi apagada pola negrura oceánica das bestas do nacional catolicismo español.

“ Hai 80 anos os nosos avós e os nosos bisavós pelexáronse”

Alberto Núñez Feijoo líder da dereita española, ex presidente de Galicia e aspirante a presidir o goberno do estado español.