A política é un asunto moi serio, trátase da toma de decisións colectivas sobre como debemos organizar a nosa convivencia interna, como debemos de relacionarnos cos pobos veciños e como debemos de actuar co noso contexto. A práctica política é unha actividade sacrificada que implica a perda de boa parte da túa vida persoal, do teu tempo de lecer e leva consigo , indisolublemente unidas, doses inmensas de amargura e frustración. As persoas que libre e voluntariamente deciden dedicarse á política organízanse en partidos, que son colectivos de individuos construídos en torno a un corpus ideolóxico, non grupos de adolescentes amigos e amigas que se caian ben e que, como fachendosos pavos reais, se xunten para darlle saída a narcisistas pulsións infantís ou para recoller solidariedade que axude a combater as frustracións propias . Existen diferentes partidos políticos porque hai diversas formas de interpretar a realidade, e cada partido ten unha ideoloxía en torno á que recolle as simpatías dos grupos humanos que teñan unha visión coincidente con ela.
Cando alguén, que sexa intelectualmente honesto, decide con liberdade presentarse a un proceso electoral nas listas dun determinado grupo político, sexa o que sexa, é porque simpatiza coa súa visión da realidade e porque ,se sae elixido, tratará de levar á práctica o que os postulados teóricos da organización pola que foi elixido defenden. Desde logo é lícito que se poida cambiar de opinión se o paso do tempo ou se o choque da teoría coa teimuda realidade cotiá levan aparellados a decepción ou o escepticismo co que nun estadio inicial defendiamos. Pero se iso se produce no momento en que somos representantes electos da organización que antes defendiamos e agora combatemos, só fica unha posición ética posible: entregar a nosa acta e dimitir. O contrario, seguir exercendo nun grupo de non adscritos, agochémolo como o agochemos, vistámolo como o vistamos ou deámoslle o verniz que lle queiramos dar só ten un nome : tránsfuga.
Recordo con especial agrado a un profesor de filosofía da universidade que nos falaba da imposibilidade, eu sendo xeneroso vou matizar dicindo extrema dificultade, de atopar persoas que recoñezan como malvados algúns dos seus actos, pois cando se trata de falar deles o que os comete sempre intenta buscar unha xustificación moral ante as opinións alleas, e nos casos máis graves que poden responder a calquera psicopatoloxía ante si mesmos. No caso do transfuguismo, o tránsfuga, sempre vai tratar de facer responsable da súa traizón ao grupo traizoado, sen decatarse de que perde toda a razón que puidera ter, no caso hipotético de que puidese ter algunha, co seu acto de transfuguismo que é inxustificable en calquera situación, aínda que nos situaramos no máis horrendo dos escenarios posibles, pois un ou unha tránsfuga está contribuíndo a degradar a práctica política e a deteriorar a confianza dos cidadáns e das cidadás coa que debe de ser a máis fermosa das actividades: a defensa desinteresada do ben común .E cando perdemos a confianza na política estamos a abrirlle as portas a anti política. Calquera tránsfuga de calquera concello galego está a pór o seu gran de area para o auxe do nacional catolicismo español que por desgraza estamos a vivir neste momento histórico.
O tránsfuga tamén adoita empregar outro leitmotiv para tratar de xustificar o seu comportamento que é o do “ sentido común” pois nunha construción mental disparatada el ou ela estaría nunha posición limpa e pura de adscrición ideolóxica partidaria co obxectivo da procura de consensos con calquera, con independencia da ideoloxía dese calquera, que supostamente beneficiarán, como o bálsamo de Fierabrás, a todos os males de todas as persoas. Pero claro, o problema é que iso é unha entelequia pois os partidos políticos non son entes abstractos formados por persoas coas que podes ter maior ou menor simpatía senón organizacións artelladas arredor dun corpus ideolóxico diferente.
Eu son unha persoa de esquerdas , defendo a necesidade da existencia dun sector público coa densidade suficiente como para non permitir que ninguén viva por baixo da dignidade. Como vou consensuar con quen defende o liberalismo económico que arroxa ás gadoupas da pobreza a millóns de seres humanos??.É un modelo diferente , e cun modelo distinto non se pode consensuar, todo o contrario, haino que combater , sempre coa palabra como arma e de maneira civilizada e democrática sen mesturar a política coa moral pero haino que combater, o contrario non é sentido común é unha indecencia, unha estupidez ou ambas cousas.
Eu son soberanista , reclamo a liberdade para o meu pobo e para todos os pobos do mundo, como vou consensuar con quen lle nega ao pobo galego a posibilidade de ser un pobo libre que xestione como mellor lle pareza os seus propios intereses?.É un modelo distinto e cun modelo diferente non se pode consensuar, todo o contrario haino que combater, sempre coa palabra como arma e de maneira civilizada e democrática sen mesturar a política coa moral, pero haino que combater, o contrario non é sentido común, é unha indecencia, unha estupidez ou ambas cousas.
A miña visión moral da sociedade é como aquel poema de Agustín García Calvo:”Libre te quiero….” que tan ben musicou Amancio Prada, como vou consensuar con quen defende unha posición reaccionaria aínda que o obxecto consensuado poida aproximarse ao meu gusto?.É un modelo distinto e cun modelo diferente non se pode consensuar, todo o contrario haino que combater, sempre coa palabra como arma e de maneira civilizada e democrática, pero haino que combater, o contrario non é sentido común é unha indecencia unha estupidez ou ambas cousas, xa que se asinas as mesmas mocións con grupos que na teoría se sitúan nas antípodas do que ti defendes, o que provocas e que se dilúan as supostas fronteiras políticas que te separan do outro e en consecuencia dificultes a túa percepción social como alternativa e iso só beneficia a quen dis combater.