
Marcos Santos
Davo é un rapaz da nosa vila,de 23 anos de idade, que xoga de dianteiro centro no filial do DEPOR, guste máis ou guste menos, o principal equipo da historia de Galicia. O noso protagonista de hoxe no seu primeiro ano no filial deportivista xa foi convocado nun par de ocasións para xogar co primeiro equipo, e esta temporada que estamos a piques de iniciar confía en que poidan ser moitas máis, e irse facendo aos poucos un oco no once do equipo máis importante de Galicia. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“Como di a famosa canción : Vivir na Coruña que bonito é¡¡”
Que fai un rapaz de Reboreda Xogando no Deportivo da Coruña?
Eu xoguei no Celta en categorías inferiores. Logo marchei para o Choco de Redondela, aquí en casa, alcancei un bo nivel e recibín esta oferta que non me esperaba.
Pero xa no primeiro ano, que xogaches no deportivo B, te convocaron para un partido co primeiro equipo. É así?
Para dous partidos.
Como foi esta experiencia?
Unha experiencia inesquecible, a verdade. Cando fun convocado foi contra o Tudelano. E ir de hotel, estar concentrado co equipo e adestrar con eles toda a fin de semana foi impresionante. Dicir tamén que o deportivo ten unha afección sobresaínte, creo que o mellor do equipo.
Carlos Taibo, unha persoa que non lle gusta o fútbol, fala de ti e di que es un futbolista con moita calidade. Ti que opinas ao respecto diso?
O primeiro, darlle as grazas a Carlos pola confianza. A ver, non me considero un crak, pero tampouco penso que sexa mal xogador, algo de nivel si que teño.
Cando xogabas no chocou que sentías cando estabas no campo e toda a bancada coreaba o teu nome, Davo, Davo, Davo…?
Iso é incrible. Ver que a afección confía en ti e anímate, está a dicirte que fas as cousas ben. Esa foi unha moi boa campaña no Choco.
Crees que foi esa campaña a que fixo que se fixase en ti o Deportivo?
Claramente si.
E que tal na Coruña?
Moi ben, gústame a cidade e a xente que tolea co seu equipo, pero a verdade é que fai bastante frío. Pero como di a famosa canción:” Vivir na Coruña que bonito é¡¡”
Eu teño moi claro que deixei o Celta para ser do Depor porque ti e María Carpinteiro estades alí. Estiveches con ela?
Si, a verdade é que se portou moi ben comigo. Cando cheguei ensinoume a cidade, faloume do club e axudoume moito
Que expectativas tes para a próxima tempada? Segues no Depor? Posibilidade de subir ao primeiro equipo?
Seguir si que sigo, aínda teño contrato, pero subir ao primeiro equipo xa é máis complicado. A tempada foi moi ben e marquei goles. Aquí estou moi contento. É unha nova experiencia para min, nunca vivira fóra da casa.
Non sei si sabes isto, pero eu decateime por Carlos Taibo de que en A Coruña están a meter presión para que subas ao primeiro equipo.
Eu iso non o sei.
Aínda non te deches de conta que es o ídolo dos Seareiros do Deportivo?
Escoitei algún comentario, pero non sei ata que punto hai esa presión.
A túa andaina no fútbol nace en Casa Paco. Que nos podes contar desa etapa?
Era moi pequeno pero os recordos que teño é dun moi bo grupo e moi bos amigos.
E o Choco este ano fíxonos suar, ehhh?
Si. Este ano, curiosamente, non se fixeron tan ben as cousas como o anterior, pero o Choco ten moi bos xogadores e non se merece baixar de categoría.
Vou falar de 2 ou 3 xogadores de nivel do Choco. Cortegoso?
O mellor porteiro, un veterano no Club e mellor persoa.
É bo capitán?
Moi bo. É persoa de aldea, así que mellor imposible.
Señor Comís?
Bo xogador, moi bo compañeiro e das persoas que te axuda cando chegas novo ao club.
Caloi ?
Manéxase no medio campo como quere.
Como che pareceu a política de fichaxes cando estiveches no Choco?
Para min había moi bo equipo, había como 8 xogadores de Redondela e chegamos aos playoffs.
E entón que pasou este ano?
Pois que marchamos moitos xogadores e non se fichou moito. Para esta tempada que ven xa ficharon a Adrián Rodríguez, que é un moi bo dianteiro e espero que teñan mellores resultados.
Este ano temos o equipo en boas mans?
Si. Vimos dun par de anos difíciles co COVID e o adestrador estreábase nesta categoría. Para este ano eu creo que o equipo vai estar ben, non como para acceder a xogar os playoffs, pero que vai facer boa tempada.
Quero que che molles con esta pregunta. Irmáns Montes ou Amoedo?
Quedo cos Montes porque debutei con eles en Xuvenís e en Copa, isto foi unha gran ilusión.
Os irmáns Montes chegaron ao celta B e botáronos. Agora recuperáronos de novo, que pasa con iso?
Eu creo que non tiveron a paciencia suficiente con eles e adestrar un filial é complicado. O adestrador non ten o mando do equipo ao cento por cento, ten xente por encima que manda e é difícil. Se o fixeron tan ben este ano no Coruxo, no Celta B pódeno facer igual de ben ou mellor.
Cóntame as túas impresións desde que empezaches en casa Paco, Choco, Celta e Deportivo.
En Casa Paco empecei cos amigos que tamén xogaban ao fútbol. Logo pasei Polo Choco con Alex. Aquí xogamos contra o Celta no torneo de Redondela, torneo no que quedamos campións, nesta tempada tamén quedamos Campións Galegos e aquí foi cando marchei para o Celta. No Celta vivín unha gran experiencia, pero non tiven sorte e non dei todo o meu nivel. Logo vinme para o Choco de novo.
Si que es humilde, eras un rapaz. Como que non o deches todo no Celta? Supúxoche un gran shock marchar deste equipo?
A verdade é que non, é que teño uns país impresionantes que non lles importaba se o equipo no que quería xogar chamásese Celta, Barcelona ou Choco. Dixéronme que xogase onde eu estivese mellor e máis cómodo e decidín volverme ao Choco, á miña casa.
E despois de pasar estes últimos anos no Choco, fíchache polo Deportivo?
Cando me dixeron que o deportivo estaba interesado en min sorprendeume e chocoume bastante. A verdade é que esa última tempada na casa foi moi boa. Marquei bastantes goles e as lesións respectáronme bastante
Moitas grazas Davo pola entrevista e por ser un rapaz solidario. O outro día un amigo non tiña entradas para a final, partido polo que veu á propósito e ti mandácheslle unha mensaxe de apoio. Es xente de calidade humana.
Grazas, considero que podes ser moi bo xogador de fútbol pero é máis importante ser boa persoa.