O Mundialito da Xunqueira: Historia viva de Redondela

Hai algo máis de 50 anos, inspirados no mundial de fútbol celebrado en Alemaña en 1974, un grupo de nenos decidiron organizar un torneo de “futbito” que se disputaría nas pistas da Xunqueira e que se denominou” Mundialito”. Hoxe, máis de medio século despois, ese torneo converteuse nun dos importantes sinais de identidade do verán de Redondela. O número de equipos foi crecendo paulatinamente: De 4 a 6, a 10 e logo ao pouco tempo xa eran 30.

Milleiros de mozos da vila e doutras localidades pasamos algunha vez polas súas pistas, e A Nova Peneira non podía deixar de conversar con algún dos seus organizadores .O tempo pasa para todos e os que daquela eran nenos hoxe xa peitean canas. Falamos con:

Susi, Gerardo Picho, Caloi, Miguel

Na historia do noso torneo forxáronse amizades moi sólidas entre os participantes”

Sodes os 5 fundadores do noso mundial da Xunqueira ?

Somos algúns deles. Habían máis persoas:, Avelino, Javierín, Perote..

O torneo sempre se fixo na Xunqueira?

Si, sempre. E celebrouse ininterrompidamente agás dous anos nos que non se puido facer.

O Torneo naceu en 1974.Como xorde a idea?

A raíz do mundial de Alemaña de 1974..Varios nenos comezamos a argallar a idea de facer un torneo que ilusionase á veciñanza de Redondela. E así, un pouco como sen querer , comezamos con esta marabillosa aventura que se iniciou cunha conversa na antiga churrería de Pepe. De feito os equipos tiñan os nomes dos do mundial de Alemaña.

Ben, que ilusionase seguro que si..pero tamén había cousas que cabreaban un pouco aos que perdían os partidos, creo eu

Ha, ha, ha, ha…Pois si, durante un tempo os equipos que perdían estaban obrigados a pagar 5 pesetas.

5 pesetas por equipo?

Non ohh, 5 pesestas por xogador

Iso é moi interesante. Algunha anécdota divertida da que vos lembredes?

Canto estabamos a buscar patrocinios publicitarios: Unha vez un negocio de Redondela, que xa non existe, patrocinounos cunha bombilla.

Unha bombilla, ha, ha ha ha…En serio?

E tan en serio. Incluso nos mandaron asinar un recibín.

Que era o peor de xogar na Xunqueira naqueles tempos?

Cando caía o balón ao río e había que meterse dentro para ilo buscar.

Os primeiros anos a organización era igual á actual?

Non, era diferente. Naqueles tempos anotábanse os xogadores que estaban interesados en xogar, e logo en función do número de xogadores anotados íanse formando os equipos.

E dos maratóns que nos dicides?

Hóuboos incluso de 72 horas… foi algo que tamén ideamos nós. Non tiñan outro obxecto que a mocidade tivera unha alternativa sa para o lecer e que puidese gozar do fútbol. De feito polo que nós sabemos só unha vez houbera un maratón de 67 horas de fútbol en Sevilla. O noso maratón de 72 horas pensamos que nunca se igualou.

Cando comezaron os patrocinios das casas comerciais aos equipos?

No terceiro ano. Os primeiros anos cada xogador procuraba o seu material como puidera.

Había trofeos para os equipos gañadores?

Si, había varios: Para os mellores equipos, para os máximos goleadores e os menos goleados… Dábanos as casas comerciais.

Cal foi o número máximo de equipos que chegaron a participar?

Chegaron a ser 40 equipos. Había días de xogar case a todas horas….podía durar 5 semanas o torneo.

E cando se montaba algún equipo que tiña xogadores que competían no Choco, no Arcade, no Cesantes ..non había problemas?

E tanto que había problemas. Sobre todo cando eses equipos comezaban os adestramentos..pois en ocasións deixaban colgados a algún dos que competían no noso torneo e non lles quedaba outra que buscar algúns amigos para completar a aliñación. Ás veces no quedaba máis remedio que enganchar ao que pasara por aí de casualidade para que se animara a xogar.

Cales son as diferenzas máis significativas entre aqueles campionatos e os que se xogan na actualidade?

Antes os equipos estaban máis mesturados. Podía xogar nun mesmo equipo xente de Cesantes de Reboreda ou de Chapela. Ao facelo así a agresividade era menor. Logo cando os equipos se comezaron a agrupar por zonas xa se complicou a cousa. Todo o mundo se sentía agraviado e ás veces existía moita agresividade contra os árbitros. Por outra parte creo que co paso do tempo o campionato perdeu a esencia que tiña ao principio, algo que era diferente a calquera outra cousa que houbese en calquera parte.

Había xogadores especialmente agresivos?

Algún, algún si que había. Recordo a un que para evitar esa agresividade o xubilamos e o puxemos a arbitrar partidos. Se se xogaban media ducia de partidos seguidos puñámolo a arbitrar todos, un detrás de outro.

Algunha cousa especialmente bonita coa que vos quededes?

Na historia do noso torneo forxáronse amizades moi sólidas entre os participantes. Despois dos partidos iamos tomar os viños e pasabámolo moi ben.

Falando de pasalo ben quixer que mencionarades a única vez que organizastes unha celebración gastronómica. Supoño que vos lembrades quen a fixo, e estou seguro de que non podedes ter outra valoración que dicir que foi unha comida excelente?

Ha, ha ha ha. Claro que nos lembramos, fíxoa A Lareira, o restaurante que tiñan os teus pais naquel momento. E non é porque esteas ti diante pero si, foi unha comida excelente.

Se puiderades volver a vista atrás volveriades a montar o torneo de fútbol?

Si, absolutamente si.

Primer comentario

Deixa a túa opinión