Comezamos o ano conversando co alcalde de Pazos, Luciano Otero. Neste Concello, despois de máis de 20 anos dun nefasto goberno nepotista, caciquil e desleixado do PP, existían expectativas moi elevadas e unha enorme ilusión polo cambio cando no 2023 os populares perderon por fin a maioría absoluta. Luciano Otero líder de Alternativa Veciñal chegou á alcaldía con catro actas nunha corporación de 11 asentos, grazas ao voto favorable do concelleiro do BNG e do concelleiro do PSOE. Pero o certo é que o mandato está sendo moi complicado. Non houbo posibilidades de chegar a un acordo de goberno que permitise un mandato estable e o alcalde afronta catro anos moi difíciles cunha situación aritmética de minoría que non lle permite facer moitas cousas. Nós falamos con Luciano para coñecer as súas razóns, o estado das cousas, segundo o seu punto de vista, no seu concello e as súas expectativas de futuro. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“En Pazos de Borbén o clima preelectoral comezou o mesmo día da investidura”
Estamos xa case en época preelectoral. Como valoras o ambiente político de Pazos no momento actual?
En Pazos de Borbén o clima preelectoral comezou o mesmo día do pleno de investidura.
Así, con esa rotundidade?
Si, así mesmo. Hai moitos veciños que me comentan pola rúa que os que tiñan que estar apoiando ao goberno dannos moi pouca cancha.
Danche pouca cancha?, Ou non che dan ningunha?
Ben, algunha cousa vai saíndo pero moi pouca. Eu creo que o PSOE e o BNG nos fan máis oposición que o propio PP. Están seguindo unha estratexia política cuxo principal beneficiario pode ser o PP.
Un mandato con tensión preelectoral desde o primeiro día fai moi difícil a acción de goberno, e máis aínda nunha situación aritmética de minoría como a vosa. Tes capacidade para poder gobernar?
Estamos facendo cousas, pero con moito traballo e con enorme desgaste.
Cales son esas cousas, as máis significativas, que estades facendo?
Como obxectivos estratéxicos para este mandado cómpre salientar a nosa intención de desbloquear o arranxo da estrada EP2702 ( a estrada que vai desde Os Valos ata Amoedo).Unha estrada que é competencia da DEPO pero que é unha vía moi importante de conexión entre distintas zonas do noso Concello. O caso é que o primeiro tramo saíu adiante.
En que situación está ese tramo neste momento?
Está en licitación.
Os seguintes tramos?
Non temos compromiso algún da DEPO ao respecto diso. A veciñanza protesta ante esa inxustiza e o alcalde de Pazos está totalmente de acordo con esa protesta.
Cando prevés que comecen as obras do primeiro tramo?
Agardo que no verán xa estean as obras en marcha. Aínda que parece que en Pazos as cousas van máis lentas que en outros lugares.
A que te refires?
Refírome ao arranxo dunha estrada provincial en Salvaterra que parece que vai moito máis rápido que no caso de Pazos.
Ti cres que hai vontade política da DEPO de atrasar as obras da estrada Os Valos Amoedo?
Evidentemente si. A min o presidente da DEPO díxome que ata que non rematen as obras do primeiro tramo non se vai comezar a traballar nos seguintes.
Cal é a extensión da estrada?
Oito quilómetros.
Canta lonxitude ten o tramo que van arranxar?
900 metros, pouco máis que o 10%.A este ritmo imos estar moitos anos en obras para rematar co arranxo de toda a estrada. Eu non vexo a vontade real de arranxo por ningunha parte.
Na comarca de Redondela hai dous cargos do PP que traballan na DEPO: o ex alcalde de Pazos, Andrés Iglesias, e o ex alcalde de Redondela Javier Bas. Colaboraron en algo para poder arranxar esa estrada?
A min non me consta ningún tipo de colaboración de ningún dos dous.
Ben, estabamos a falar das accións de goberno máis relevantes. Alén do asunto da estrada de Nespereira que máis podes destacar?
-É moi importante o traballo ao respecto do polígono de Amoedo. Collemos un expediente que levaba catro anos metido nun caixón por parte do anterior goberno, fixemos o traballo técnico e administrativo necesario, reunímonos co equipo redactor e coa Xunta, atendemos os requirimentos que nos fixeron e temos o documento co visto bo do urbanismo da Xunta. Só falta que se aprobe en pleno. Nós agardamos contar cos apoios necesarios para poder quitar adiante a modificación puntual do polígono de Amoedo.
-Tamén quixera salientar a nosa actuación sobre as depuradoras municipais. Estaban caendo sancións de Augas de Galicia de maneira recorrente. Nós xa preparamos un proxecto para a depuradora de Moscoso, a máis grande que temos. É un proxecto que se vai a medio millón de €.Reunímonos con Augas de Galicia para que financie unha parte moi importante e estamos á espera da súa resposta. Nas outras depuradoras máis pequenas imos introducindo investimentos a medida que imos podendo como fixemos agora na depuradora de Amoedo. O estado das depuradoras non está ben. Pero estamos traballando con seriedade para pór remedio e parece que augas de Galicia así o entende tamén porque deixaron de sancionarnos.
-Asumimos a xestión directa do lixo, pois a empresa anterior xa estaba fóra de contrato. E agora lévaa directamente o Concello.
Fostes pioneiros en remunicipalizar servizos?
Neste caso si.
Noutros concellos cando algunha forza de esquerdas formula a posibilidade de asumir a xestión do lixo o mantra da dereita é que nin se pode nin é viable. Como o levades vós?
Levámolo ben. Eu creo que é evidente que a xestión do lixo mellorou moito.
No que respecta ao custe do servizo levándoo vós, é máis barato ou máis caro que cando o levaba unha empresa privada?
Levándoo directamente o Concello é máis barato. Por desgraza a suba do canon de SOGAMA come case todo o aforro.
Desde que chegastes ao goberno non tivestes ningunha sanción de Augas de Galicia?
Pagamos sancións da época do PP, pois o anterior equipo de goberno non pagou o canon da auga durante varios anos e nós tivemos que facelo con recargo e intereses. Pero sancións da nosa etapa de goberno, non.
Por que motivo non puideches formalizar un acordo de goberno co BNG e co PSOE que vos permitira unha situación aritmética estable?
Eso deberían dicilo eles. A impresión quen teño é que non quixeron entrar e preferiron quedarse na oposición.
Eles din que ti non dialogas que actúas de maneira un tanto ditatorial sen contar coa súa opinión. É así?
Estou en absoluto desacordo con esa valoración. Nós antes das eleccións propuxémoslles aos dous ir nunha lista conxunta, non quixeron. Cando negociamos a investidura propuxémoslles entrar no goberno, dixeron que non. Non nos deron nin cen días de cortesía. O voceiro do PSOE xa nos atacou no propio pleno de investidura..Con esta traxectoria que nos acusen de falta de diálogo pois chama poderosamente a atención..
E cal é a actitude do PP?
Tampouco teñen moito interese por dialogar.
Cando chegaches ao goberno que tipo de administración encontraches?
Unha administración que carecía dun poder político que tomara as decisións que lle competen tomar ao poder político e non aos funcionarios. Había unha desorganización moi importante que non se pode achacar aos funcionarios do Concello senón á falta de dirección política.
Antes de rematar o actual mandato ves algunha marxe para reconducir a situación, aínda que sexa minimamente, co BNG e/ou co PSOE?
Non, non a vexo. Se non se logrou ata agora, facelo cando estamos en ano preelectoral non o vexo posible.
Por que non se abriu a piscina este verán?
Por un fallo técnico, estragouse unha peza e a empresa responsable deunos unha moi mala resposta. Estiveron todo o verán dando largas e finalmente pasou o verán. Para o ano que ven vai estar aberta.
Con absoluta seguridade?
Con absoluta seguridade.
Como funciona o tanatorio municipal?
Pois ao respecto desta pregunta quixera dicir que tivemos unha inspección de sanidade que nos informou da existencia de diversas deficiencias. A raíz da inspección descubrimos que a xestión do tanatorio deulla, o anterior goberno municipal, á nai da voceira do PP. Por outra parte tamén descubrimos que non pagaron o canon municipal. Estamos iniciando un expediente de revisión dese expediente.
Como estás ti de ánimos?
Teño momentos duros pero sigo estando moi ilusionado. Servir ao meu pobo é unha honra inmensa. Estarei todo o que me quede de vida en débeda permanente coa veciñanza de Pazos por terme distinguido coa súa confianza.
Vas ser o candidato de Alternativa nas municipais do 27?
Si.
Con que intención?
Gañar e aumentar a representación para podermos facer moitas máis cousas que beneficien á veciñanza de Pazos.
Alternativa vai transcender á túa persoa? Ou cando a túa etapa como alcalde remate o proxecto acaba tamén?
Agardo que continúe. Este non é un proxecto personalista de Luciano Otero nin moito menos. É un proxecto municipalista colectivo construído desde Pazos, por xente de Pazos que só ten un obxectivo: O ben común do conxunto de Pazos de Borbén.

Primer comentario