En Ventosela, entre o aroma das flores, a beleza das silveiras e a dozura das ameixas, nacen:

As Tareixas

As Tareixas

Dous días antes da xornada en que a maioría de cabeceiras deste país adornan de maneira simbólica as súas portadas co idioma de Martín Codax, Rosalía, Otero Pedrayo , Castelao ou Luisa Villalta, subín ata San Martiño de Ventosela. Alí,a emoción de poder conversar con normalidade cunha nena e un neno que falan o idioma propio de Galicia con normalidade, sementou en min a esperanza de que, se cadra, non está todo perdido. E de ser o caso de que non estea a confundir o desexo coa realidade, se non o está é a pesar de quen nos goberna e grazas a vontade, ao compromiso e ao amor de persoas como Olga e como Jose que son, como tantas e tantos, as que co seu labor impiden que morra un idioma de 1.000 anos. Olga é a nai, e Jose é o pai de Omara de 8 anos e de Román de 10. Omara toca a trompeta, e Román o clarinete. Os dous forman xunto ao seu pai, músico profesional, o grupo As Tareixas. O nome é o alcume, cuxa orixe pérdese na brétema dos tempos pasados, co que é coñecida a familia de Olga, naturais de San Martiño de Ventosela. As Tareixas nace despois dunha operación de cadeira que sofre a avoa Martina, cuxa descrición, a modo divertido, nos contan nun tema musical que gaña o segundo premio nun concurso da Deputación da Coruña. Cando a avoa Martina, xa plenamente recuperada da súa operación, cumpre os seus primeiros 80 anos, as Tareixas presentan un pequeno vídeo clip do seu tema, e nós subimos ata San Martiño a mergullarnos na felicidade de poder soñar que as palabras de Luisa Villalta seguirán eternamente vivas grazas a persoas como Omara e Román.

Cando naceu o grupo?

Xorde en decembro do ano pasado a raíz da operación de cadeira da avoa de Omara e Román, Martina, a avoa de Ventosela. A outra avoa está un pouco máis lonxe.

Creo que a avoa Martina ten vocación de xornalista, verdade?

Abofé que a ten. Fíxate: A súa operación foi con anestesia local, entón ela foi percibindo todos os pasos e fases do que lle estaban a facer. E no proceso da súa recuperación foinos describindo paso a paso como foi todo.

E que tal foi a crónica médica da avoa Martina?

Foi moi divertida. Como cadrou en Nadal ocorréusenos facer unha canción, aproveitando o tempo das vacacións, sobre a operación.

Quen é o compositor ou compositora?

Ben, digamos que comezou o pai pero a letra ten achegas de toda a familia.

E logo fomos concursar?

Si, fomos concursar a “ Quero Cantar”. É un concurso que organiza a Deputación da Coruña. Foi o 20 de abril na Coruña e acadamos o segundo premio.

En que sitio foi a actuación?

No teatro Colón. Aínda que as cuestións da burocracia non foron o que se di doadas. En concreto refírome á web da Deputación, pois é realmente complicada para manexar. Mandamos a canción, que pasa pola peneira dun xurado de músicos profesionais. E se a pasa, vai á gala final. Nós quedamos en segundo posto, por baixo duns rapaces de Teo que foron os que gañaron. O ambiente en xeral entre todos os participantes foi extraordinariamente agradable

Estabas nervioso Román?

Si,si que estaba.

E ti Omara?

Eu non.

Pois eu no teu lugar estaría tremendo. Un pouco nerviosa seguro que estabas. Confesa Omara, confesa?

Ha, ha ha ha…Ben, un pouco si.

En que consistiu o premio?

Nunha cantidade económica para gastar en tendas de música.

Aínda que vós, que xa actuastes coas Efémeras( antigo grupo musical de Olga), táboas xa tedes, pero un teatro como ese seguro que impón. Había moita xente no público?

O local é un teatro mediano, si. E a verdade é que había bastante xente na representación, e impoñer si que impón.

Onde aprendestes, Omara e Román, a tocar os instrumentos que tocades?

Imos ao conservatorio de Redondela. Tocan a trompeta e o clarinete respectivamente porque son os instrumentos que máis lles gustaron e para os que tiñan máis actitudes. Tamén os levamos ás asociacións da contorna para que aprendan música tradicional.

E despois dese premio, que tanta ilusión nos fixo, que imos facer?

Pois nós temos ilusión de seguir co grupo. De feito temos algúns concertos para o verán en diferentes puntos de Galicia:Redondela, Vilaboa, Soutomaior….. Temos desde mediados de xuño ata principios de setembro. Iremos anunciándoo nas nosas redes sociais

Para cando o disco?

Pois de momento temos entre oito e nove cancións, cando teñamos as suficientes para encher un, gravaremos o disco, claro que si.

Son todas cancións infantís?

Son baseadas no universo infantil.

Gustaríavos que, Omara e ou Román,se dedicaran profesionalmente á música?

Gañar a vida coa música non é nada doado. Pero se poden facelo e eles son felices con iso pois sería unha forma moi bonita de gañala, desde logo que si.