Non sei se haberá algún outro concello no planeta Terra no que se viva unha situación análoga á que se vive no concello de Arbo: A corporación municipal ten 11 asentos pero só 10 ocupantes, porque todos os membros da lista que gañou a undécima acta, absolutamente todos, renunciaron a ela: desde o candidato á alcaldía ata o último suplente. Esa lista era liderada por Manuel Rivera, o que foi moitos anos alcalde de Arbo polo PP. E tamaño disparate só se explica porque a dereita de de Arbo, toda a dereita o PP desde logo que tamén, son exemplo notorio da peste política que padece Galicia desde a noite dos tempos: O nepotismo, o caciquismo que só o utiliza a política para o beneficio deles mesmos bipolarizando á sociedade entre amigos, para os que hai todo, e inimigos para os que só hai desprezo. A esquerda de Arbo tivo un resultado catastrófico nas últimas municipais, pero os 464 votos que tirou o bloque nas autonómicas , a súa solidez , solvencia , a súa cada vez maior implantación na sociedade de Arbo e o rigor e profunda implicación social do seu líder, Diego Prieto, fai albiscar unha brillante luz de esperanza no futuro social desta localidade. Nós conversamos con Diego.
“En Arbo no temos goberno, temos desgoberno.”
Queremos coñecerte en profundidade Diego.
Eu nacín en Arbo , na parroquia de Barcela, hai 33 anos. Desde os 8 vivo no centro do pobo. Traballo de mecánico de mantemento na industria metal gráfica. Levo 6 anos na profesión.
Como e cando se iniciou a túa relación coa política?
A min sempre me interesou a política. Desde que era un rapaz tiña interese e preocupación polo estado das cousas e as distintas formas de organización social. A nivel orgánico, a miña relación co BNG comeza no 2019.Ese ano fun no posto número dous nas municipais, no ano 21 asumín o cargo de responsable local do BNG e nas eleccións do 23 fun o candidato do Bloque á alcaldía.
O BNG, na persoa de Xavier Simón, chegou a ter a alcaldía de Arbo. Cando se produciu a ruptura do nacionalismo na túa localidade?
Foi a raíz da época pos Amio. En Arbo parte do BNG local decidiu comezar unha andaina en solitario e participar na agrupación de electores que aínda existe hoxe.
Que tal están as relacións entre o BNG local e esa agrupación de electores( AGRELAR)?
En Arbo, en xeral, temos boas relacións con todos. No que respecta a AGRELAR no seu día tratouse de colaborar metendo algunha moción, pero digamos que a esquivaron co que agora mesmo non hai traballo conxunto. Pero non desboto que o poida haber no futuro.
O nacionalismo en Arbo está todo no BNG, ou aínda hai parte en AGRELAR?
O nacionalismo en Arbo está volvendo ao BNG. O BNG nace para sermos a casa común do nacionalismo galego en todo o país, en Arbo tamén, e ese é o desexo de todos os que nela estamos.
A saúde interna da agrupación local de Arbo como está?
Con sinceridade absoluta: Malia non termos representación institucional a agrupación local goza dunha saúde extraordinaria. Estamos a captar a moita xente nova, incluso a xente moza, e percíbese unha ilusión e unha solvencia na militancia que me fai ser moi optimista.
Os resultados das últimas municipais foron unha catástrofe para a esquerda de Arbo. Vós partiades da nada, 66 votos,eh ben subides a 146 aínda así non foi suficiente para entrardes, pero o de AGRELAR foi unha auténtica desfeita pois baixa 549 votos e pasa de 5 a 2 actas. A sensación que me deixa ese resultado é que AGRELAR ten moi difícil continuar coa súa actividade política. Cal é a túa percepción?
A miña percepción, e dígoo con toda a prudencia e con todos os respectos para as persoas de AGRELAR, é que ese proxecto está en fase final.
Como valoras os vosos resultados nas autonómicas?
Quitamos 464 votos .Foron os mellores resultados da historia do BNG en Arbo. Foron 464 razóns marabillosas para seguir traballando, con humildade, pero coa máxima intensidade polo cambio político e o ben común, tanto en Arbo como en todo o país.
Cóntanos o misterioso caso da undécima acta da corporación?
Ben, é o surrealismo en grado superlativo. É a antoloxía do disparate elevada á máxima potencia. Verás: Nas últimas municipais o ex alcalde polo PP Manuel Rivera presentou unha lista. Acadaron unha acta, que sería para el mesmo. Pero ao ter o PP maioría absoluta esa acta carece de capacidade de influencia, e xa que logo Rivera renunciou a ela. Pero non só renunciou el, senón que tamén renunciaron o resto de membros da lista , desde o primeiro ata o último, co que ese asento queda sen ocupar. E chegamos ao absurdo de que a nosa corporación ten un membro menos dos que debera ter.
Un ano despois das últimas municipais como valoras a acción de goberno?
Segue na liña dos últimos tempos, non hai ningún tipo de melloría. Aquí non temos goberno, temos desgoberno. Nin se dota a Arbo dos medios e servizos que carece, nin se lle dá á veciñanza ningún tipo de facilidade para axudarlles a resolver os seus problemas.
A mocidade de Arbo ten os medios e servizos necesarios para poder desenvolver, se así o desexan, un proxecto vital en Arbo?
Non, hai moi poucas oportunidades laborais. E os servizos non son suficientes.
Sobre o polígono industrial de Barcela?
Está infrautilizado. E se lle sumamos que a boa parte da superficie que teña para medrar métenlle a SOGAMA, que só produce un posto de traballo, pois vaia hipoteca que nos chantaron.
Iso dun só posto de traballo é literal?
Si, literal.
Como leva o goberno o da transparencia co resto de forzas políticas?
É un desastre. Non só coas forzas políticas senón con toda a veciñanza.
En relación ao asunto da alta tensión cal é a posición do BNG?
Nós rexeitámola. A nosa posición é estar cos veciños e coas veciñas. O BNG de Arbo defenderá sempre o interese xeral da veciñanza de Arbo.
O alcalde seica di que non a quere?
Coa boca pequena. En realidade parece que lle pon a alfombra vermella.
O caso que padecen os teus veciños Marco e Sonia , coa súa casa asolagada un día si e outro tamén, é asombroso. Realmente o alcalde Horacio Gil non fai o necesario para tratar de solucionalo?
Non, non o fai, por desgraza teño que contestar que non, porque é verdade que non o fai. O alcalde non fai o necesario para solucionar o problema dos nosos veciños Marco e Sonia.
O alcalde de Arbo trata igual aos veciños que identifica como amigos que aos que identifica como non amigos?
O alcalde de Arbo trata ben a moi pouca xente. Incluso trata mal a votantes do PP.
Que acontece coa Lamprea?
Pois que cada vez hai menos. A diminución de capturas é realmente alarmante. Nos últimos 10 anos pasamos de 23.000 quilogramos a tan só 3.000.A situación é realmente preocupante e de novo o noso goberno non fai nada en absoluto.
Sendo realista ves posible que o nacionalismo en Arbo teña posibilidades a curto prazo de competir, con opcións de éxito, polo goberno da localidade?
Sendo realista: Teño a absoluta convicción que si.
