O veciño de Ponteareas Xabier Gómez inicia a aventura de percorrer boa parte de Europa nunha moto vespa

O veciño de Ponteareas Xabier Gómez inicia a aventura de percorrer boa parte de Europa nunha moto vespa

Xabier é un profesor de linguas clásicas de 58 anos de idade, natural de Mondariz pero veciño de Ponteareas, que o luns 8 de xullo saíu de Ponteareas ao lombo da súa vespa , acompañado dun amigo que vai noutra moto da mesma marca, a facer unha viaxe polos territorios do “mare nostrum” .A súa intención é percorrer os países e rexións que un día formaron parte do antigo imperio romano. O amor pola cultura clásica, deste profesor da comarca do Condado, lévao a emprender esta marabillosa aventura pola que lle preguntamos antes de saír e que nos comentará con fotografías, curiosidades e anécdotas unha vez que regrese ao país.

Cal É a túa profesión?

Ensino Latín e Grego nun instituto. Eu estudei filoloxía clásica.

Que bonito¡. E hoxe en día aínda hai mozos e mozas que teñan interese pola cultura clásica?

Si, si que os hai. Aínda que creo que hai como unha man negra que fai que o Latín e o Grego non se promocionen coma en outros países, como por exemplo Alemaña, onde as linguas clásicas teñen bastante máis importancia que no sistema educativo español.

Por que? Se cadra porque ensinan a pensar e axudan a construír un pensamento crítico?

Evidentemente, entre outras cousas.

Este mes de xullo comezas unha viaxe un tanto especial para ti, fálame dela.

É un soño que teño desde hai moito tempo, de cando estudaba en Salónica e traballaba no Pireo. Cando viaxaba para alá, as veces facía o traxecto en coche, pasaba por Ancona, Bari (cidades italianas) e Turquía para chegar a Grecia. Cando collía o barco sempre me encontraba con motoristas alemáns, italianos ou ingleses, sempre falabamos das súas viaxes en moto e desde aquela, comezou a xerminar en min a idea de facer en Vespa o recorrido que facía en coche. Este mes de xullo vou facer realidade o meu soño.

Fálame da ruta que tes pensado seguir.

Eu chámolle “mare nostrun” e consiste en facer todo o Mediterráneo.

En que moto tes pensado facer esta viaxe?

En Vespa. Eu teño unha Vespa clásica pero, para esta viaxe vou utilizar una moderna, unha 300 tipo escúter sen marchas, con ela vou poder facer unha viaxe máis cómoda e unha media de máis quilómetros seguidos.

Sales en Vespa desde Ponteareas ?

A miña idea é saír desde Portugal, de Monçao. Vou bordear a fronteira e entrar por Ourense. Soamente vou viaxar por estradas secundarias e vou a ir con outro compañeiro que se chama Alejandro e co que teño feito algunha ruta por Portugal. El tamén vai nunha Vespa.

Despois de Ourense vas a ir, por Extremadura?

Non, por Zamora, polo norte cara Lleida, alí cruzaremos cara aos Pirineos, Carcasona de Francia e de alí tiramos en liña recta cara Turín para entrar en Italia. Cruzamos o norte de Italia, Trieste e Eslovenia. De Eslovenia baixamos cara Croacia, Montenegro, Albania, Kosovo, Grecia e, a miña intención é chegar ata antiga Troia, que está un pouco máis abaixo de Estambul porque quero cruzar os Dardanelos. Teño un amigo en Estambul co que coincidín en Inglaterra e quero visitalo.

Para a volta vai ser o mesmo percorrido co da ida?

Non. A miña vontade é desdobrar o percorrido, facer a volta por Bulgaria, Serbia e, se podo, subir a Austria e tirar para casa.

Cando tes previsto volver?

A viaxe é sine die, non teño etapas definidas nin marcadas, quero ir desfrutando da viaxe e parando onde nos apeteza.

Onde ides durmir?

Pensamos durmir da maneira máis enxebre posible. Levamos un saco de durmir e trataremos de parar en campings ou hostels, cousas moi económicas.

Só en gasolina xa ides gastar moito diñeiro, non?

Si, sobre todo en Italia pois alí a gasolina está moi cara. O bo destas motos e que consumen pouco.

Tedes previsto a cantidade de quilómetros que lles ides facer ás motos?

Unha vez cheguemos a Estambul temos pensado tocar varios puntos, a nosa idea é facer sobre uns 10.000km.

Xa estiveches en todos os sitios que tes previsto estar?

Estiven nos países e en algúns sitios nos que imos a estar, en todos non. Coñezo Turquía, Albania, Croacia.

É bonita Croacia?, moita xente aconséllame visitala, e especialmente recoméndanme coñecer Dubrovnik.

Dubrovnik é espectacular, ten moita historia e é un sitio moi recomendable.

Quero tocar Mostar, que está en Bosnia. Gustaríame visitar un lago precioso que separa Albania de Montenegro, unha ruta de moteiros e algúns puntos máis de interese para nós.

De todos estes sitios que xa coñeces, cal me recomendas visitar?

Son amante de Grecia e viviría en calquera punto dese país pero, si teño que elixir unha cidade europea diríache que Estambul.

Como está a situación política de Turquía?

Está un pouco tensa cos Kurdos, hai anos que teñen problemas cun sistema político que non lle dá opcións a moito.

Non tedes previsto data de volta, pero aproximadamente canto tempo tedes dispoñible para esta viaxe?

Temos entre 30 e 40 días para facela.

Quedamos emprazados á volta para que nos amoses fotos, e nos contes o máis significativo da viaxe

Será un pracer desde logo.