Queimadelos é unha das ELM da nosa área de influencia. É unha parroquia moi pequena de apenas 100 veciños, berce da nosa ex compañeira e xornalista brillante Alma López, e que amosa con orgullo unha personalidade propia moi marcada. A ELM é gobernada cunha maioría máis que absoluta, cunha maioría total, que xa lle gustaría poder acadar algunha vez ao alcalde de Vigo, pois os 3 membros da corporación son do BNG. Esta organización goberna a ELM desde hai moitísimos anos, sinal de que deben de estar a facer moi ben as cousas. O presidente da ELM é Pablo, un home novo de 41 anos que traballa de profesor de autoescola na cidade de Vigo. Nós conversamos con el. Velaí vai o resultado
“O mellor que lle pode pasar a Mondariz é que volva o BNG ao goberno do noso pobo”
Queremos coñecerte mellor, Pablo
Ben, eu teño 41 anos son natural de Mondariz e vivo en Queimadelos desde hai 15 anos. Na miña vida profesional eu traballo de profesor de autoescola en Vigo.
Como e cando comezou a túa relación coa política?
Sempre tiven interese nos asuntos públicos, especialmente nos que atinxen á forma máis próxima e directa de facer política que é o contacto coa nosa veciñanza. O meu vínculo coa política orgánica comezou no ano 2019 cando entrei de vogal na ELM de Queimadelos.
Quen era presidente/a naquel momento?
Sandra, unha compañeira do BNG. Ela é agora vogal e eu asumín a presidencia.
Por que motivo se deu ese cambio?
Ben, nós entendemos que a rotación nas responsabilidades políticas é adecuada, e incide en positivo na saúde democrática de calquera administración.
Cantas persoas sodes na corporación da ELM e de que partidos?
Somos 3 e os 3 do BNG.
Caramba tedes maioría absolutísima
Pois si, e nós desde logo que estamos moi honrados pola confianza que nos dá a veciñanza de Queimadelos.
Nas votacións das municipais na parroquia tamén gaña o BNG?
Si, na nosa parroquia adoita gañar o Bloque. Polo menos nos 15 anos que eu levo vivindo aquí.
Cantos veciños ten Queimadelos?
Arredor de 100, somos unha parroquia pequena.
Hai xente moza?
Moi pouca.
Cales son os principais problemas ten a ELM de Queimadelos?
A cuestión económica á a máis complicada. Supoño que lle pasará o mesmo ás outras ELM.
A ELM ten dereito ao 25% dos impostos recadados na vosa parroquia. Recibides eses cartos sen ningún tipo de atranco?
Recibímolos por primeira vez cando Xose Emilio Barros foi alcalde. Cando gobernou o BNG en Mondariz foi a única vez na historia que recibimos eses cartos, que legalmente nos corresponden, sen ter que estar a pelexar para que nos dean o que é noso.
Entón tanto na alcaldía de Calis como na de Pablo tivestes que reclamalo?
Si, e temos atrasos pendentes de cobro que non se dan solucionado.
O concello debe cartos á ELM?
Si, de varios anos atrás. E non o solucionou Calis, nin de momento o alcalde actual.
Alén da cuestión económica que outros problemas ten Queimadelos?
Os mesos que calquera outra zona do rural galego: envellecemento da poboación, falta de servizos e o saneamento. Só unha parte moi pequena da parroquia dispón de saneamento. Nesta cuestión do saneamento só avanzamos na época da alcaldía de Xose Emilio Barros. Nestes tres últimos anos non se fixo nada en absoluto.
Cales son as vosas principais actividades?
Como a de calquera outra ELM a xestión do noso patrimonio. Logo nós temos unha particularidade que é a xestión da auga.
De onde procede a vosa auga?
É unha traída veciñal.
Como financiades a xestión? Cobrades un recibo aos veciños?
Nós de momento financiamos a xestión da auga cos beneficios que nos dá a explotación do monte,coa venda da madeira e co alugueiro dunhas antenas.
Que tal son as relacións co actual alcalde Pablo Barcia?
Falar con el é complicado. Cada vez que queremos ter unha reunión con el é difícil. A nosa percepción é que non somos a súa prioridade e que anda ás voltas cada vez que lle pedimos unha cita.
Rematamos. Mondariz vive unha situación política moi complexa, case se podería dicir que inédita na historia política recente do estado español. Non é nada fácil prognosticar que é o que pode acontecer nas eleccións do 2027.Ti como o miras?
Eu o que digo é que o mellor que lle pode pasar a Mondariz é que o BNG volva gobernar. Foi a única vez na nosa historia que Mondariz avanzou. Nós estamos moi ben en plena forma, con moito ilusión e agardamos poder chegar á maioría social do noso pobo.
Supoño que non tardaredes moito en designar un novo candidato ou candidata?
Non, claro que non. As eleccións son en pouco máis dun ano.
