Unha Entidade Local Menor é unha administración local de ámbito inferior ao concello. Xestiona unha parroquia e adoita ser un sinal de identidade e orgullo moi importante na personalidade colectiva da veciñanza da súa área xeográfica. No país galego existen 9 ELM, a inmensa maioría están en Pontevedra, 8, mentres que a restante se atopa no Concello de Leiro, na provincia de Ourense. Das 8 entidades provinciais 7 están na área de influencia de A Nova Peneira: Vilasobroso e Queimadelos, en Mondariz, Camposancos en A Guarda, Pazos de Reis en Tui, Morgadáns en Gondomar, Chenlo no Porriño e Bembrive en Vigo. Imos coñecelas todas. Na presente edición falaremos cos alcaldes pedáneos das dúas Entidades Locais Menores do concello de Mondariz : Álex alcalde de Vilasobroso, e Pablo alcalde de Queimadelos, ambos do BNG.
Álex Estévez Gil, alcalde pedáneo da ELM de Vilasobroso.
A viaxe polos camiños da vida ás veces é como cantaba Rubén Darío “ dura, amarga e pesa”, e pola contra en ocasións dános sorpresas inesperadamente agradables. Unha delas é Álex , alcalde pedáneo da ELM de Vilasobroso desde o 2019, ao que nunca tivera a oportunidade de coñecer ata os últimos días do pasado mes de Xaneiro. El é enxeñeiro de profesión, ten 45 anos de idade e é un cadro político de primeirísimo nivel que estou seguro chegará moi lonxe no universo da política galega. Álex reivindica con orgullo a etapa da alcaldía de Xose Emilio Barros e manifesta que o BNG ten toda a ilusión por acadar a confianza da maioría da veciñanza de Mondariz porque, entende el, que ten o mellor proxecto para o conxunto do seu pobo. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“ O BNG de Mondariz está en plena forma, e con toda a ilusión de poder chegar ao corazón da maioría social do noso pobo”
Queremos coñecerte un pouco máis ?
Ben, pois eu teño 45 anos, son natural de Ponteareas aínda que con vínculos familiares moi profundos con Vilasobroso. O meu avó era o propietario da antiga fábrica de madeira e fixo casa en Vilasobroso na década dos 80. Son enxeñeiro de formación e de profesión. Estiven unha temporada traballando en Holanda e regresei á terra en setembro do ano 2015.
Como cando comezou a túa relación coa política?
O meu interese comezou de forma natural e espontánea. Eu diría que xa no colexio. A medida que fun crecendo tomei partido polo que consideraba máis xusto.
Como iniciaches a militancia no BNG?
Houbo un pequeno encontro cando tiña 18 anos. Logo fun estudar a Madrid e a miña vida política quedou un tanto aparcada. A relación seria comezou cando volvín de Holanda e xa formei parte do consello local do Bloque de Mondariz. No ano 2019 fun escollido alcalde pedáneo de Vilasobroso, este é o meu segundo mandato. Lembro aqueles momentos con especial cariño pois houbo un traballo intenso e frutífero cóbado a cóbado con Xose Emilio Barros, que no mandato 19-23 foi o alcalde de Mondariz.
Cantos habitantes ten Vilasobroso?
Algo máis de 300.Pero censados que votemos aquí seremos arredor de 250.
Cantas persoas formades a corporación?
Somos 5: 2 do BNG,eu son o presidente, 2 de Alternativa e e 1 do PP.
Como é a túa relación cos compañeiros de corporación de AV e do PP?
É cómoda, coas lóxicas discrepancias, pero lévase ben.
Cales son os principais problemas que padece Vilasobroso?
Non somos alleos ao principal problema que padece todo o rural galego: O valeirado demográfico como consecuencia da escaseza de servizos e oportunidades laborais para podermos construír un proxecto de vida no lugar no que nacemos.
Que competencias ten unha ELM?
A principal é o coidado do noso patrimonio. Alí tamén incluímos o monte, as fontes, as presas, os lavadoiros, prazas, camiños e os mercados( este último suposto non nos atinxe, pero si hai ELM que teñen mercados)
Como vos financiades?
Por lei nós temos dereito a un mínimo do 25% dos impostos municipais da parroquia. Quero aclarar que levamos moi pouco tempo recibíndoo. Foi algo que se regularizou na alcaldía do BNG. Agora mesmo, tanto na alcaldía de Calis como con Pablo Barcia, o alcalde actual, temos que batallar para podelo cobrar. Cando nos chega esa partida podemos formularnos a posibilidade de acometer algunha contratación, algo que ata entón era imposible. Quixera salientar ao respecto do tema do financiamento, algo esencial para o funcionamento normal de calquera entidade, que a colaboración da DEPO e da Xunta é inexistente.
Desde que es presidente da ELM conviviches con 3 alcaldes diferentes: Emilio do BNG, Calis de Alternativa, e Pablo Barcia do PP. Como valoras a relación con eles?
Institucionalmente foi cordial cos 3.
A situación política de Mondariz é enormemente complexa. De feito dos 35 concellos da nosa área de influencia é o único no que non me atrevo a prognosticar nada en absoluto do que pode acontecer nas eleccións do 27.Cal é a túa opinión?
Na política municipal importa moito a persoa. Resulta difícil saber o que pode acontecer. Quero recoñecer o traballo titánico do alcalde Xosé Emilio Barros, en colaboración co PSOE. O goberno do 19-23 BNG-PSOE conseguiu moitísimas cousas,incluíndo un financiamento inaudito para Mondariz. Os veciños, que son soberanos, polo que sexa non o recoñeceron e danlle o apoio maioritario a Calis.
Logo toman unha decisión inédita e todo o equipo de goberno dimite. Para min esa actuación defrauda ás persoas que depositaron a súa confianza en Alternativa. A situación de Mondariz é complexa, si. Hai temas estruturais de moita importancia que foron abordados na alcaldía do BNG e que parece mentira que non estean enriba da mesa do alcalde actual nin que tampouco o estiveran na etapa de Calis.
Como está a saúde interna do BNG de Mondariz?
Está moi ben,no momento actual gozamos de moi boa saúde. É certo que a perda da alcaldía no 23 foi un golpe duro pero a diferenza doutros o BNG é un proxecto colectivo firmemente chantado na realidade social do pobo galego que se constrúe sempre de abaixo arriba. Temos corpo militante, activo e comprometido, nomeamos a unha nova responsable local, Alba Sanjurjo, unha muller nova, e estamos en plena forma e con toda a ilusión para tratar de chegar ao corazón da maioría social do pobo de Mondariz.
A dimisión de Xosé Emilio Barros?
El deixa de encabezar o BNG local pero segue sendo un importante activo do bloque de Mondariz. De feito na última xuntanza do consello local alí estivo con nós. A súa dimisión ven dada unicamente porque levaba moitísimo tempo como concelleiro. E na vida de calquera persoa chega un momento no que o corpo pide parar.
Se a asemblea de militantes de Mondariz decidira que ti es a persoa máis adecuada para encabezar a candidatura do Bloque ás municipais do 27, ti estarías disposto?
Eu son un militante do BNG, que é unha organización radicalmente democrática, e asumirei a decisión maioritaria que tome o conxunto da militancia, no momento que toque tomala.
