Detrás da pegada do xigante

Óliver Álvarez

Xaneiro semella durar sempre máis dos 31 días que lle corresponden no calendario. A velocidade e a intensidade coa que se suceden os acontecementos políticos a nivel internacional fan que os feitos acontecidos fai apenas unhas semanas nos resulten como moi distantes no tempo. A intervención de Estados Unidos en Venezuela que culminou co secuestro de Maduro, por exemplo, semella hoxe un feito distante no tempo a pesares de ter acontecido fai apenas unhas semanas.

Analizando este episodio xunto aos acontecementos que o sucederon -a ameaza expansionista de Trump cara Groenlandia e a súa obsesión por dominar o hemisferio occidental- venme á cabeza a imaxe dun xigante que avanza a grandes alancadas para evitar que observemos con atención o que vai deixando atrás.

Dunha banda, a operación de Venezuela debe entenderse como unha necesidade estratéxica orientada ao control dun recurso chave: o petróleo. Estados Unidos non pode permitirse que o petróleo flúa cara a China e aínda menos que se comercialice en Renminbi. Por esta razón debe asegurarse o apoio das petromonarquías organizadas na OPEP+, non só para que o petróleo siga vendéndose en dólares, se non tamén para manter un rango de prezos que oscile entre os 60$ o barril, por debaixo dese prezo o fracking deixa de ser rendíbel e os 80$ o barril, por riba dese prezo Rusia tería facilidades dabondo para colocar o seu petróleo no mercado internacional. Controlar o prezo e o subministro do cru é unha das chaves da estratexia actual dos Estados Unidos.

Parte desta estratexia pasa por consolidar ao dólar como piar da orde económica global. Para iso Estados Unidos precisa que o mercado global continúe funcionando en dólares. Trátase de evitar o posicionamento do Renminbi como moeda de referencia internacional. O mundo debe seguir mercando en dólares e, ademais, debe mercar produtos estadounidenses se o que se desexa é evitar que China supere aos Estados Unidos no liderado da economía global.

Aquí é onde entra la segunda parte da ecuación: para que os produtos estadounidenses sexan competitivos no mercado internacional, é precisa unha desvalorización do dólar. Un dólar máis débil favorece hoxe os intereses comerciais de Estados Unidos e reforza a súa capacidade exportadora.

Pero a desvalorización monetaria non é suficiente para esta fin. Tamén requírese un aumento da competitividade interna, algo que pode acadarse reducindo o custe da man de obra. É aquí, neste punto, onde encaixa a estratexia trumpiana de persecución da inmigración irregular.

A actuación da ICE, baseada na intimidación e o terror, transmite a falsa idea de que as persoas inmigrantes irregulares van a ser expulsadas masivamente dos Estados Unidos. Pero o que se procura é manter o control sobre unha masa de poboación traballadora en situación de reclusión social e medo permanente, que permita explotala de xeito máis eficaz. A sobreactuación sobre a poboación migrante, con esta crueldade extrema, non é máis que unha fachada de control sobre unha poboación extremadamente vulnerábel: precisan persoas que sairán de casa só para ir a traballar, sen capacidade de negociación sobre as súas condicións de traballo, ou de reivindicar dereitos laborais e co medo suficiente para aceptar calquera salario, por baixo que sexa.

Desde esta perspectiva, tanto o uso da forza para asegurar recursos estratéxicos na política exterior, a defensa do dólar como eixo vertebrador do comercio global, como o uso da xestión coercitiva da forza de traballo interna, non son elementos illados ou respostas improvisadas na deriva imperialista de Donald Trump. Son parte dunha mesma estratexia deliberada para intentar soster unha orde económica que amosa claros síntomas de esgotamento.

O ritmo acelerado dos acontecementos e a sobreactuación do conflito, dentro e fóra do país, só pretenden desviar a nosa atención, restarnos un tempo que nos permita a análise pausada e profunda, naturalizar o desorde para non ver o que deixamos atrás. Con ese paso acelerado sempre cara adiante o xigante non quere que reparemos nas fisuras que deixa atrás.