Esta empresa, a antiga Indugasa, é unha das industrias máis importantes da comarca de Vigo. Leva máis de medio século de actividade xerando emprego e estabilidade para milleiros de persoas que neste tempo pasaron pola factoría. Actualmente case 750 persoas prestan os seus servizos na planta viguesa, a práctica totalidade en situación de traballadores indefinidos. Teoricamente, despois dunha negociación entre empresa e traballadores no ano 2023, a estabilidade no emprego debera estar garantida por un período de 10 anos. Pero a realidade non se correspondeu neste caso coa teoría, e a dirección da empresa ven de presentar ao comité unha proposta de despedimento colectivo que afectaría a 72 persoas, practicamente o 10% da totalidade do persoal. Nós conversamos con Pedro Velasco, presidente do comité desde hai tres anos e membro do mesmo desde hai case dúas décadas. Pedro é militante da CIG, e manifesta a súa oposición a este expediente de regulación de emprego, e a intención do comité de empresa de non permitir ningún despido que sexa traumático. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
Pedro Velasco, presidente do comité de empresa.
“Pídolle á sociedade viguesa que apoie todas as medidas que tomemos en defensa dos nosos postos de traballo. Hoxe tócanos a nós, pero mañá pode tocarlle a calquera outro”
Canto tempo levas traballando na empresa?
Arredor de 30 anos.
No comité de empresa canto levas?
Cerca de 20 anos. Como presidente levo tres anos, asumín a responsabilidade no actual mandato.
Supoño que en 20 anos no comité terás visto de todo?
Si, a verdade é que si. Vin de todo, algunha cousa boa e moitas cousas malas: ERTES, Apagóns, os problemas dos microchips…Facer sindicalismo de clase non é nada fácil. Na CIG traballamos moi duro co único obxectivo de mellorar as condicións da clase traballadora. E podo asegurar que ás veces a vida sindical supón un importante deterioro da vida persoal.
Cantos traballadores e traballadoras ten a empresa?
Algo menos de 750
Todos indefinidos?
Si. Grazas a un acordo que chegamos coa empresa para captar unha produción, que se supuña nos ía dar estabilidade por un período de 10 anos, logramos facer a todo o persoal indefinido.
Quen é a propiedade de GKN?
Nos últimos anos pasamos por diversas mans. Somos unha multinacional que está en todos os continentes. O capital é anglo alemán. Agora mesmo acábese de facer unha especie de compra fusión e pasaremos a ser propiedade dunha empresa americana chamada AAM. Nos vindeiros meses cambiaremos de nome, de logo e de imaxe corporativa.
Este cambio de propiedade ten algo que ver co ERE que se vos ven de presentar?
Penso que non. É un ERE que só afecta a esta fábrica. Ningunha outra do grupo está afectada.
Canto coñeces a intención da empresa de presentar un ERE?
Nos últimos días de xaneiro convocan ao comité e nos trasladan a intención de facer un despido colectivo. Abren o período de consultas e iníciase un período de negociación nunha mesa entre o comité e a dirección da empresa. Na primeira xuntanza, o 29 de xaneiro, achegáronnos unha memoria explicativa cos argumentos da empresa para xustificar as súas razóns para o ERE.
A cantos compañeiros/as afectaría esta proposta de ERE?
A 72 persoas, practicamente ao 10% do persoal.
Sabemos as persoas que estarían afectadas?
Sabemos os departamentos.
As condicións de despedimento que ofrece a empresa?
Non as coñecemos de momento.
Facemos esta entrevista pouco despois desa primeira xuntanza. Imaxino que aínda non teriades tempo de estudar esa memoria?
Estamos estudándoa, si. Pero polo que fomos vendo xa hai cousas que non nos cadran: eles queren facer un ERE xustificándoo como produtivo, técnico e organizativo e nós pensamos que as auténticas razóns son económicas. Nós solicitamos diversa documentación de tipo económico para podermos analizar todo con rigor.
Entramos entón nunha fase de negociación , e toca esperar, supoño?
Eu tiña a esperanza de que acontecera algo semellante ao que pasou en GKN Euskadi hai un par de anos. Alí ofreceron cartos para incentivar as saídas de persoas que estaban nos 58/ 59 anos. Pero valorando o que nos presentaron xa temos claro que afectaría a xente que non está nese abano de idade. Unha situación que sería traumática para as persoas afectadas. Todo o comité estamos na mesma posición de non permitir ningún despido traumático.
Prevés unha negociación dura e longa?
Ben, isto ten uns prazos. Agora temos un mes no que achegaremos a nosa posición razoada de por que pensamos que este ERE non é necesario. A partir de aí establecemos un calendario de dúas xuntanzas por semana.
Cantas persoas sodes no comité e de que sindicatos?
Somos 21 : 8 de CIG, 7 DE COO, 5 DE UXT e 1 da CUT
Ao longo das negociacións contemplas como posible calquera tipo de escenario?
Si.
Incluso a folga?
A deriva destes últimos anos foi moi grande. O persoal cedeu certos dereitos adquiridos a cambio de garantir a estabilidade durante 10 anos. E agora 2 anos despois véñennos con isto?..A plantilla está moi queimada. Sentímonos enganados, e temos claro que se volvemos ceder en breve teremos que sufrir unha nova volta de porca..E si, calquera escenario, incluso ese polo que me preguntas, é posible.
A posición do comité referente a non permitir despidos traumáticos é unánime? Ou tes medo de que que poida haber fendas?
Polo de agora a posición é unánime e agardo que así siga sendo ao longo de todo o proceso. Neste tipo de asuntos é esencial a unidade sindical.
Eu só podo responder por min e polo meu sindicato, e nese sentido podo dicir con rotundidade que a CIG non vai permitir ningún despido traumático. Agardo que o resto de sindicatos estean nesa posición ata que este proceso remate.
Grazas e sorte Pedro
Só unha cousa máis. Aproveito a oportunidade das vodas páxinas para dirixirme á sociedade viguesa e pedirlle que apoie todas as medidas que poidamos tomar:Hoxe tócanos a nós pero mañá pode tocarlle a calquera outro.

Primer comentario