Os negocios de toda a vida

A ferretería de Julio Pérez Giráldez, memoria vida de A Caniza.

O día que Julio decida pechar o seu negocio A Caniza vaino botar de menos. Julio leva toda unha vida atendendo á veciñanza da súa vila coa súa mirada cálida e cordial, o seu sorriso oceánico e a súa inmensa capacidade para escoitar a calquera persoa que se achegue pola súa ferretería a mercar calquera cousa, ou simplemente a conversar. Porque si, Julio é un excelente conversador que suma aos seus máis de 60 anos de actividade profesional, ferreteiro, comercial, dependente, transportista, repartidor de prensa.., unha capacidade innata para escoitar aos demais e encontrar as palabras adecuadas para construír un universo de comodidade e calidez no centenario espazo do seu negocio de ferretería. Julio é un vello amigo de A Nova Peneira co que foi un pracer conversar e coñecelo un pouco máis. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Hai que ser sincero cos clientes, e buscar sempre o mellor para eles”

De onde es ti natural?

De San Amaro na provincia de Ourense. Nacín en 1947.É un sitio moi preto da Cañiza, está a uns 20 quilómetros de distancia

Cando chegaches á Caniza?

Eu levo toda a vida aquí. Cheguei cando tiña catro anos, en 1951.

Cal foi o motivo de que chegaras á Caniza?

Porque os meus pais montaron unha carnicería. Estaba na rúa Progreso, xa pechou hai moitos anos.

Cando empezaches a traballar?

Moi pronto. Cando tiña 13 anos. Traballaba polo día e ía estudar de noite a unha academia,a academia de Don Pedro. Traballaba de dependente nun comercio de tecidos. Logo cando cumprín 18 anos marchei a Vigo.

Que fas en Vigo?

Marchei para uns almacenes que naquela época eran moi importantes:”Almacenes Gran Vigo”.Logo fun para “ Textil Hogar”.Estiven tanto de comercial como de encargado de tenda.

Ti comezaches traballar novo, e seica casaches novo tamén?

Pois si, casei cando ía facer os 21 anos.

Levas toda unha vida con Mari Carmen. Lembras onde a coñeciches?

Si, claro que o lembro. Ela é de Arbo e coñecina nunha festa no seu pobo.

En que ano volviches á Caniza?

Hai 42 anos, comprei o local onde teño a ferretería na actualidade.

O negocio xa existía antes de que ti o montaras?

Si, chamábase Ferretería Pintos. O negocio ten arredor de 140 anos de antigüidade. Desde hai 40 anos estiven vivindo ininterrompidamente do negocio.

Pero polo que eu sei fixeches máis cousas?

Si, a verdade é que traballei moitísimo. Tamén cheguei a repartir prensa por Vigo e pola península do Morrazo. Lembro ir nun Seat 1500 dos daquela época e que nos días de chuvia tiña que parar un feixe de veces a limpar o parabrisas. Incluso levei por moitas zonas as valixas da Caixa de Aforros. A verdade é que toda a vida traballamos moito.

Que produtos podemos encontrar na ferretería?

Somos unha ferretería convencional. O que hai que ser é sempre sincero co cliente e buscar sempre o mellor para el. Eu tiña armería, pero deixeina,e durante moito tempo tamén fixen transporte.

A onde ías co camión?

Ía por toda España e por moitos sitios de Europa tamén: Lisboa, París, Berlín..

En tantos anos de traballo seguro que viviches todo tipo de contextos: bos, malos e regulares. Atreveríaste a dicir cal foi o peor contexto económico de todos estes anos?

Eu creo que o actual. Antes traballabas moito pero gañabas suficiente para construír un proxecto de vida que permitira vivir con dignidade. Agora traballar moito, ou incluso moitísimo, non asegura nada. As cousas póñense moi difíciles, especialmente para a mocidade

Alén dunha intensa vida laboral, tamén tiveches un paso pola política, verdade?

Si, fun nunha lista independente que encabezaba José Carpintero. Cheguei a ser concelleiro catro anos. Estaba Mera de alcalde.

Cal foi o motivo que impulsou a túa participación política?

A defensa dos intereses do meu pobo. A min nunca me fixo falta a política para vivir e considero que non depender da actividade política para poder vivir é a mellor maneira de poder actuar con liberdade. No caso contrario, se o teu salario está na actividade política, podes verte obrigado a tragar con cousas que non cres ou coas que non estás de acordo.

Cal é o mellor recordo do teu paso pola política?

Regularizar o polígono industrial.

Que tal relación tiveches cos tres alcaldes que coñeciches?

Moi boa cos tres. Tanto con Mera como con Miguel como con Piña estiven moi ben cos tres.

Ao teu xuízo que sería necesario para mellorar A Caniza ?

Non é unha pregunta fácil. O rural galego en liñas xerais atravesa problemas serios e A Cañiza non é ningunha excepción. Pero eu vexo ao noso pobo un tanto frío. Boto de menos máis iniciativas para tratar de dinamizar a actividade comercial e a vida en xeral.

Por que non te xubilas?

Porque me gusta o que fago. Estou moi a gusto tratando coa xente e atendendo á clientela que me ven visitar. Mentres a saúde responda non vexo razón algunha para deixar de facer o que me gusta. Que quede claro que non é polo que dá a tenda, que xa é moi antiga. É porque adoro o trato coa xente. Sírveme para sentirme vivo. Ás veces a xente venme contar as súas frustracións e os seu problemas, eu escóitoos con atención e interese e síntome como un pouco psicólogo.

Tes fillos?

Si, un fillo e unha filla. Pero ningún dos dous ten interese en seguir co negocio.

Cando se acabe a túa vida profesional, a ferretería morre?

Se alguén estivera interesado traspasaríaa, claro. No caso contrario pois quedaría como unha especie de museo.

Rematamos. Cal é a túa opinión do cambio de topónimo da vosa localidade que pasará a adoptar a forma galega orixinal e chamarse A Caniza?

Cando eu era neno esa era a forma maioritaria. A xente dicía A Caniza. Logo no franquismo pasou a ser La Cañiza, posteriormente A Cañiza e agora un novo cambio. Tanto cambio a verdade non sei eu.

Primer comentario

Deixa a túa opinión